Os
vindeiros 17 e 18 de abril, dará comezo a segunda entrega de
EscolaTIC, unha xuntanza arredor das novas tecnoloxías aplicadas ao
eido docente. O encontro terá lugar no Pazo de Congresos e
Exposicións de Santiago de Compostela (San Lázaro). Desta volta,
EscolaTIC2015, centrarase na achega de recursos ao profesorado
galego, isto é: como promover e reforzar a actividade formativa
empregando estas novas ferramentas. As Xornadas
EscolaTIC2015, segundo os organizadores, abranguerán
“conferencias de figuras nacionais de grande relevancia no eido
educativo”, relatorios sobre experiencias de integración da
tecnoloxía nas aulas, obradoiros prácticos e unha Sala Aberta para
debates.
O evento vén da man da Consellería de Cultura e
Educación e das Estruturas de Formación Permanente do Profesorado.
En canto a programa e
relatores, contarase coa presenza de Linda Castañeda, Andrea
Giráldez e César Poyatos, que serán os conferenciantes plenarios e
as súas charlas versarán sobre o desenvolvemento das competencias
docentes no mundo tecnolóxico, a creatividade e o emprego de
dispositivos de maneira efectiva e creativa.
Asemade, achegarase un
escenario-oportunidade para que docentes de toda Galicia amosen as
súas experiencias coas TIC nas aulas e en ámbitos como a creación
audiovisual, a robótica, o uso de portafolios dixitais, o proceso de
mesturar xogos e aprendizaxe, a lectoescritura con tabletas, a
introdución do alumnado na programación informática ou a creación
de material multimedia.
Alén destes temas,
nestas xornadas tamén se tirará proveito dos códigos QR para que
os participantes amosen e compartan as súas vivencias coas TIC.
Por
outra banda, o evento acubillará obradoiros e actividades de índole
práctica sobre a introdución das novas tecnoloxías nas aulas
galegas, coa opción de manexar robots, programar aplicacións ou dar
feitura a novos produtos audiovisuais.
Outra das faces deste
encontro será a Sala Aberta, un foro de debate no que se abranguerán
temas como: os dereitos de autor e licenzas de uso, as redes sociais
na educación, os desafíos dixitais para un cambio educativo, a
formación docente en novas tecnoloxías, as TIC e as NEAE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario