“Si quieres algo te vienes por la comisaría y se lo intentas contar a alguien que te entienda”, respondeulle un funcionario da Policía Nacional de Ferrol a un cidadán que pretendía presentar unha denuncia por teléfono. A Mesa denuncia o caso de discriminación lingüística.
Un funcionario da comisaría de Ferrol negouse a atender a denuncia dun cidadán por falar en galego. Esa é a queixa recibida a través da Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística por un veciño de Caranza que padeceu a discriminación polo uso do galego cando pretendía denuncia un ataque informático do que fora vítima. O funcionario esixiulle que se expresara en español mais, ao se negar o denunciante a cambiar de lingua facendo gala do seu dereito a se expresar en galego recibiu como resposta por parte do seu interlecutor que se dirixise á comisaría para falar con “outra persoa que o entendese” antes de lle cortar o teléfono.“A policía debe servir e respectar á cidadanía, non desprezala por usar a súa lingua”, sinala o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, quen define a situación como un “grave prexuízo e unha inadmisíbel discriminación para este cidadán” ademais da vulneración non só da lexislación vixente sobre dereitos lingüísticos senón tamén o deber dos empregados públicos de “tratar con respecto que se merece a toda a cidadanía”. “É inadmisíbel que unha agresión como esta parta dun corpo que debería velar polo cumprimento dos dereitos da cidadanía e non desprezalos atacando a quen os fai valer”, denuncia Marcos Maceira.
A Mesa denunciou o caso perante a Comisaría de Ferrol como ao Valedor do Pobo, o Ministerio do Interior e a SXPL e esixe que a Policía Nacional “cumpra a lexislación e se garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía galega”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario