A ourensá afincada en Vigo como xinecóloga foi a primeira muller galega en acadar o máis alto grao académico.
Non ten pasado aínda un século dende que a primeira muller galega obtivo un doutorado. Porque foi en 1925 cando a ourensá afincada en Vigo Olimpia Valencia acadou o máis alto grao académico. Fíxoo en Madrid, en Medicina. E exerceu na cidade olívica durante décadas, sendo a primeira médica con consulta propia. Para logralo, tivo que vencer ao absoluto machismo dominante durante a ditadura franquista. E, tamén, vencer a marca de ter defendido o Estatuto de Galicia durante a República, ao punto de que foi detida e encarcerada ao comezo da Guerra Civil, acusada de militar no Partido Galeguista. A doutora Valencia impúxose a todas as adversidades e converteuse nunha pioneira.Olimpia Valencia naceu en Baltar, en Ourense, o 14 de decembro de 1898. Pero con 12 anos vai vivir a Vigo cos seus pais. Na antiga Academia Minerva, preparou por libre o Bacharelato e cursou Maxisterio. Ata que decidiu seguir a súa verdadeira vocación: a Medicina. En 1919, Valencia ingresa na Facultade de Medicina de Santiago. Seis anos despois, en 1925, convértese na primeira muller galega que logra a licenciatura en Medicina, cun expediente académico brillante, que inclúe 19 matrículas de honra e premio extraordinario.
Estivo na Residencia de Señoritas coa intelectualidade de Madrid
A muller segue a ser unha rareza na universidade nesa época. E, cando Olimpia Valencia suxire
que desexa especializarse en enfermidades do pneumotórax, recibe
presións para que desista. Está mal visto que as mulleres médicas
tratasen ós homes. Así que a súa saída natural (aínda que hoxe soe
triste e ridículo) era a xinecoloxía, o que lle garantiría tratar sempre con pacientes do seu propio sexo.Olimpia Valencia trasládase a Madrid á Residencia de Señoritas, versión feminina da Residencia de Estudantes onde estaban neses anos Dalí, Buñuel ou Lorca. Coa súa brillantez intelectual, le a súa tese e convértese na primeira galega na historia que alcanza o título de doutora.
De volta en Vigo, abriu clínica no centro da cidade. A súa placa de xinecóloga na rúa tivo que vencer moitos prexuízos. Da intelectualidade de Madrid, vivida no ambiente cultural da Residencia de Estudantes, pasou aos círculos culturais vigueses sen problemas. E relacionouse coas figuras do galeguismo da época. Así, en xuño de 1931, aceptou encabezar un chamamento de apoio aos candidatos da provincia de Pontevedra polo Partido Galeguista.
Tras o golpe de Franco, en febreiro de 1937 é detida e pasa catro días no cuartel da Garda Civil. Se unha muller o tiña difícil neses anos, a súa consideración de ‘roja’ debeu de poñer a Olimpia Valencia nunha situación difícil.
Olimpia Valencia tivo unha longa carreira como xinecóloga. Xubilouse nos anos 60. Ademais, foi unha das fundadoras da Alianza Francesa en Vigo. Morreu no ano 1987. Hoxe unha rúa viguesa leva o seu nome. Non teñen pasado nin cen anos desde que esta médica se converteu na primeira muller galega en obter un doutorado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario