luns, 20 de abril de 2015

O STEG esixe que se aplique a normativa

Na Orde do 28 de xuño de 2012 (DOG do 29/06/12) a Consellaría de Cultura, Educación e O.U., escudándose na situación económica, tomou unha medidada extraordinaria e urxente, consistente en que o persoal substituto docente que prestase polo menos cinco meses e medio de servizos no curso académico 2011-2012 ou 2012-2013 non terían dereito a que se realizase un nomeamento polo mes de xullo e polos días de agosto que procedesen, unha vez deducidos os aboados por vacacións non gozadas.

No texto falábase de “suspender durante dous anos a aplicación” do punto que regulaba o parágrafo anterior.

Unha vez rematado o período de suspensión deses dous anos foi ampliado durante un ano máis, de xeito unilateral, por parte da Consellería de Cultura, Educación e O.U, obviando a legalidade vixente.

En conversa telefónica coa subdirección de persoal se nos dixo que non tiñan intención de pagar o verán ao profesorado substituto que traballe máis de cinco meses e medio neste curso 14-15, é dicir, o que ían ser dous anos de perda de dereitos como medida extraordinaria, van camiño de converterse en .....catro se se cumpre o que se nos dixo telefónicamente.

Falan de recuperación pero seguimos cos recortes e, unha vez máis, coa parte máis feble do profesorado, ao que non se lle para de pedir que siga facendo esforzos para axudar a saír da crise. Algún día sairemos; o problema será onde estaremos nese momento?

O STEG solicitou á dirección xeral de centros e recursos humanos que se aplique a normativa (punto décimo oitavo da Resolución do 31 de xullo de 2013 - DOG do 12/08/2013) unha vez pasado o tempo de suspenso.

Secretariado Nacional do STEG
abril de 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario