mércores, 15 de abril de 2015

En marcha unha web que informa dos centos de accións de cooperación dos nosos campus

O Colexio de Fonseca de Santiago acolleu este martes a presentación da web rgcud.gal, a páxina específica da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento, RGCUD, unha iniciativa posta en marcha o ano pasado polas nosas tres universidades co obxectivo de tirar proveito de toda a súa bagaxe acumulada en materia de impulso socioeconómico (unha bagaxe por partida tripla) para fomentar conxuntamente o progreso en múltiples contornas xeográficas. A páxina web servirá entre outras cousas para facer visíbel o que por desgraza fica moitas veces no anonimato: as accións que abrollan das nosas comunidades universitarias co obxectivo último e fundamental de crear un mundo mellor e máis xusto.
Asemade, búscase con este portal “o xurdir de sinerxías que melloren o impacto das actuacións”. Desta maneira, informouse no Colexio de Fonseca, “a RGCUD pon a disposición dos campus galegos e da sociedade por enteiro unha base de datos de accións de cooperación e desenvolvemento executadas con participación universitaria, achegando tamén un plan de formación anual destinado aos campus e informando asemade sobre as convocatorias existentes”.
Na presentación da web interviñeron o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e a técnica do Servizo de Integración e Participación Universitaria da USC, Carolina Lodeiro, quen falou do pasado, o presente e o futuro da Rede Galega de Cooperación Universitaria. Segundo lembrou, a intención da posta en marcha deste portal é conseguir que as tarefas para o pulo do desenvolvemento adquiran total visibilidade, perante a cidadanía e perante as propias comunidades universitarias. Asemade, Lodeiro debullou os elementos da páxina web, que dixo que ten unha estrutura moi sinxela (todo está á vista, sen atrancos, co mínimo número de clics) e que salienta por acubillar unha base de datos pública que abrangue case 500 accións de cooperación incorporadas. Asemade, destacou que a páxina incorpora “un motor de busca moi potente que é unha das pezas clave do portal e que nos permite facer procuras moi detalladas e específicas por tipoloxía ou por temáticas”. Segundo fixo saber, “queremos usar a rede, precisamente, para impulsar o traballo en rede”, que é a chave da cooperación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario