martes, 28 de abril de 2015

Os bispos están "preocupados" porque en seis comunidades hai centros que non dan Relixión por falta de demanda

  • En Asturias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Navarra e País Vasco existen varios centros educativos onde non se oferta a materia porque ningún alumno o pide
  • Preocúpanos que se perda a sensibilidade nos pais e que haxa trabas nalgunhas comunidades autónomas que estean a reducir o ensino de relixión ata a facer algo heroico critica a Conferencia Episcopal

O voceiro e secretario xeral da Conferencia Episcopal Española, José María Gil Tamayo, mostrou a "preocupación" dos bispos ante o feito de que nalgúns centros públicos de seis comunidades autónomas ningún alumno se apunte a clase de relixión e temen que se deba a "perda de sensibilidade dos pais" ou a "trabas" das propias autonomías.

Preocúpanos que se perda a sensibilidade nos pais e que haxa trabas nalgunhas comunidades autónomas que estean a reducir o ensino de relixión ata a facer algo heroico, destacou este luns Gil Tamayo durante a rolda de prensa final da 105º Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal. Neste sentido, insistiu en que lles "preocupa" que non se faga "unha oferta axeitada" que, segundo precisou, debe ser "obrigatoria e de elección libre". Ademais, advertiu de que "ás veces se poñen trabas, cando non esquecementos culpables".

Segundo informou a Cadea Ser o pasado día 23 de abril, en Asturias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Navarra e País Vasco existen varios centros educativos onde non se oferta a materia polo desinterese dos alumnos en cursala. A rexión que conta con máis colexios e institutos nesta situación é Euskadi, onde 78 dos 332 centros públicos (máis do 23%) non teñen ningún alumno que escollese esta materia. O resto das autonomías está a anos luz destas cifras: a seguinte na lista é Navarra, onde un 5,6% dos colexios e institutos públicos (17 de 299) non ofrecen a materia.


Esta circunstancia é máis minoritaria na Comunidade Valenciana (o 4% dos centros públicos non dan Relixión), Asturias (a porcentaxe redúcese ao 2,5%) e Galicia (os centros nesta situación son o 2,2%). Cataluña, pola súa banda, confirmou que ten centros públicos onde ningún alumno cursa Relixión, se ben non ofreceu datos concretos. E o número pode mesmo ser maior, xa que nin a Comunidade de Madrid nin Baleares facilitaron información ao respecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario