xoves, 30 de abril de 2015

Galicia Bilingüe publica o borrador do plan da Xunta para impulsar o galego

O colectivo de Gloria Lago di que busca "suavizar" as medidas nas que traballa o Goberno canda institucións como a RAG e o Consello da Cultura para promocionar o idioma propio no tecido empresarial. 

"Suavizar el Plan". Ese é o obxectivo declarado por Galicia Bilingüe (GB) ao solicitar oficialmente participar no novo plan co que a Xunta  pretende fomentar o idioma propio no mundo empresarial.
A entidade contraria a normalización do idioma denuncia que se trata dun "lamentable proyecto de ingeniería social". En opinión do grupo que preside Gloria Lago, o Executivo non sabe interpretar os datos sobre o retroceso do idioma entre os máis mozos e co novo plan insite no "fracaso das políticas de imposición" e busca desviar a atención da polémica sobre o galego nas aulas.
Dende o Goberno defenden a necesidade do Plan. “O obxectivo é incrementar a presenza do galego na economía xa que é un ámbito de gran influencia e que ten un efecto multiplicador no resto da sociedade”, dixo o presidente do Goberno Galego cando presentou o proxecto. 
Para darlle forma concreta, a Consellería de Cultura xa remitiu un borrador a entidades, como o Consello da Cultura e a Real Academia. Galicia Bilingüe, "asociación pro libertad de elección de lengua", tamén logrou que se lle remitira o texto tras solicitalo oficialmente.
O colectivo anti-promoción do galego, como era de agardar, non aforra críticas ao documento. Na súa opinión, servirá para "ejercer una coerción indirecta en las empresas" e "crear una ficción de uso del gallego a través de incentivar, incluso pagar, su presencia en cartelería, campañas publicitarias, páginas web, imagen corporativa, presupuestos, hojas de pedido, albaranes, nóminas y otros".
Galicia Bilingüe foi un paso máis aló e publicou un listado coas 61 medidas concretas previstas no borrador. A asociación está remitíndoas a  "sus 5000 socios y simpatizantes" para que, malia que o colectivo xa as atacou publicamente, "puedan opinar" sobre as propostas do Executivo.
O cronograma incluído no "Documento estrutural básico do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020", tamén publicado por GB, prevé a súa aprobación antes de agosto. Outra entidades, como o Consello da Cultura, tamén recibiron o plan, pero non o subiron á Rede nin o valoraron aínda oficialmente.
GB e o PPdeG marcharon da man durante o bipartito, cando atacaron xuntos a suposta imposiciń do galego nas aulas. Unha vez  que recuperaron o poder, os conservadores marcaron distancias con Gloria Lago, quen os acusa de non cumplir as dúas promesas ao redor da liberdade de escolla do idioma nas aulas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario