venres, 30 de maio de 2014

O Consello Escolar do Estado esixe a Educación gratuidade dos libros de texto e material curricular



Cacheiras tamén rexeita en referendo a relixión nas aulas

O 87,5% dos pais e nais que participaron no referendo organizado polo colectivo Somos Parte no IES Cacheiras (Teo) rexeitou que a relixión teña valor académico nos currículos (isto é, contar, coma o resto das materias, para cuestións como o acceso ao ensino superior ou para a adxudicación de bolsas), e o 74,5% opuxéronse a que comparta horario con outras materias. É a segunda vez que se realiza unha votación deste tipo, despois da que a comezos de abril se levou a cabo no CEIP Os Tilos, con resultados semellantes. A partir deste venres comezarase a votar no CEIP A Ramallosa, tamén no Concello de Teo.
O colectivo Somos Parte, unha Plataforma de Pais e Nais por un Ensino Público Democrático que consideran que as decisións que atinxen á educación dos fillos deben contar co consenso de toda a comunidade educativa, salientou o rexeitamento maioritario á presenza da relixión nas escolas públicas, e a necesidade de que os pais e nais poidan expresar a súa opinión sobre algúns dos cambios máis importantes e polémicos introducidos pola LOMCE. O colectivo quere estender estas votacións a centros de ensino de toda Galicia, un proceso no que veñen traballando dende hai uns meses e que esperan levar a cabo o vindeiro curso.
No referendo participaron 214 pais, nais ou titores legais dos 645 alumnos, aínda que moitos deles teñen varios fillos estudando no mesmo centro e só votaron unha vez. A votación realizouse ao longo de toda a semana pasada no mesmo centro de ensino, no que se colocou unha urna pechada e precintada. Os votos eran nominais (tiñan que ir identificados cos nomes e apelidos dos pais e nais, o número do DNI e asinados) e o reconto foi verificado pola xuíza de paz do Concello de Teo, Rosa Gómez Limia.
Hai unhas semanas Cochi García, unha das voceiras de Somos Parte, sinalaba que "queremos trasladar estas mesmas preguntas a outros centros de ensino de Galicia, para ter unha resposta global, que sexa representativa a nivel galego" e explicaba que "contactamos xa con algunhas Anpas, e outras contactaron directamente con nós interesándose polo tema, pero queriamos concluír esta primeira experiencia para aprender, solucionar erros, e ter un modelo de funcionamento que amosar".
"Queremos saber que opina a comunidade educativa con respecto a estas normas que van entrar en vigor e con respecto a outras. Trátase de democratizar o sistema, e de trasladarlle á administración o que pensan os pais e nais"
Conchi García subliñaba así mesmo que Somos Parte "non está vencellada a ningún grupo ideolóxico, somos unha plataforma de pais e nais, cada un coa súa ideoloxía" e engade que nin sequera fan campña "a favor ou en contra de ningunha medida en concreto". "Nós queremos facer aquilo que a administración non fixo: consultarlles aos pais e nais que é o que queren, que é o que pensan que é mellor para os seus fillos e fillas. Queremos saber que opina a comunidade educativa con respecto a estas normas que van entrar en vigor e con respecto a outras. Trátase de democratizar o sistema, e de trasladarlle á administración o que pensan os pais e nais", concluía.

Escenifican as semellanzas entre a escola do franquismo e a que pretende a LOMCE

O acto organizado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensiino Público decorreu no Museo Pedagóxico de Galiza, onde o escritor e profesor Xabier P. Docampo contou a súa propia experiencia como alumno no ensino franquista.

Un anel de chumbo que o profesor poñía no dedo ao neno que collía falando galego. Un anel que este neno tiña que 'pasar' a aquel compañeiro ou compañeira de escola que atopase falando galego. E así sucesivamente. O neno que chegase o final do día con ese anel, tiña que pagar un peso de multa. Esta foi unha das historias reais que o premio Nacional deLiteratura Xabier Docampo viviu en carne propia e que esta cuarta feira contou durante o acto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
O acto decorreu no Museo Pedagóxico de Galiza e tiña unha intencionalidade clara: escenificar as semellanzas entre a escola do franquismo e a que pretende a LOMCE, 'actualizándoa' para o século XXI.
España e Relixión
Xabier Docampo resaltou o doado que é comparar a LOMCE co ensino no franquismo. “Era unha escola que se centraba na Relixión, que era o elemento central arredor do cal xiraban todos os saberes”, explicou. Coa LOMCE refórzase a  confesionalidade e chegamos ao absurdo -engadiu- de que haxa compañeiros que sexan sancionados por negarse a partipar en actividades relixiosas.
“Chegabamos todos falando galego mais a única lingua que existía, desde que entrabamos pola porta, era o castelán”; e a segregación “brutal” que sufría  o alumnado foi outra das experiencias narradas polo mestre e escritor. O clasismo, a xerarquización, o autoritarismo e a masificación das aulas foron outros aspectos que repasou o escritor durante a súa intervención nunha das aulas do Mupega.

Este acto contra a aplicación da LOMCE e os recortes no ensino público terán continuidade nos actos reivindicativos que  organiza para o 4 de xuño a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en todas as cidades ás sete da tarde, agás en Ferrol que vai ser ás oito.

Após desmantelar o CELGA, Política Lingüística utiliza bolsas para cubrir os Lectorados de Galego

espois do desmantelamento do cadro de persoal do CELGA, a CTNL denuncia que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a utilizar bolsas de formación para cubrir postos de traballo no Lectorados de Galego. 

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) vén de denunciar que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a utilizar de maneira “perversa” bolsas de formación no canto de facer contratacións laborais nos Lectorados de galego.
Das dez prazas de lectorado que a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca, seis serán cubertas mediante bolsas de formación. Barcelona, Complutense de Madrid, Granada, Algarve, Padua e Roma, verán ocupados os postos por bolseir@s en formación, segundo se deduce da convocatoria que saíu publicada no DOG do 22 de marzo. As súas funcións serán idénticas ás dos lectorados de Estremadura, Deusto, Cork e Miño, estas si, cubertas por medio de contratos laborais.
A CTNL cualifica esta convocatoria como un “novo retroceso para o galego”, que, ao seu ver, “afonda na desigualdade de condicións laborais, fixando diferenzas entre uns Lectorados e outros cando os requisitos e as funcións dos/as lectores/as son exactamente as mesmas”. Lamentan tamén que, dada a situación do mercado laboral, sitúen o límite para se presentar á convocatoria en 35 anos. A Coordinadora reclámalle á SXPL que “corrixa de inmediato esta irregular utilización das bolsas de formación nos Lectorados e que todos os lectores e lectoras de galego sexan contratados/as legalmente e en igualdade de condicións”.

Segundo Agir, Galicia Bilingüe denuncia a un alumno por se solidarizar cos encausados no #8f45anos

Agir afirma que a denuncia de Galicia Bilingüe resultou na abertura dun expediente a un estudante dun IES de Pontedeume. Sermos Galiza non puido aínda confirmar este dado.

Dentro da vaga de solidariedade para coas 12 persoas encausadas no proceso #8f45anos un grupo de alumnos do IES Breamo de Pontedeume fíxose unha foto con cartaces coa lenda 'Defender o galego non é delito'. Unha imaxe que rapidamente se espallou polas redes sociais merecendo mesmo os agradecementos de varios dos encausados.
A raíz dese simple acto de solidariedade, Galicia Bilingüe iniciou unha campaña pola cal denunciou ante o centro educativo esa mostra de solidariedade, que decorreu durante o tempo de recreo dos estudantes.
Investigación
Segundo informa Agir, a dirección do IES teríase posto en contacto cun dos alumnos, militante desa organización estudantil, para lle notificar o inicio dunha investigación e a apertura dun expediente. AGIR sinala que a propia dirección recoñeceu a este estudante que Galicia Bilingüe mencionara o seu nome na denuncia.
“Na realidade, o jovem que vai ser investigado nom sabe com claridade quais som os possíveis fatos que ficam fora da legalidade, nem as razons polas que se lhe culpabiliza em concreto à sua pessoa”, afirman desde Agir nun comunidade de imprensa.
Esta organización destaca que o mozo xa recibiu mostras de solidariedade e de apoio dos seus e súas compañeiras, como a colocación de mensaxes de ánimo redactados polo propio alumnado nos taboleiros do centro.
Máis informacion:
 http://www.sermosgaliza.com/articulo/lingua/galicia-bilingue-galiza-lingua-sancion/20140529211346027832.html

xoves, 29 de maio de 2014

´A lingua galega debe deixar de ser motivo de debate e instrumento de denotación´


Ramón Villares Presidente do Consello da Cultura Galega: "Non se vai salvar só porque se ensine na escola, salvarase se a sociedade a apreza".


Por unanimidade, o catedrático de Historia Contemporánea Ramón Villares (1951) seguirá a ser o quinto presidente do Consello da Cultura Galega (CCG). Na Galicia das loitas con antropofaxia metafórica e dos movementos pantasmas de marcos en leiras físicas ou institucións, o CCG segue a súa maina historia. Por catro anos máis, Villares seguirá co seu proxecto.
–Este ano, van conmemorar o 70 aniversario de Sempre en Galiza de Castelao.
–Si, queremos a través do Twitter, pór parágrafos do libro para divulgar o contido. Tamén se fará unha homenaxe na que persoas fisicamente ou dende internet lerán anacos de Sempre en Galiza, xa está a xente seleccionada. E imos colocar o libro na web corporativa. Este é un servizo que xa fixemos con Cantares gallegos e Follas Novas, e que queremos facer con outras obras referencia da cultura galega.
–Algúns estudosos rosalianos criticaron que xente allea ó contido de Rosalía se apropiaba do seu discurso. Ocorre o mesmo con Castelao ou non?
–Rosalía, Curros, Castelao€ son clásicos e o son porque interesan a moita xente. Penso que Castelao e Rosalía non son de ningúen; son do pobo galego. Son textos de inspiración, de referencia, mesmo de confrontación e debate. O Consello Galego non ten nada que dicir aí, senón fomentar a súa divulgación e que non se deturpe o texto. A interpretación é libre. Se hai debate sobre estes textos, hai vida.
–A catedral de Santiago, entre outros bens relixiosos, precisa dunha reforma. Debemos ser os contribuíntes quen a financien ou debe botar o resto a Igrexa?
–Este é un asunto bastante delicado. É patrimonio que está a disposición do público pero que ten titularidade privada, a Igrexa. Pero a Igrexa alega non ter recursos suficientes para mantelo e preservalo. Hai tres alternativas compatibles. Unha é que a Igrexa coide de parte do seu patrimonio cos seus recursos. Segundo, os católicos, os que son practicantes, poden axudar a preservar ese ben cultural, como mecenas, como se fai en varios países de Europa para restaurar un órgano, restaurar unha igrexa ou un cadro, a través de asociacións de amigos da catedral, do mosteiro... En terceiro lugar, está o Estado, que non pode estar á marxe. A min, gustariame que houbera un debate sobre este punto, unha contribución plural.
–Agora, fale coa cabeza e non co corazón. Como ve a situación da lingua galega?
–O galego fixo un tránsito rápido e relativamente eficaz dende unha fala popular pouco prestixiosa a unha lingua de prestixo e culta. Ese paso foi posible grazas á autonomía e ás institucións que creou como a Crtvg, o Consello da Cultura Galega... A lingua galega ten unha descompensación. Hai moita xente que aprendeu o galego pero que non o fala. Iso débese en boa medida a problemas de conflito sobre a lingua. Temos que chegar a un punto no que a lingua deixe de ser motivo de debate, que deixe de ser un instrumento de denotación. É dicir, que o que fale galego non sexa denotado. A lingua ten que ser neutral, isto temos que conseguilo entre todos. Do contrario, conseguiremos unha lingua de parte e non neutral. De pouco serve que se coñeza, se non se usa aceptando todas as variantes e as imperfeccións. Hai que vela como algo que nos enriquece e non que nos dá problema. Que é utópico? Pois pode ser pero isto é imprescindible. A lingua non se vai salvar só porque se ensine na escola ou porque digamos nós que hai que salvala. Salvarase porque a sociedade galega a estime e aprece.
–Un proxecto futuro é o inventario de documentos galegos no exterior.
–Queremos facer un plan director que marque as pautas para o futuro dese patrimonio, onde debe estar colocado, se pode haber unha copia ou dúas, establecer un protocolo de actuación sobre o patrimonio galego na diáspora que foi gardado con moito mimo polos devanceiros. Moitos destes centros galegos están en mans de persoas bastante envellecidas. Pode correr o perigo de perderse moito ben, e iso é o que temos que tratar de resolver. Temos que intentar tratar con eles e coas autoridades da Secretaría Xeral da Emigración diso en beneficio da cultura galega.
–É obrigado que lle pida a súa opinión sobre os resultados das eleccións europeas.
–Son unhas eleccións falsamente europeas que revelan o problema no que está metida politicamente Europa. Cada estado ten unha queixa de Bruxelas, que ata son dos propios estados. Os ministros, os comisarios, os candidatos dos partidos€. critican Europa. Dan ganas de preguntarlle: ´Mire, vostede, onde está? En Asia, África?´. É unha contradicción total. Non son eleccións europeas, senón sumas de eleccións nacionais. En España, hai unha deslixitimación dos dous grandes partidos e unha fragmentación das alternativas na esquerda que hai que ver como se canaliza. Canta máis fragmentación de partidos, máis ingobernable é un país. Protestar contra o bipartidismo e a alternancia está ben, pero moitas veces, a alternativa é peor.
 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público escenifica as semellanzas entre a escola do franquismo e a que pretende a LOMCE

A lembranza da realidade escolar durante o franquismo e a súa comparación co modelo educativo que pretende implantar o PP coa LOMCE foron os protagonistas dun acto simbólico organizado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público no Museo Pedagóxico de Galiza este mércores 28 de maio. Os e as asistentes tiveron a oportunidade de coñecer as experiencias como alumno durante a ditadura do mestre e escritor Xavier Docampo quen denunciou o “brutal” retroceso que supón a LOMCE.
Xabier Docampo (Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil) resaltou o doado que é comparar a LOMCE co ensino no franquismo. “Era unha escola que se centraba na Relixión, que era o elemento central arredor do cal xiraban todos os saberes”, explicou. Coa LOMCE refórzase a  confesionalidade e chegamos ao absurdo -engadiu- de que haxa compañeiros que sexan sancionados por negarse a partipar en actividades relixiosas.
Xabier Docampo tamén se referiu á situación do idioma “chegabamos todos falando galego mais a única lingua que existía, desde que entrabamos pola porta, era o castelán”; e á segregación “brutal” e contranatura que sufría  o alumnado. O mestre e escritor, que insistiu en “canto de verdade hai” na afirmación de que a LOMCE é un retroceso.  Tamén compartiu a súa experiencia  coas reválidas das que dixo “significaban a perda dun ano de aprendizaxe que era dedicado exclusivamente a preparar a proba.  O clasismo, a xerarquización, o autoritarismo e a masificación das aulas foron outros aspectos que repasou o escritor durante a súa intervención nunha das aulas do Mupega.
Este acto contra a aplicación da LOMCE e os recortes no ensino público terán continuidade nos actos reivindicativos que  organiza para o 4 de xuño a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en todas as cidades ás sete da tarde, agás en Ferrol que vai ser ás oito.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga Estudantil Galega,  Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO).

O proxecto curricular de primaria: "espírito emprendedor" e nin rastro do franquismo

“Sentido de iniciativa e espírito emprendedor”. Esta é, segundo o Proxecto de Decreto polo que se estabelece o currículo de Educación Primaria, unha das competencias clave que os nenos e nenas galegas de 6 a 12 anos deberán desenvolver nas aulas. Para o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) trátase dun dos varios elementos que no proxecto curricular elaborado pola Consellaría de Educación para o vindeiro curso teñen un “marcado sesgo ideolóxico” e alentan un declarado “afán de adoutrinamento” na educación, citando as declaracións realizadas (nun senso moi distinto) polo ministro Wert.
De igual xeito, no artigo 11, que fixa os "contidos transversais" recóllese a importancia da participación dos nenos e nenas "en actividades que lle permitan afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial”. En cambio, lembra o sindicato, en ningún lugar do decreto se prevé a existencia de contidos relacionados coa educación afectivo–sexual. Para o STEG este deseño "obedece a unha concepción de marcado nesgo neoliberal e que está  inspirada nunha lóxica máis mercantilista que propiamente educativa".
En ningún lugar do decreto se prevé a existencia de contidos relacionados coa educación afectivo–sexual
Non é a única crítica que o sindicato realiza ao proxecto de decreto. Sinala, igualmente, que entre os contidos transversais prevé “o estudo do Holocausto xudeu como feito histórico”. Para o STEG, que non nega a necesidade do estudo deste feito, "existiron na historia varios holocaustos e que paga a pena incluílos todos eles: o holocausto armenio, o xudeu, xitano, a actual crise humanitaria en territorios palestinos provocada por Israel ou os xenocidios das poboacións orixinarias nas américas". Nese mesmo senso, bota en falta que na área de valores sociais e cívicos, canda ao estudo do holocausto xudeu e os campos de concentración do nazismo, non se estude a guerra civil ou a represión franquista. Ou que por exemplo, mentres en varios lugares se recomenda o estudo da Monarquía española, non haxa nin unha mención a outras formas de goberno, coma a República, e tampouco referencia ningunha á ditadura franquista.
Mentres en varios lugares se recomenda o estudo da Monarquía española, non haxa nin unha mención a outras formas de goberno, coma a República, e tampouco referencia ningunha á ditadura franquista
O decreto desenvolve algúns dos elementos máis criticados da LOMCE, que retira varias das súas competencias aos Claustros. No seu artigo 6 refírese á autonomía pedagóxica e organizativa "da que en teoría van dispoñer os centros docentes, mais, como marca a LOMCE, serán as direccións e non os Claustros (como viña sendo até agora), as que pasarán a ter a potestade de aprobar a Programación Xeral anual". Para o STEG fálase de “autonomía” para as direccións dos centros, "pero non para o conxunto de sectores da comunidade educativa representados no Claustro e no Consello Escolar". O sindicato conclúe que "o proxecto consagra unha ferramenta máis para privarnos da participación e do dereito ao control democrático na vida dos centros educativos".
Para o STEG fálase de “autonomía” para as direccións dos centros, "pero non para o conxunto de sectores da comunidade educativa representados no Claustro e no Consello Escolar"
De igual xeito, no artigo 12 fálase das reválidas dos cursos 3º e 6º, que o STEG rexeita "porque a verdadeira avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado ten que ser continua e global e debe ser realizada non por axentes externos, senón polas propias persoas docentes en cada centro". Para o sindicato "estas dúas probas, con toda seguridade, farán perder un tempo precioso na súa preparación, deturparán en certa medida o enfoque e os contidos de moitas das actividades que se desenvolvan durante o curso nos centros" e, ademais, "lanzarán a unha parte do profesorado e a unha porcentaxe de centros a unha dinámica de competitividade" para quedaren por riba dos "valores que a Consellaría, para tal obxecto, determine", como afirma o decreto neste artigo.
As reválidas "farán perder un tempo precioso na súa preparación, deturparán en certa medida o enfoque e os contidos de moitas das actividades que se desenvolvan durante o curso nos centros"
Por último, o STEG critica a falta de información sobre a dispoñibilidade das horas de libre configuración que terán á súa disposición os centros "para afondar e/ou reforzar algunha das áreas deste bloque” ou para “optar por establecer outra ou outras áreas que determine o centro”. O sindicato denuncia que este punto do decreto pode servir para que algúns centros se especialicen mediante un “proxecto educativo de calidade” (artigo 122 bis da LOMCE), que deberá ser “competitivo” e ao que se lle permitirá xestionar tanto recursos humanos como materiais e financeiros. Ábrese -salienta- a porta para "seleccionar unha parte do profesorado se se opta por esta especialización".

mércores, 28 de maio de 2014

A Mesa pola Normalización Lingüística participou no encontro da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) celebrado o pasado sábado en València

Unha delegación composta polo seu presidente, Marcos Maceira, e o seu Coordinador de Zonas, Paulo Filgueiras, tratou a situación do galego neste encontro internacional e denunciou a política galegófoba de Feixó.
Marcos Maceira: "A igualdade entre os pobos de Europa non é posíbel sen a igualdade entre as linguas de Europa". " Feixó e o Raxoi deben cumprir co sinalado pola Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, ratificada polo Estado español".

Unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística composta polo seu presidente Marcos Maceira e o seu Coordinador de Zonas Paulo Filgueiras, participou en València no encontro da European Language Equality Network (ELEN).

Maceira sinalou "a importancia deste encontro para internacionalizar a loita contra a política de odio á nosa lingua que está a institucionalizar o presidente Feixó, nunha liña contraria non só ao marco legal galego, senón mesmo o Europeo establecido na Carta Europea das Linguas minorizadas" que, lembrou, é de obrigado cumprimento. Neste encontro europeo, A Mesa pola Normalización Lingüística presentou  un informe sobre a situación da lingua galega, e denunciou os retrocesos para o galego nos diferentes ámbitos, nomeadamente o do ensino.

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) aprobou a Declaración de València, na que apela" á construción posíbel dunha Europa democrática, multilingüe, que respecte a aspiración dos pobos a viviren nos seus idiomas e culturas diversas, en diálogo e solidariedade mutua", e fai un chamado aos e ás eurodepatudas electas e aos Estados "ao respecto total dos principios universais que fundan a humanidade, para todas as persoas, sen distinción de lingua ou de pertenza a unha nación minorizada ou minoritária".

Esta rede da que a Mesa pola Normalización Lingüística fai parte representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos. O seu traballo concéntrase na promoción e protección das linguas e comunidades lingüísticas minorizadas de Europa así como na súa revitalización, e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo,do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte ademais da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.

Declaración de València das organizacións de ELEN (Rede Europea pola Igualdade das Linguas).
24 de maio de 2014

Construírmos unha Unión Europea do multilingüismo, onde todas as linguas se respecten por igual

1)       A Unión Europea construíuse co alicerce dos estados que guerrearon durante moito tempo por aseguraren a súa dominación.  2)       Os países europeos quixeron estender a súa dominación polo mundo co imperialismo e a colonización, con xenocidios, escravitude, tráfico negreiro e numerosos crimes contra a humanidade.
 3)       A Unión Europea fúndase nos valores da democracia e dos dereitos humanos, e comprende os dereitos das persoas que pertencen ás minorías (artigo 2 dos tratados).
Estes valores de respecto á dignidade humana, a liberdade, a igualdade, o estado de dereito, non poden aplicarse unicamente en beneficio das persoas que pertencen ás maiorías dominantes. Débense aplicar a toda a cidadanía, e en particular aos que pertencen a grupos ou pobos minorizados ou minoritarios que posúan as súas propias linguas, e que expresen as súas propias culturas no seo da Unión Europea.
 4)       No momento en que se desenvolven as eleccións ao Parlamento europeo, as ONG reunidas en ELEN, Rede Europea pola Igualdade das Linguas, apelan a todos os deputados, todas as deputadas e todos os Estados ao respecto total dos principios universais que fundan a humanidade, para todas as persoas, sen distinción de lingua ou de pertenza a unha nación minorizada ou minoritaria.
 5)       As ONG reunidas en ELEN denuncian en particular o grave risco de se repregaren sobre si mesmos os Estados-nación que estiveron na orixe de guerras fratricidas entre os pobos, do imperialismo, do colonialismo e de xenocidios inaceptábeis.
 6)       Denuncian os etnocidios que tamén estes Estados perpetraron, isto é, a destrución organizada polos sistemas dominantes das linguas e das culturas dominadas, co obxectivo da unificación dos Estados.
 7)       Apelan á construción posíbel dunha Europa democrática, multilingüe, que respecte a aspiración dos pobos a viviren nos seus idiomas e culturas diversas, en diálogo e solidariedade mutua.
 8)       Afirman a súa vontade, máis decidida que nunca, de traballaren colectivamente por un mundo que se funde nos principios de respecto e de solidariedade entre todos os pobos, no traballo a carón da xente e en estreita relación coas organizacións internacionais que teñen ao seu cargo o futuro do planeta. Apelan a todas as boas vontades a se encontraren nesa dirección.

O TC admite a trámite os seis recursos contra a ‘lei Wert’

Os recursos foron interpostos polo grupo parlamentario socialista no Congreso, o Goberno e o Parlamento de Cataluña e os Gobernos de Andalucía, Asturias e Canarias

 O Tribunal Constitucional (TC) admitiu a trámite este xoves os seis recursos de inconstitucionalidade presentados contra a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce), segundo informou esta institución a través dunha nota de prensa. Os recursos foron interpostos polo grupo parlamentario socialista no Congreso, o Goberno e o Parlamento de Cataluña e os Gobernos de Andalucía, Asturias e Canarias.

O TC acordou dar traslado de cada unha das demandas ao Congreso, ao Senado e ao Goberno, que dispoñerán de 15 días para acudirse nos distintos procedementos e formular as correspondentes alegacións.

Pais de Cataluña impulsan escolas insumisas á LOMCE

A Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Cataluña (Fapac) impulsa unha rede de escolas insumisas á Lomce, ás que anima a adoptar o manual de resistencia activa que elaborou e entre cuxas propostas inclúe non pedir a escolarización en castelán.

O vogal da xunta da Fapac, Andrés Encinas, e os membros da Xarxa d'Escoles Insubmises (rede de escolas insumisas, XEI, nas súas siglas en catalán) María José Ruiz e Belén Tascón, presentaron hoxe en rolda de prensa en Barcelona estas iniciativas en contra da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), aprobada en novembro do pasado ano cos únicos votos a favor do PP. Aínda que non quixeron cuantificar cantas escolas apoian esta iniciativa, os impulsores da rede definírona como "unha proposta que vai en contra do espírito da Lomce pero non en contra de desobedecela".

Entre outras medidas, o manual elaborado pola Fapac avoga por que as familias valoren accións de resistencia como non esixir a escolarización en castelán, non pedir a materia de relixión e non levar aos seus fillos ás probas externas de terceiro e sexto de primaria, xa que se considera que estes exames non son vinculantes.

Outras propostas destinadas aos docentes consisten en persistir na inmersión lingüística, manter as competencias dos consellos escolares, non facer a especialización curricular, esixir a dotación económica que prevé a Lomce para novas tecnoloxías e para os alumnos con necesidades educativas especiais, manter a educación en valores e promover o pensamento crítico, entre outras.

Os representantes de Fapac pretenden que a consellera de Ensino, Irene Rigau, ''sitúese claramente" en contra da Lomce porque, "máis aló de declaracións de carácter xenérico, non tomou ningunha medida explícita", excepto no tema da inmersión lingüística e a non aplicación da Formación Profesional Básica por temas económicos. "Ao departamento (de Ensino) esixímoslle imaxinación, decisión e tamén valentía", indicou Encinas, que recordou que o Marco Unitario da Comunidade Educativa (MUCE) pedirá proximamente ao Parlament de Cataluña que inste a Rigau a que mitigue a aplicación da lei.

Andrés Encinas foi rotundo ao afirmar: "desde a Fapac rexeitamos completamente a lei, aínda que temos moi claro que as políticas regresivas nin comezan nin acaban coa Lomce, e somos moi conscientes de que os recortes en educación son os que, a día de hoxe, están erosionando de forma dolorosa o modelo de escola que defendemos e polo cal traballamos".

Segundo indicou Ruiz, para formar parte da rede de escolas insumisas o único requisito debe ser a adhesión do consello escolar e significarse publicamente contra a Lomce, ademais de comprometerse a explorar "as fórmulas de resistencia activa que cada centro considere convenientes para mitigar os efectos nocivos da lei" nas aulas.

martes, 27 de maio de 2014

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Nais e Pais polo Ensino en Galego (ou Familias polo Galego) xorde como un colectivo –vinculado á Mesa pola Normalización Lingüística– constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Isto implica a imposibilidade de escolarizar e socializar as nenas e nenos galegos na sua lingua.
OBXECTIVOS
O obxectivo fundamental do colectivo é conseguir o respecto dos dereitos lingüísticos das nenas e nenos galegos nunha etapa decisiva na adquisición e na consolidación do idioma. Como galegos e galegas desexamos ofrecerlles aos nosos fillos e fillas unha educación e unha primeira aprendizaxe na nosa lingua e a posibilidade de poder utilizala con naturalidade.
O papel do colectivo consiste en incidir no sector educativo e no entorno formativo –inicialmente na etapa infantil– para demandar a existencia de ensinanzas e actividades extraescolares en galego, conseguir a publicación e comercialización de materiais de aprendizaxe e lecer que fagan posíbel e natural esta formación e emprender iniciativas que sensibilicen e abran o debate na poboación e nas institucións sobre a importancia da transmisión e o mantemento da língua nos meniños.
MOTIVACIÓN
Alén da salvagarda dos dereitos lingüísticos dos nenos e nenas, outros factores como a riqueza formativa que lle supón a aprendizaxe en galego e mesmo o futuro da lingua fan necesaria a existencia dunha oferta de escolarización en lingua galega.
As positivas actitudes da poboación cara a ela reforzan estas ideas: tomando os datos do Mapa Sociolingüístico de Galiza e mais do Estudo sociolingüístico sobre a situación da lingua galega no Concello de Vigo, a nosa demanda fúndase, dunha banda, na inquedanza que provoca a perda do galego como lingua de transmisión interxeracional e mais a perda de terreo do galego como lingua habitual e, doutra banda, na demanda por parte dunha gran maioria da poboación de accións necesarias para fomentar o uso da língua.
Para alén disto, como a propia Xunta recoñece, o actual marco legal para o uso do galego nos centros de ensino non cumpre os seus obxectivos, pois "...non se está a cumprir o espírito, e tampouco a letra do Decreto. Isto concrétase no nulo ou escaso número de horas en que empregan o galego e ten a súa consecuencia no insatisfactorio nivel que se detecta por parte do profesorado dos ciclos posteriores" (resposta da Dirección Xeral de Política Lingüística a unha demanda da Mesa perante o Valedor do Pobo).
ÁMBITOS DE ACTUACIÓN
Na nosa actividade estamos a dirixirnos a todas aquelas entidades que participan no universo formativo, entendendo por tales tanto as que ofrecen unha educación regulada como non regulada, no sector público e mais no privado e nos colectivos implicados na formación escolar ou extraescolar de todos os niveis.
Inicialmente decidimos incidir no sector máis desleixado en canto ao uso da lingua por parte destas entidades: a educación infantil (0-6 anos). Así mesmo, pretendemos desenvolver un labor de sensibilización nos familiares e persoas do entorno dos nenos e nenas sobre a importancia e o valor que supón na formación dos cativos unha aprendizaxe en lingua galega.

Bruxelas denuncia que os Gobernos non fan o suficiente para ampliar o acceso a educación universitaria

Os Gobernos da UE non fan o suficiente para ampliar o acceso á educación universitaria a grupos infrarrepresentados, como estudantes procedentes de familias con ingresos reducidos, con minusvalidez, inmigrantes ou de diferentes etnias, segundo un informe publicado este xoves pola Comisión Europea.
Bruxelas cre que a orixe do problema está en que os países non fan uso da información que recompilan sobre os seus sistemas de educación superior para facer fronte a este problema. Así, moitos Estados membros, descoñecen se a súa poboación estudantil está ou non diversificándose. No caso de España, a poboación universitaria non experimentou modificacións en materia de diversidade entre 2003 e 2013, segundo o estudo.
Son moi poucos os países (a rexión flamenca de Bélxica, Irlanda, Francia, Lituania, Malta, Finlandia e Escocia en Reino Unido) que estableceron obxectivos para mellorar o acceso ao ensino superior de persoas procedentes de grupos infrarrepresentados, como as familias con baixos ingresos.
Aproximadamente a metade dos sistemas europeos de ensino superior (Bélxica, República Checa, Dinamarca, Alemaña, Irlanda, Francia, Austria, Polonia, Portugal, Eslovenia, Suecia, Eslovaquia e Croacia) contan con programas ponte (para quen non proceden directamente do ensino secundaria) e conceden créditos de ensino superior que recoñecen o valor da aprendizaxe previo dos estudantes (tamén España, Italia, Lituania e Finlandia).
O informe detecta unha clara brecha xeográfica no que se refire ás medidas destinadas a ampliar o acceso á educación superior, xa que seguen sendo máis frecuentes no norte e o oeste de Europa.
*La ensino superior debe esforzarse máis por combater os seus puntos débiles: por exemplo, desexamos fomentar a diversidade na poboación estudantil. As universidades deben atraer máis estudantes desfavorecidos, especialmente persoas procedentes de familias con ingresos reducidos, con minusvalidez, inmigrantes ou de diferentes etnias", dixo a comisaria de Educación, Androulla Vassiliou, nun comunicado.
"Ademais de inspirar unha maior diversidade, os datos pertinentes poden axudarnos a avaliar mellor o impacto das nosas prioridades políticas e a cambiar de rumbo cando sexa necesario. Temos que avanzar cara a un uso máis proactivo dos datos e das opinións para orientar a toma de decisiones*, reclamou.

Proxecto de Decreto polo que se establece o currículo da educación primaria na comunidade autónoma de Galicia

Para dar cumprimento ao disposto nos artigos 41 e 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro (DOG do 31 de decembro), de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon a exposición pública o decreto polo que se establece o currículo da educación primaria na comunidade autónoma de Galicia.
As organizacións, as asociacións, a comunidade educativa e a cidadanía en xeral poden facer as proposicións, as suxestións ou as recomendacións que estimen oportunas ao proxecto deste decreto, por medio do documento denominado "Contraste_Decreto_ep_.doc" que deberá ser remitido ao enderezo de correo electrónico curriculoep@edu.xunta.es seguindo as instrucións que se indican no propio documento.

•Prazo para presentar proposicións e suxestións: 15 días hábiles
•Data de inicio do prazo: 22 de maio de 2014
•Data de remate do prazo: 9 de xuño de 2014

A CIG-Ensino denuncia que Educación impide o ensino en galego nos ciclos de FP a distancia

A Consellaría Educación copia e obriga a estudar contidos doutras Comunidades mentres priva o alumnado galego de coñecer a nosa realidade.

A CIG-Ensino xa denunciara no final do primeiro trimestre deste curso que a Consellaría de Educación impedía o ensino en galego nos ciclos de FP a distancia. Pois ben, a Consellaría de Educación, no canto de corrixir a situación, mantén ciclos enteiros sen materiais en galego o que supón unha conculcación da Lei de Normalización Lingüística e do mesmo Decreto 79/2010 que recolle no artigo 9, en que se regula o uso do galego na FP, que se establecerá unha oferta equilibrada de materias e módulos en galego e castelán que garanta que o alumnado adquira competencias nas dúas linguas e engade que deberán coñecer, en todos os módulos, o vocabulario específico nas dúas linguas.
Ademais a exclusión da nosa realidade acada tamén os contidos dos materiais, até chegarmos á aberración de que en probas realizadas en Galiza o alumnado teña que coñecer o contido do Estatuto de Autonomía de Andalucía, pois é sobre esta comunidade e este estatuto sobre o que se lle realiza unha pregunta, que ten que ver coa normativa de consumo naquel territorio.
A CIG-Ensino vén reclamando reiteradamente tanto na Mesa Sectorial, como no Consello Escolar de Galiza que nos currículos dos ciclos formativos se recolla que módulos deberán ser impartidos en galego, como única medida efectiva para garantir a presenza do noso idioma na FP, e para dar  cumprimento ao recollido no Decreto 79/2010. Mais a Consellaría de Educación négase sistematicamente.
Esta situación pon de relevo o abandono do ensino da FP que perpetra este goberno da Xunta, que  se limita a reproducir materiais doutras comunidades que xa nin sequera traduce, mostra da alarmante falta de respecto ao noso alumnado e á Comunidade educativa galega, así como de desprezo pola nosa lexislación propia.
Desde a CIG-Ensino denunciamos unha vez máis que esta actitude de Educación non é produto simplemente dunha política austericida de recortes indiscriminados, senón dunha fobia patolóxica contra a nosa identidade e contra a nosa lingua que se evidencia nun abandono que acaba por nos devolver este esperpento de ter que coñecer a normativa andaluza e non a galega.
Unha fobia patolóxica que se concreta na negación sistemática a recoller o que a lexislación que eles mesmos redactaron estipula. Así cando se tratan os currículos dos distintos ciclos de FP, en que a Consellaría se nega a facer cumprir a cativa lexislación existente e impide que se recolla que materias deses ciclos deberán ser impartidas no noso idioma, e isto desde unha actitude de belixerante desprezo que se reitera unha e outra vez en cada mesa de negociación.

 

luns, 26 de maio de 2014

Relixión non será de oferta obrigada en bacharelato

Os institutos non terán a obriga de ofertar a materia de Relixión en bacharelato, a diferenza do que acontece na secundaria obrigatoria e en primaria. O Real Decreto de desenvolvemento dos currículos de ESO e bacharelato deixou finalmente tamén liberdade ás comunidades autónomas e aos centros para non ofertar a materia se non queren, como xa fixo a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). O Ministerio de Educación non atendeu así á petición da Conferencia Episcopal, que veu reclamando o Goberno que utilizara os decretos de desenvolvemento para rectificar a decisión que adoptou na Lei Wert.
O borrador de Real Decreto, que está en trámite consultivo e aínda ten que ser aprobado en Consello de Ministros, establece que os alumnos de bacharelato deben cursar "un mínimo de dous e un máximo de tres" materias dun catálogo dunha ducia de materias específicas, entre as que se encontra Relixión e outras como Análise Musical, Anatomía Aplicada, etc. As materias ofertadas dependerán de "a regulación e da programación da oferta educativa que estableza cada Administración educativa e, se é o caso, da oferta dos centros docentes", di o borrador. É dicir, que as comunidades e os centros teñen liberdade para ofertar, dentro dese catálogo, as materias que queiran, sen que estean obrigados a ofertalas todas.

Petición dos bispos

O Ministerio de Educación non satisfixo neste punto as aspiracións da Conferencia Episcopal (si o fixo en moitos outros na LOMCE, cando eliminou a materia de Educación para a Cidadanía, blindou o financiamento público dos colexios que segregan por sexo e reforzou Relixión ao impoñer unha alternativa e facela avaliable para todo). O secretario xeral, José María Gil Tamayo, requirira o pasado marzo o Goberno que se aviñera a instaurar Relixión de oferta obrigada en todas as etapas educativas. Gustaríame, sobre todo en bacharelato, que o desenvolvemento dos decretos leven esa esixencia de que sexa considerado o dereito dos pais a elixir a educación dos seus fillos", asegurou.
O Goberno desgustou hai uns días aos bispos ao reducir á metade o horario mínimo semanal de Relixión dos alumnos de primaria de Ceuta e Melilla.

AGAL celebra este domingo o Día do Orgulho Lusista e Reintegrata

A Asociación Galega da Língua (AGAL) celebra este domingo, día 25 de maio, o 'Día do Orgulho Lusista e Reintegrata', así como o 'Día da Toalha', con distintas actividades e unha homenaxe a Carvalho Calero en Santiago de Compostela. 

Con motivo desta celebración, AGAL convidou aos usuarios de Internet a publicar nas redes sociais un autorretrato no que leven unha toalla e, se é posible, "algún fetiche lusófono" como un galo de Barcelos ou unha botella de viño do Porto. As palabras crave serán '#towelday', '#towelselfie', #diadatoalha e @ddooler2014.
 
Así mesmo, desde as 9,00 horas até 20,00 horas, animaron aos cidadáns a que se animen a acudir ás urnas electoral cunha toalla para exercer o seu dereito ao voto.
 
Ademais, ás 17,00 horas realizarán unha peregrinación polo último tramo do Camiño Portugués, desde a Porta Faxeira de Santiago até a Praza do Obradoiro, previo paso pola estatua en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, situada na rúa Xoán Carlos I.
 
Finalmente, Ás 19,00 horas o escritor e padriño desta edición 2014 do Día da Toalha ofrecerá un discurso na Praza do Obradoiro.

 

A presidenta de Galicia Bilingüe mestura a kale borroka cos correlinguas

A xuíza mandouna calar tras tentar contestar a unha pregunta que non procedía. Asegura que aquel día había “focos de violencia por todas partes”.

Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, foi hoxe a estrela do xuízo que se sigue contra doce persoas por ter, supostamente, protagonizado altercados durante a marcha que Galicia Bilingüe organizou en 2009 en contra do galego.  Eran un grupo de fanáticos que quixeron contraprogramar cunha kale borroka na que nos cuspían, empurraban, colocaban bolas nas escaleiras para que caéramos. En fin, un horror",  dixo ao lembrar alquel día.
 
E, como é habitual, foi moito máis alá e mesturou este xuízo con outras cousas. “Podemos mirar que tipo de apoios ten esta xente, a Mesa pola Normalización Lingüística, por exemplo, que organiza o Correlingua", apuntou para descualificar o traballo desta entidade. 
 
"Sexan ou non culpados, o que está claro é que eles se declaran orgullosos de participar neses altercados, asegurou aos informadores, e os feitos están aí, participaron moitos máis dos que están sentados, pero en todo caso aí está a contraposición entre o fanatismo e o exercicio democrático de facer valer un dereito tan básico como o de manifestarse", dixo en declaracións aos medios. 
 
Durante o xuízo explicou que, ante o desmesurado da situación, dubidou en comezar a marcha. "Non sabía se arrincar", confesou, para logo engadir que chegaron á Praza da Quintana, onde estaba fixada a meta, de puro "milagre". "O que querían é que estivésemos polo chan", insistiu, quen dixo que o dispositivo policial organizado aquel día non era suficiente porque había focos" de violencia en todas partes "e non chegaban a apagalos todos".

Tensión entre Gloria Lago e a xuíza

A defensa dos independentistas contraatacou este relato e preguntou polo falanxista, presuntamente próximo a Galicia Bilingüe, condenado por un delito de faltas, ao que a maxistrada replicou que era unha cuestión impertinente por non ser o asunto xulgado, aínda que Gloria Lago dispúxose a responder a tal consulta.
 
Entón chegou un momento tenso, posto que a xuíza María Elena Fernández Currás recriminou á testemuña que “estes non son os termos nin as canles adecuadas, dado que unicamente contéstase ao que procede”.
 
"Eu non estou alí na Alameda, nin me dedico a iso, aquí hai unhas regras do xogo", resolveu a xuíza. "E non me importa o contido político da manifestación", reiterou tras o balbordo entre os procesados e a presidenta de Galicia Bilingüe.
 
Este venres tamén declararon en calidade de testemuñas dous xornalistas de Radio Nacional de España (RNE) encargados de cubrir a protesta do 8 de febreiro de 2009, que recoñeceron que a unidade móbil que estaban a empregar nesa xornada foi apedreada, e ante o pánico que isto lles xerou tentaron "saír de alí canto antes".

 

Gloria Lago criminaliza a defensa da lingua no xuízo #8f45anos

A presidenta de Galicia Bilingüe foi a 'estrela mediática' da terceira sesión do xuízo #8f45anos, proceso que terá unha cuarta vista o vindeiro 13 de xuño. A propia xuíza chamoulle a atención por dúas veces a Gloria Lago.

O xuízo #8f45anos terá unha cuarta vista, o 13 de xuño ás 10:00, para dar cabida a testemuños como o de Rosa Díez (UpyD) que non puido asistir esta terza feira aos xulgados de Fontiñas (Compostela) por estar en campaña electoral. Mais a ausencia de Rosa Díez non quer dicir que nesta terceira sesión non houbese 'estrelas mediáticas' na sala. Estaba Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, que acusou con nomes e apelidos a diferentes entidades e organizacións de defensa do galego de apoiar a violencia. Iso fíxoo no seu hábitat favorito, ante os medios, e mesmo pedindo á Xunta que adoptase medidas para evitar que eses colectivos a prol do galego fixesen actividades con menores de idade. Na sala, a propia xuíza chamou por dúas veces a atención, segundo versión de persoas presentes, a Lago por falar na súa declaración de cuestións que non viñan ao caso.
Nun momento da súa declaración, a presidenta de GB mesmo sinalou a un dos encausados, A.L e pronunciou o seu nome, o que motivou a protesta. Tamén afirmou que hai cinco anos recibira cartas e correos ameazantes advertíndolle do que pasaría se convocaban a manifestación. Lago cualificou o que aconteceu aquel día de 2009 como “batalla campal” e dixo que a manifestación de GB era legal, achacando o sucedido aos fanáticos da ''kale borroka''. Declaracións que leva reiterando, periodicamente, desde 2009.
“Fica claro que as acusacións non se sosteñen”
Nesta sesión tamén falaron outras testemuñas, como o compañeiro de piso de R.R, que corroborou que este estaba en Vigo e non en Compostela o día dos feitos. Entre as persoas chamadas a declarar estaba Carlos Morais, secretario xeral de Primeira Linha e membro de Nós-Unidade Popular que no día dos feitos foi albo de golpes, insultos e empurróns por un grupo de anti-disturbios. Morais denunciou a "agresión policial permanente", así como a protección que estes brindaban a unha mobilización "supremacista española".
Aurélio Lópes, unha das 12 persoas encausadas neste proceso (para as que piden 45 anos de carcere) afirmou á saída do xuízo que “fica claro que as acusacións contra nós non se sosteñen”, polo que agardan a libre absolución ou a retirada dos cargos. Aurélio mantén que o xuízo “é político” e agradeceu “o apoio e solidariedade” de diferentes partidos, colectivos, organizacións para cos 12 procesados.
Sen relación
Cómpre lembrar que na segunda xornada do xuízo, na que declararon máis de 20 axentes das forzas de seguridade, Os policías non puideron relacionar con feitos concretos a dez dos once encausados. Algo que mesmo as axencias de información destacaron, así como a existencia de 'listaxes' de independentistas nas FSE.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anuncia novas mobilizacións contra a LOMCE e os recortes


A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciou o mércores 7 de maio en rolda de prensa novas mobilizacións contra a LOMCE e os recortes no ensino público. A próxima protesta será o 28 de maio e consistirá nun acto no Museo Pedagóxico de Galiza, na aula que representa a escola do franquismo co obxectivo de amosar as semellanzas entre a educación na ditadura e o ensino que se pretende coa LOMCE. A Plataforma tamén convocará para o 4 de xuño actos reivindicativos nas sete cidades e diferentes vilas ás sete da tarde. Ese mesmo día, pola mañá, proporase aos centros que dean lectura a un manifesto que denunciará os recortes e que incluirá un chamamento a non aplicar a LOMCE naqueles aspectos máis nocivos para o ensino público.

venres, 23 de maio de 2014

A fala, condenada a non oficialidade polo Goberno estremeño

A Junta de Extremadura obriga á asociación A Nosa Fala a rexistrar os seus estatutos en castelán O obxectivo desta organización é potenciar a fala e as variedades lingüísticas dos tres lugaris, no Val do Xálima. Xa realizou unha interesante experiencia interxeracional nun instituto da localidade e un curso de aprendizaxe para profesores.

Hai uns días presentouse en Ellas, no val do Xálima, a asociación A Nosa Fala, nun acto que congregou a máis de medio cento de falantes. Mentres eles empéñanse en rexistrar, difundir e dignificar a fala, o Goberno estremeño impediulles o rexistro dos seus estatutos neste idioma --por non ser unha do catro linguas oficiais do Estado--, prexudicando desta forma a conservación dun Ben declarado de Interese Cultural Inmaterial polo propio Goberno en 2001
 
É unha lingua minoritaria, variante do galego, falada por uns 5.000 estremeños e, desde 2001, Ben de Interese Cultural inmaterial.  Este patrimonio lingüístico está a vivir agora un momento doce non tanto polo apoio das institucións provinciais ou rexionais, nin polos seus máximos responsables, senón polas ganas, tesón e organización dos falantes.  Desde que, en 1992, organizouse o I Congreso Internacional sobre A Fala, o apoio rexional a este recurso patrimonial é nulo cando non contraproducente como foi a negativa a rexistrar os estatutos na “fala”.
 
Once foron os veciños de Us Tres Lugaris, máis unha castelanparlante experta en patrimonio, que crearon hai un ano A Nosa Fala, tal como adiantou no seu día www.sierradegatadigital.es. A paridade entre as súas tres variantes lingüísticas (xa que cada un dos tres pobos ten algunhas palabras diferentes) está presente sempre nos seus traballos, no seu logo, nos seus estatutos e até na distribución de postos na Xunta Directiva. Así, o presidente, Carlus Marquez, é mañego, a súa tesoureira, Araceli Carrasco, é lagarteira e o secretario, Manuel Pascual, é valverdeño.

Interesantes experiencias

Neste ano de funcionamento, realizaron unha experiencia interxeracional no IES Val de Xálima, refuxio dos futuros falantes. A este instituto acoden diariamente estudantes de Ellas, San Martiño de Trevello e Valverde du Fresnu, localidade onde se sitúa, e o seu patio é un laboratorio lingüístico cunha efervescencia que é necesario protexer e potenciar pola continua castelanización da fala. Os alumnos transcribiron nas tres variantes as historias narradas polos seus maiores. O libro que recompila estas historias foi editado por Adisgata como parte das mesas de participación social organizadas o pasado ano.
 
Este curso, o Centro de Profesores e Recursos de Hoyos impartiu, a proposta de A Nosa Fala, un curso sobre esta lingua destinado ao colectivo de profesores da súa área de traballo. A finalidade o curso --impartido por Araceli Carrasco, mestra e tesoureira da asociación e Manuel Pascual, profesor, músico e secretario da Nosa Fala-- non era aprender a lingua senón a súa cultura, aprender a entender aos alumnos que se relacionan no seu medio máis próximo noutra lingua.
 
“Aínda camiñamos a gatiñas e debemos pornos de pé”, declarou Carlos Márquez, presidente da Nosa Fala, durante a súa intervención en alusión aos proxectos máis inmediatos da asociación. Leu os últimos versos do poema enviado desde Badaxoz por Domingo Frades --a alma da fala-- para saudar e desexar sorte á asociación que onte se presentaba en Ellas. e que arrincou os aplausos de todos os asistentes. Domingo Frades presidiu a primigenia asociación en defensa da lingua minoritaria de Us Tres Lugaris. Fala i Cultura organizou en 1992 o primeiro e único congreso internacional sobre a fala. Aínda que aínda é pronto para pensar na organización dun segundo congreso, A Nosa Fala participou o ano pasado no Seminario celebrado en Portugal sobre Linguas Minoritarias europeas e vai tomar parte, en agosto, do seminario sobre linguas estremeñas que se celebrará en Serradilla. 
 
A Nosa Fala preséntase como unha asociación seria, rigorosa, con proxectos sólidos que levar adiante. Aínda que “é necesario manter a política afastada da lingua”, como apuntou durante a súa intervención Franjo Antúnez --responsable de prensa da Asociación-- tamén é necesario unha mensaxe, un xesto de apoio por quen están obrigados a protexer o patrimonio público. 
 
Proximamente van comezar as obras do Museo da Fala en San Martiño de Trevello, tal como declarou Máximo Gaspar, alcalde da localidade durante a presentación. Este recurso suporá un impulso ao estudo da lingua e á recompilación da documentación sobre o tema.
 
Nova do medio serradegatadigital.com

"A represión e o proceso xurídico foi só contra os que estamos do lado do galego"

Os xulgados de Fontiñas de Santiago de Compostela acollerán este xoves a segunda xornada das tres previstas do xuízo a doce persoas para as que a acusaicón solicita 45 anos de cadea e máis de 34.000 euros de multa polos incidentes acontencidos hai cinco anos nunha manifestación convocada por Galicia Bilingüe en contra da política lingüística desenvolvida polo goberno bipartito.
O segundo día deste xuízo será "o importante" porque a policía deberá especificar con precisión que fixo cada un dos acusados de atentado á autoridade ou alteración da orde pública
No primeiro día do xuízo, cada un dos acusados declarou ante a maxistrada encargada do caso deixando claro que, na súa opinión, están a ser sometidos a un xuízo político e tras rexeitar que a causa derivada do conflito lingüístico arredor do galego acabe cinguíndose a unha cuestión de "orde pública". Entre os delitos dos que se lles acusa á maioría dos doce mozos acusados están os de atentado á autoridade ou alteración da orde pública. É por iso que a xornada deste xoves é "a importante", xa que será na que os policías que declaren deberán especificar e precisar que fixo presuntamente cada un dos encausados.
"O que parece claroé que ningún de nós vai saír condenado coas penas que solicita a Fiscalía", di Aurélio Lopes
"O que parece claro tras a primeira xornada é que ningún de nós vai saír condenado coas penas que solicita a Fiscalía", asegura a Praza Aurélio Lopes, un dos acusados, que asegura que os doce mozos saíron "satisfeitos" tras o primeiro día do xuízo e que lembra que, malia que todos os implicados son acusados de desorde pública e moitos deles de atentado á autoridade, "non hai individualización ningunha dos delictos".
Os feitos datan daquel 8 de febreiro de 2009, en plena precampaña das eleccións autonómicas das que Núñez Feijóo sairía como novo presidente da Xunta e en medio dunha forte campaña da dereita parlamentaria e da extrema dereita extraparlamentaria contra a suposta "imposición do galego" por parte do goberno bipartito.
Lopes define a marcha de Galicia Bilingüe, á que acudiron Alfonso Rueda ou Ana Pastor, como "a do odio"
"Houbo dúas manifestacións: unha en defensa do galego e outra contra a política de normalización. E atopáronse naquel paso de peóns de Porta Faxeira... A virulencia, a represión e o proceso xurídico foi só contra as persoas que estaban dun lado, do lado do galego", lembra Aurélio Lopes. Alí houbo incidentes. E da parte da manifestación de Galicia Bilingüe saíron insultos, algunha agresión e ameazas de morte. "Houbo quen chegou a saír nalgún medio como vítima, para logo descubrirse despois que era falanxista e que foi condenado", engade un dos encausados, que advirte de que "non houbo causa xeral ningunha" contra unha marcha que el define coma a "do odio". "Chegou a vir xente de fóra, cando en teoría era unha manifestación de galegos contra a política lingüística da Xunta", di. "Quedaron retratados como un movemento extremista, que foi utilizado polo PP e por aquela estratexia das FAES e que, incluso agora, está en contra da Xunta e desta dereita que se lles queda curta", asegura.
Aurélio Lopes repara tamén no feito de que, "agora que as manifestacións en Twitter parecen tan importantes", nada se fixera daquela contra as ameazas de morte vertidas naquela marcha de Galicia Bilingüe á que asistiron cargos públicos como o agora vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou a ministra de Fomento, Ana Pastor. Tamén estaba Rosa Díez, líder de UPyD.
A manifestación foi pouco antes das autonómicas de 2009; o primeiro intento de xuízo, antes doutras eleccións; e o xuízo final, antes das europeas
"Aquí o PP utilizou a Galicia Bilingüe, pero nas Balears ou na Comunitat Valenciana empregaron outros colectivos; o PP encirrou e certos de medios de comunicación tamén o fixeron... Visto o paso do tempo, demostrouse que para nada aquela visión estaba no carril central da política", insiste Aurélio Lopes, que advirte tamén da "terceira casualidade" que supón este xuízo. Aquela polémica manifestación chegara pouco antes das eleccións autonómicas de 2009, o primeiro intento de xulgamento chegou antes das últimas autonómicas e as xornadas deste xuízo chegan, agora, na semana anterior aos comicios europeos. "Como procesado, creo que non é casual... E se o é, é unha casualidade moi repetida", ironiza.
Os procesados recibiron o apoio de BNG, CIG, Candidatura do Povo, AGE, Compromiso por Galicia, Causa Galiza, Nós-UP, CUT, A Mesa, Prolingua, Liga Estudantil, AGIR, Isca e unha morea de colectivos culturais ou a prol da lingua. E incluso houbo quen, sen estar presente nas mobilizacións ante os xulgados, chamou a algúns dos encausados para amosarlles tamén ese apoio.
"Teríame gustado de que o conxunto das forzas políticas do Parlamento tiveran dado o seu apoio ou que o PSdeG se tivese mollado máis, pero estamos satisfeitos cos apoios recibidos", remata Lopes, que cre que, máis aló de cuestións xurídicas, é maioría a xente que é consciente do "activismo político e social" dos encausados.

A Mesa informa da situación do galego a 42 comunidades lingüísticas de 23 estados europeos

A MNL participa na European Language Equality Network (ELEN) que vai ter lugar en Valencia esta sexta feira e sábado, reunindo a 41 organizacións do continente. 

A situación do galego vai ser exposta estes días en Valencia ante representantes de 42 comunidades lingüísticas de 23 estados europeos. Será de man da Mesa pola Normalización Lingüística e no marco da xuntanza da European Language Equality Network (ELEN) que vai decorrer en Valencia. Unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística composta polo seu presidente Marcos Maceira e o seu Coordinador de Zonas Paulo Filgueiras, participa neste evento.
ELEN creouse en Estrasburgo en 2011, substituindo o antigo Bureau Europeo para Linguas Minorizadas (EBLUL) e actualmente representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos. O seu traballo concéntrase na promoción e protección das linguas e comunidades lingüística minorizadas de Europa así como na súa revitalización, e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo,do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte ademais da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.
A Mesa vai presentar un informe sobre a situación da lingua galega, “denunciando os retrocesos da nosa lingua nos diferentes ámbitos, nomeadamente o do ensino, e inciará o proceso de denuncia perante a UNESCO da discriminación da nosa lingua por parte dos gobernos español e galego, así como os graves incumprimentos da Carta Europea para as Linguas Rexionais e Minorizadas e a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos”.

xoves, 22 de maio de 2014

O dominio .gal publica o seu calendario de lanzamento

Tras a activación técnica do dominio .gal o pasado 11 de abril, aproveitouse a data do Día das Letras Galegas e do Día Internacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información (tamén coñecido como Día de Internet) para presentar a primeira páxina web creada baixo o dominio .gal, na que se dá conta dos prazos de lanzamento e as condicións para poder acceder ao novos dominios.
No acto celebrado para amosar aos galegos este gran fito no ámbito das TICs contouse coa presenza de numerosos persoeiros de distintos eidos da nosa sociedade, que puideron escoitar as palabras de Manuel González, presidente da Asociación, quen narrou toda esta aventura ata detallar o que está por vir. Finalmente, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, procedeu á posta en marcha da páxina web accesible dende dominio.gal, que con carácter informativo pretende servir de referente do noso dominio de primeiro nivel na internet.
Programa Pioneiros
Os primeiros dominios de internet que botarán a andar máis aló dos que empregue a Asociación PuntoGal serán os coñecidos como Nomes Pioneiros .gal, que corresponderán a asociacións, entidades públicas e empresas que poderán solicitar a súa incorporación no programa durante o mes de xuño, de xeito que serían as únicas en poder gozar dun dominio .gal durante uns catro meses. A asociación decidirá os dominios que se activarán nesta fase de prelanzamento, pois está limitada a 90, de aí que se adoptarán criterios de visibilidade para a súa aceptación, buscando que estes espazos na rede contribúan a dar difusión ao novo dominio na rede.
Fase de lanzamento
Entre setembro e novembro aceptaranse candidaturas para facerse cun dominio .gal en función do dereito preferente que poidan ter empresas e institucións para poder protexer as súas marcas, no que se coñece como Abrente ou Sunrise. Paralelamente será posible que compañías que queiran solicitar un dominio que non se axuste exactamente ás súas marcas poida solicitar o seu rexistro, aínda que desta volta, no caso de varios candidatos para un mesmo dominio, en vez de empregar unhas prioridades definidas para resolver o conflito recorrerase a unha poxa.
Fase aberta
No mes de decembro será cando os dominios da fase de lanzamento pasen a activarse, e tamén se abrirá ao público o rexistro xeral de dominios co sufixo .gal coa orde de chegada das solicitudes como único criterio.
De todos os xeitos, os dominios que pasen a funcionar baixo o .gal deberán cumprir unha serie de condicións, como ter contidos en galego ou, en caso contrario, relativos á cultura galega ou a servizo en liña dirixidos á nosa comunidade. A Asociación PuntoGal velará por que se cumpra esta condición, de xeito que os rexistros que non respecten as normas establecidas, tras o correspondente apercibimento, poderán suspenderse. Búscase así consolidar un espazo galego na internet que sexa unha fiestra do mundo a Galicia e unha canle moi axeitada para que entidades tanto galegas coma de fóra poidan achegarse á nosa sociedade especificamente.
Máis información en Código Cero.

A Mesa pola Normalización Lingüística participará os días 23 e 24 nun encontro da European Language Equality Network (ELEN) en Valencia

Compartirá xunto a 41 organizacións de toda Europa a situación da lingua galega e a denuncia que asociación en defensa da lingua galega realizará perante a UNESCO.

Marcos Maceira: "Esta reunión serviranos para internacionalizar a loita contra a política galegófoba de Feixó".

Unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística composta polo seu presidente Marcos Maceira e o seu Coordinador de Zonas Paulo Filgueiras, participará o venres 23  e o sábado 24 de maio nun encontro da European Language Equality Network (ELEN) en Valencia.
Esta rede da que a Mesa pola Normalización Lingüística fai parte, formouse en Estrasburgo en 2011, substitúe o antigo Bureau Europeo para Linguas Minorizadas (EBLUL) e actualmente representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos. O seu traballo concéntrase na promoción e protección das linguas e comunidades lingüística minorizadas de Europa así como na súa revitalización, e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo,do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte ademais da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.
A organización en defensa da lingua galega presentará un informe sobre a situación da lingua galega, denunciando os retrocesos da nos lingua nos diferentes ámbitos, nomeadamente o do ensino, e inciará o proceso de denuncia perante a UNESCO da discriminación da nosa lingua por parte dos gobernos español e galego, así como os graves incumprimentos da Carta Europea para as Linguas Rexionais e Minorizadas e a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos.
A denuncia que está a preparar a Mesa pola Normalización Lingüística será presentada a finais deste 2014, cando se fan 60 anos da presentada polos galeguistas en 1954. Neste encontro Europeo a Mesa dará a coñecer as principais liñas desta denuncia e segundo indicou o seu presidente Marcos Maceira, “ servirá para internacionalizar a loita contra a política galegófoba de Feixó”.


A CIG-ENSINO presenta unha ILP para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza

Responde á vontade de que se produza un cambio de rumbo fundamental para o ensino público galego despois dos recortes levados a cabo polo Partido Popular.


A CIG-Ensino presentou este mércores 21 de maio no Parlamento Galego unha proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, de medidas para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza. A ILP foi rexistrada polos integrantes da Executiva da CIG-Ensino en representación da súa Comisión Promotora.
“Esta ILP responde á vontade de que se produza un cambio de rumbo fundamental para o ensino público galego despois dos recortes levados a cabo polo Partido Popular”, explicou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, ás portas do Parlamento galego.  “Está motivada por dúas cuestión fundamentais: restituír os dereitos laborais, profesionais e salariais arrebatados aos docentes, con medidas que incluso foron acompañadas de campañas de desprestixio, e mellorar a calidade do ensino”, engadiu Louzao.
Cinco son os eixos fundamentais que incorpora o texto lexislativo que promove a CIG-Ensino:    -    Elaboración por parte do Goberno galego dunha lei de educación, en función das nosas necesidades e intereses e de acordo coa nosa realidade, que garanta a escolarización gratuíta de 0 a 18 anos e que blinde o ensino como un elemento de cohesión fundamental.
-    Restituír os dereitos laborais e profesionais do profesorado, a través do recoñecemento do seu traballo, a recuperación dos salarios, a creación de emprego, a redución do horario lectivo, o dereito á formación permanente  e á saúde laboral  e un sistema de eleccións sindicais por centro escolar.
-    A defensa do ensino público como garante da igualdade de oportunidades, con medidas concretas que supoñan a mellora da calidade como a  redución das ratios, oferta suficiente de prazas, un plan para reducir o fracaso escolar, a substitución das baixas  de profesorado ou a gratuidade dos libros de texto, entre outras.
-    A recuperación dos servizos complementarios e as actividades extraescolares: o dereito ao comedor escolar, a oferta de actividades extraescolares e unha nova lei do transporte escolar para garantir este dereito en todos os niveis educativos, con dotación de persoal para custodiar o alumnado.
-    Galeguización do ensino e normalización lingüística a través do fomento da lingua galega e galeguización dos contidos educativos, un plan de formación e medidas para garantir a competencia do profesorado na nosa lingua. Isto implica necesariamente a derrogación do Decreto do Plurilingüismo, “que veta –denunciou Louzao- que as Matemáticas e a Bioloxía se poidan impartir na nosa lingua”.  
“A proposición de lei tamén recolle que o Goberno galego estabeleza un plan orzamentario co obxecto de dedicar o 7% do PIB galego á educación”, explicou Anxo Louzao. “A súa aprobación levaría implícita ademais a derrogación de medidas nocivas para o ensino e o mandato de instar o Goberno central para que derrogue a LOMCE”, engadiu Louzao,  quen tamén fixo público o seu desexo de que o PP cambie de actitude e sexa receptivo a esta proposición de lei. Proposición de lei que para o seu debate no Parlamento galego, no caso de ser admitida a trámite, necesitará sumar como mínimo 15.000 sinaturas.
Accede ao texto completo da ILP Ligazón

Educación pediralles a 3.585 familias que devolvan axudas a libros de texto

3.585 familias terán que devolver as axudas para a adquisición de libros de texto recibidas no curso 2010-11. A Consellaría de Educación reclámalles a devolución destes cartos (entre 90 e 180 de euros en cada caso, un total de 360 mil), despois de cotexar as súas solicitudes cos datos das declaracións da renda. Nese curso foron máis de 50 mil as familias beneficiadas por esta partida, pero ao redor do 7% cometeron fraude, declarando ingresos inferiores aos reais, ben para non chegar ao máximo a partir do cal se perde o dereito a percibir esta subvención, ben para ter acceso á contía máxima.
A Xunta destaca que con esta medida promove "a transparencia e o uso eficiente dos fondos públicos". As familias ás que se lles require o reintegro do total ou de parte da axuda cobrada teñen dereito a realizar alegacións ou a achegar os documentos que estimen convenientes para acreditar a correcta percepción dos cartos.
Nos Orzamentos de 2014 a Xunta prevé que 86 mil alumnos e alumnas non reciban axuda de ningún tipo para a compra de libros de texto, 27 mil menos que o pasado ano
Nos Orzamentos de 2014 a Xunta prevé que 86 mil alumnos e alumnas non reciban axuda de ningún tipo para a compra de libros de texto, 27 mil menos que o pasado ano. Isto é así porque no ano 2013 esta partida orzamentaria dispuña dun crédito de 12,8 millóns de euros, pero no 2014 diminúe ata os 9,5 millóns. Hai unhas semanas o Goberno galego, para contrarrestar o feito de que cada vez son máis os rapaces e rapazas que quedan sen axudas, lanzaba un chamamento á "solidariedade", alentando a cooperación na progresiva extensión de iniciativas de bancos de libros impulsadas pola comunidade educativa de cada centro.
Paradoxalmente, ademais, os datos demostran que a Xunta ten que gastar máis cartos no seu sistema de axuda parcial, do que queda fóra a metade do alumnado (21 millóns de euros o pasado ano, tras sucesivas ampliacións de financiamento), que o que gastaba o Goberno bipartito co seu sistema de prestamo universal, concretamente un 48% máis. Pouca diferenza farán, pois, os 360 mil euros que agora Educación recuperará con esta medida.

''Este xuízo é un síntoma de que en Galiza si que existe un conflito lingüístico''

Esta quinta feira ten lugar nos Xulgados de Compostela a segunda sesión do xuízo do #8f45anos. Falamos cunha das persoas encausadas no proceso, Joam Peres.

Joam Peres é unha das 12 persoas que esta semana ten que sentar no banco dos acusados para facer fronte a peticións de penas de cárcere e multas económicas por unha Fiscalía que os considera responsábeis de alteración da pública ou atentado á autoridade (entre outros delitos) no marco da resposta na rúa a unha marcha de Galicia Bilingüe. Activista de vello no independentismo, o campo anti-represivo ou a defensa da lingua, este vigués residente desde hai anos en Compostela fala sobre o xuízo e as súas circunstancias.
Decorrida xa a primeira das varias xornadas deste xulgamento, como valoras o xuízo? 
De forma positiva, pois a Fiscalía non foi quen de demostrar en ningún dos casos a participación dos e das acusadas nos incidentes. A Fiscalía está interesada en demostrar que a convocatoria que para ese día había en defensa do galego tiña vontade de confrontación con GB.
Despois desta xornada no banco dos acusados, mantedes que é un xuízo político?
É 100% político desde o momento en que foi a Delegación do Goberno español en Galiza quen mandou facer as detencións, quen sinalou o tipo de ideoloxías a criminalizar. Outra cousa é que agora a xuíza opte por ser garantista, mais no inicio do proceso, coas detencións, hai unha intencionalidade política.
A entrevista ao completo neste Sermos Galiza nº97

mércores, 21 de maio de 2014

Galicia Bilingüe: “Pueblerinos”, “gallegos de mierda”

Foron os insultos que se escoitaron por parte dun grupo de persoas desta asociación contra as doce persoas xulgadas polos altercados nunha marcha en defensa do galego.

Eran poucos pero se fixeron oír. “Pueblerinos” ou “gallegos de mierda” foron os insultos que recibiron as 12  doce persoas xulgados polos altercados nunha marcha en defensa do galego, así como outro grupo de persoas que se concentrou diante dos xulgados de Santiago no seu apoio.
 
En total eran case un cento os que acudiron a apoiar aos acusados e en repulsa por este proceso baixo a lema "Bandeira: Solidaridade. Com as 12 Persoas Represaliadas por defender ou Galego". Tamén berraron  "Na Galicia en Galego" e "Defender a Lingua non é delito" e cantaron o Himno galego e portaron bandeiras independentistas con aclamacións a favor da Independencia de Galicia. Na protesta tamén estaban presentes membros do Bloque Nacionalista Galego e de Anova, ademais de familiares e amigos.

“Pueblerinos”

Un pouco separado deles un pequeno grupo de membros de Galicia Bilingüe tamén se fixo escoitar berrando contra os enxuizados e acusando aos procesados de "pueblerinos" e "galegos de merda".
 
Os feitos que se xulgan sucederon o 8 de febreiro do ano 2009, nunha manifestación convocada por Galicia Bilingüe na que se reclamaba poder elixir a lingua de escolarización. A mobilización atopouse coa protesta doutros grupos a favor da defensa do galego, o que derivou nun altercado con carga policial e feridos.
 
O Ministerio Fiscal pide para os acusados un total de 45 anos de cárcere e máis de 30.000 euros por dano patrimonial por un delito de desorde pública. Todos os inmersos no proceso, menos a única muller acusada, portaron camisetas nas que se podía ler: '#8F: 45 anos. Defender a lingua nom é delito. Na Galiza en Galego!'
 
Entre os acusados están Roberto Rodríguez,  Bernardo Máiz, Narciso Vázquez, Alejandro Blasco, Antonio Fernández, Xoán Xosé Lorenzo, Xiana Rodríguez,  Aurelio López, Alexandre Ríos, Abraham Alonso, Roberto Conde e Antonio Fernández. Outro dos acusados, Santiago Méndez Rodríguez, foi declarado en situación de rebeldía. Os acusados negaron que participaran nos altercados.
 

 

O PPdeG promete nas europeas "liderar" o reforzo escolar tras recortalo un 30% en Galicia

"Os galegos e galegas poden estar tranquilos, porque en plena crise en plena crise económica hai máis prazas de servizos sociais, máis sanidade pública, máis educación e hai máis servizos sociais ca nunca". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, repetiu en innumerables ocasións este argumento ao longo dos últimos anos, especialmente ante os reproches da oposición en materia de recortes sociais. Para as eleccións europeas do vindeiro domingo o PPdeG aférrase a argumentos semellantes e mesmo auguran que conseguirán o liderado en ámbitos tan sensibles como o reforzo escolar, o mesmo que en apenas media década perdeu en Galicia case o 30% do seu orzamento.
No primeiro dos tres puntos que o programa europeo dos populares dedica a educación e cultura a promesa é a de "traballar para liderar, coa axuda comunitaria, programas de reforzo en materias esenciais como lingua e matemáticas". No caso galego, este difuso obxectivo concrétase anualmente no programa de prevención do abandono escolar, dependente dos orzamentos da Consellería de Educación. Este plan, que inclúe "actuacións encamiñadas á prevención do abandono escolar temperán", "medidas para favorecer un ambiente de aprendizaxe que conduza a mellora do éxito escolar" ou "garantir o acceso á educación en condicións de igualdade" está dotado en 2014 con 17,36 millóns de euros.
Os populares comprométense a "traballar para liderar programas de reforzo en materias esenciais como lingua e matemáticas"
Os cartos cos que o departamento que dirixe Jesús Vázquez financia o programa este ano son case un 30% menos que no ano 2009, no que o PP chegou á Xunta cos orzamentos da coalición de PSdeG e BNG xa en vigor. Daquela Educación reservaba a esta fin 24 millóns de euros. Nunha liña moi semellante mantívose o PP no seu primeiro orzamento, o de 2010, cando mantivo a prevención do abandono escolar en 23,35 millóns de euros. Dende ese momento a liña ascendente apenas se detivo nin sequera neste 2014, cando moitas partidas deixaron de caer.
A caída é semellante á do conxunto do orzamento, polo que esta partida non quedou á marxe dos recortes
Nas segundas contas públicas con Feijóo na Xunta, en 2011, o programa para previr o abandono escolar estaba xa en 18,33 millóns. Tras un lixeiro ascenso en 2012 ata os 18,49 millóns o Goberno galego recuperou a retallada en 2013, rebaixándoo ata 17,50 millóns, e neste 2014 os fondos quedaron en 17,36 millóns de euros. Se ben é certo que a caída destes fondos de case un 30% é practicamente idéntica á caída xeral dos fondos totais dos Orzamentos non o é menos que este feito contradí os argumentarios oficiais, segundo os cales as partidas educativas, como as sanitarias e as sociais, quedarían á marxe dos recortes.

Orzamento do programa de prevención do abandono escolar

CC BY-SA Praza Pública

#8f45anos: Comeza o xuízo

Concentracións de solidariedade e identificacións policiais marcaron esta terza feira o inicio do xuízo contra 12 persoas para as que acusación pide 45 anos de cárcere polo protesto na rúa contra unha manifestación de Galicia Bilingüe en 2009. A defensa demanda a libre absolución nun xuízo que @s propi@s encausad@s cualifican de ''político''. 

Vídeo de GZcontrainfo.

Catro furgóns policiais de antidisturbios ás portas do Xulgado de Fontiñas (Compostela) para o xuízo desta terza feira a 12 persoas. O día anterior nesa mesma sala xulgouse a outras 7 persoas (do goberno local do PP de Compostela) mais non había grileiras á porta. Así comezou, cun forte e amplo despregamento policial, o primeiro dos tres días de xuízo a 12 persoas para as que a acusación solicita 45 anos de cárcere e máis de 34.000 euros de multa polos incidentes nunha manifestación de Galicia Bilingüe en 2009.
“Manifestámonos contra o que era unha marcha do odio”, afirmou á porta dos xulgados un dos encausados, Aurelio Lópes. Canda el, 10 persoas máis. E unha a maiores (Teto Fialhega) que viña en transporte especial desde a prisión de Teixeiro.
Identificacións a eito
Varias ducias de persoas concentráronse ás portas dos Xulgados en solidariedade coas persoas encausadas. A Policía española procedeu á identificación de tod@s @s asistentes. Berros e faixas de apoio aos e ás encausadas e de denuncia da situación do idioma, así como a lembranza do que era “realmente” aquela marcha de Galicia Bilingüe en Compostela: “Era un acto a favor do exterminio do galego, dándose a man xente do PP, como a ministra Ana Pastor, de UPyD ou da Falange”.
Outra das persoas encausadas, Joam Peres, manifestou que estaba orgulloso de estar aquel día onde tiña que estar e da cidadanía que fixo fronte á esa mobilización 'galegófoba'.
Declaracións d@s encausad@s
A petición da defensa é a da retirada dos cargos e a libre absolución. @s encausad@s consideran que están sendo submetidos a un xuízo político para alén de rexeitar que se estea a reducir a unha cuestión de "orde pública" a problemática en torno o galego. Están acusados de delitos como atentado á autoridade ou alteración da orde pública.
As persoas procesadas quixeron agradecer momentos antes de entrar na sala as mostras de apoio e solidariedade recibidas nestes días e especialmente as d@s concentrad@s. A solidariedade veu dun amplo abano de entidades e organizacións: BNG, CIG, Candidatura do Povo, AGE, Causa Galiza, Nós-UP, CUT, A Mesa, Liga Estudantil, AGIR...
Xa na sala, e como relata Irmandade TV, a defensa comezou solicitando que unha das persoas encausadas, A.F, quen xa foi xulgado e absolto, non sexa xulgado polos mesmos feitos. Esta primeira xornada centrarase principalmente nas declaracións das persoas acusadas. A defensa pediu a impugnación das copias e documentos audiovisuais da manifestación daquel día. O fiscal rexeita a impugnación e a xuiza acéptaos como proba documental.
Quenda de declaracións
Segundo informou Irmandade TV desde os propios Xulgados, unha das primeiras persoas en declarar é B.M. que defende que viaxou a Compostela o día da manifestación de Galicia Bilingüe coa intención de "participar nunha manifestación en defensa da lingua" galega e nega que fose coa idea ou pretensión de enfrontamentos. O fiscal acúsao de participar en lanzamentos de botellas á policía e mesmo de queimar contentores, o que é negado por B.M. É a quenda agora doutra das persoas encausadas, N.R, acusada polo fiscal de empregar material de obra para romper marquesinas. "Nin o fixen nin o vin", afirma o acusado.
O fiscal quer saber se había unha manifestación convocada "contra" Galicia Bilingüe ou ben "fronte" á GB. Outra das persoas encausadas, A.F.G., lembra que el foi a unha mobilización convocada por diferentes organizacións en defensa do idioma, sindicatos e partidos a prol do galego. E que foi "agredido" por unha persoa que participaba na marcha de GB ante a, denunciou, pasividade policial. A defensa mesmo achegou un parte de lesións.Un dos acusados recoñece que presenciou a agresión dun falanxista.
"Gallegos, hijos de puta"
J.P, outra das persoas encausadas no proceso, sostén que o 8 de febreiro el ía asistir a unha manifestación de Mocidade pola Lingua, mais que esta non chegou a se realizar. Afirma que foi testemuña de como manifestantes de GB animaban a policía con berros de "dadles caña" e insultos de "gallegos, hijos de puta". Non foron os únicos insultos. Algúns dos encausados relataron a Sermos Galiza nunha entrevista feita hai meses como lles berraban "al mar, como en Chile".
X.R. tamén defendeu a súa presenza aquel día en Compostela en que asistía a unha mobilización a prol do galego. Tamén sinala que presenciou como A.F.G foi agredido por un simpatizante de Galicia Bilingüe.
A Fiscalía mostra diversas fotos dos incidentes daquela xornada. @s encausad@s negan que sexan @s d@s imaxes.
Nin sequera estaba en Compostela
Outra das persoas procesadas, R.R.F., sinalou que hai probas de que aquel día dos feitos non estaba en Compostela, senón en Vigo, onde residía. "Nin saín da miña casa", asegurou. R.C., persoa tamén encausada, relatou como foi tirada o chan e golpeada polos anti-disturbios. E tres días despois daquilo foi detida en Ourense. A.R. tamén denunciou a actuación policial. Indica que cando estaban no coche "entraron a saco uns tipos que dixeron que eran policías e sacáronnos pola forza". El e A.A.P din que ese día foran á capital de Galiza para tomar parte nun acto de Nós-UP a prol do galego.
Suspéndese o xulgamento até a quinta feira, ás 9:30.