xoves, 23 de abril de 2015

A Tecnópole abre a inscrición para o campamento tecnolóxico de verán

As innovadoras fórmulas de facer tecnoloxía e preparar innovación inauguradas en 2013 polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) van ter continuidade cunha terceira entrega en 2015 (e as que veñan). Falamos do Tecnópole Technological Workshop (T2W), para entendernos o Campamento Tecnolóxico do Verán da Tecnópole, unha proposta a medio camiño entre seminario de coñecemento avanzado e actividade estival de lecer para rapaces que colle o mellor dos dous formatos sen diminuír o seu alcance, máis ben o contrario. A nova edición do campamento vén de abrir o seu prazo de inscrición, e a súa apertura oficial está prevista para o vindeiro mes de xullo. A Tecnópole lémbranos unha vez máis que a proposta é única en Galicia. Respecto ao seu papel no eido estatal, senón é única pouco lle falta.
Este ano o campamento coincide co décimo aniversario da Galiciencia, o que significa (entre outras cousas) que os dous equipos de alumnos que presenten os mellores proxectos terán asegurado un emprazamento propio para amosalos ao público durante esta edición especial da feira, que se celebrará en novembro.
O campamento celebrase entre o 1 e o 14 de xullo e estará dirixido a 40 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos. Todos os participantes traballarán no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. “Para facelo posíbel”, sinala a Tecnópole, “o programa incluirá nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc”. Segundo engade a organización, este ano “a actividade estrela” será a robótica, con sesións de formación todos os días do campamento.
Respecto de a quen se dirixe o campamento, a Tecnópole lembra que aínda que a inscrición estea aberta a estudantes de toda Galicia sen restricións, “a proximidade xeográfica recomenda a actividade para persoas que residen ou mesmo que pasan o verán na provincia de Ourense”.
Un dos grandes obxectivos da actividade, extensíbel a todas as idades, é fomentar o desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e incidir na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais, sinala a Tecnópole, “trátase de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, de potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público e a práctica do inglés”.
Todas as actividades desenvolveranse en equipo, mediante a formación de grupos de rapaces da mesma idade, aos que se estimulará para conseguir a organización interna que lles permita desenvolver habilidades sociais a través da discusión dos proxectos, fomentando ao mesmo tempo o respecto entre os compañeiros e o traballo en equipo. “Dado que se trata dunha actividade integrada no tempo de vacacións dos participantes”, explica a organización, “tratarase de fomentar a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais”. Polo tanto, durante o campamento os participantes practicarán actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación, o tenis ou o atletismo.
O custo por participante será de 260 euros con todo incluído, dende o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense ata a comida e todas as actividades. A preinscrición está xa aberta na web t2w.tecnopole.es.

Ningún comentario:

Publicar un comentario