martes, 28 de abril de 2015

Liga e Comités encetan a construción dunha nova organización estudantil unitaria

As dúas organizacións acordan en senllas asembleas nacionais impulsar un proceso de debate cara ao xurdimento dunha nova organización estudantil "unitaria, aberta, plural e democrática". 

Na pasada fin de semana as organizacións estudantís nacionalistas Liga Estudantil Galega e Comités desenvolveron senllos encontros nacionais nos que acordaron pór ambas as dúas formacións ao dispor dun proceso que teña como obxectivo a construción dun novo axente unitario, aberto, plural e democrático ao servizo do movemento estudantil nacionalista.
Neste senso, fontes consultadas por Sermos Galiza aseguran que se trata dun chanzo máis após o traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos. Polo de agora non existe unha folla de rota nen prazos prefixados mais desde ambas as dúas organizacións salientan que debe tratarse dun proceso "aberto", "plural" e "de base".
Desde esta perspectiva e embora partir a aposta desde a Liga e os Comités, non fechan as portas aos demais axentes nen tampouco focan o proceso unicamente na Universdade. "Non podemos marxinar un sector tan amplo do estudantado galego" como o ensino medio, sinalan.
Sen que exista até o de agora unha folla de rota ambas as dúas organizacións salientan que debe tratarse dun proceso "aberto", "plural" e "de base"
Após as asembleas nacionais, terán que ser os órgaos de dirección recentemente elixidos os que fixen o ritmo e deseñen os pasos a seguir. Destarte, quer a Liga quer os Comités aseguran que "as présas non son boas" en procesos coma este mais "tampouco cómpre demorar moito" á fin de que "xermole con forza" unha organización "plural", "democrática", "aberta" e "eficaz".
Ambas as dúas organizacións aseguran que é o actual contexto no que se atopa o ensino público galego o que propiciou este novo paso. Neste senso, sitúan a "ofensiva españolizadora e privatizadora" como un dos catalizadores dunha aposta na que ambas as dúas formacións cavilaban desde hai tempo.
A respeito dos principios que rexerán o proceso ningunha das dúas organizacións estabelece prioridades e amósanse abertas ao debate ao tempo que sinalan, "hai cousas que mudar e outras que deben continuar porque funcionan". "O importante non é un modelo ou outro senón unha organización eficaz".

Ningún comentario:

Publicar un comentario