Unha
vez máis, confírmase o que xa se sabía: os estudos relacionados
coa informática sitúanse hoxe en día entre as mellores opcións
posíbeis da nosa mocidade cara ao ámbito do emprego. Cara a isto
apunta, precisamente, o Estudo
nacional sobre a situación laboral do dos profesionais do sector
tecnoloxías da información,
presentado a semana pasada en Madrid. O informe confirma a nivel
estatal, como dixemos, o alto nivel de empregabilidade informática
amosado por estudos
xa feitos dende hai anos na nosa terra polo CPEIG e o CPETIG, ou
polo
presentado o ano pasado polos enxeñeiros en informática. Por
certo que na presentación en Madrid participou o presidente do
CPEIG, Fernando Suárez.
A
investigación da que estamos a falar veu da man da Xunta de Goberno
do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Informática
(CCII, nas súas siglas en castelán), na que Suárez Lorenzo é
vicepresidente primeiro. O documento
está xa dispoñíbel na web do CCII.
O
informe sinala entre outras cousas que os profesionais TIC españois
están en niveis de pleno emprego, cunha inserción laboral do 94%
dos titulados e profesionais enquisados. Sinálase tamén que a
porcentaxe de ocupación entre homes e mulleres case non amosa
diferenzas (94,2% fronte a 93,5%, respectivamente); que a medida que
aumenta a idade, descende a ocupación, cun 96,3% de ocupados de ata
30 anos fronte un 91,1% maiores de 45 anos, e que a maior nivel de
formación, máis ocupación.
Segundo
o CCII, estes datos poñen de manifesto a oportunidade de emprego que
supoñen as profesións TIC en todos os seus niveis de cualificación,
na liña das previsións da Comisión Europea, e a importante porta
para o mercado laboral que constitúen para a mocidade.
O
perfil de profesional TIC que reflicte o estudo é o dun home de 37
anos con titulación superior relacionada coas TIC, traballador por
conta allea con contrato fixo e a xornada completa, e cun salario
medio que vai desde os 18.000 aos 30.000 euros ao ano. O estudo
recolle tamén un elevado nivel de insatisfacción (61%), motivado
sobre todo polo desexo de progresar na profesión cara a postos de
maior responsabilidade e remuneración.
Os
postos de traballo predominantes entre os enquisados son os de
programador (20,9%), xefe de proxecto (20,7%) e analista, arquitecto
ou similar (17,1%). Ademais, a meirande parte son empregados ou
autónomos (59,2) e tamén son moitos os que teñen ao seu cargo un
equipo de traballo (52,4%). Canto á mobilidade laboral, só un 34%
das persoas enquisadas saíu da súa Comunidade Autónoma para atopar
un posto de traballo, a metade delas na busca dun emprego mellor do
que tiñan.
Nas
conclusións do estudo, o CCII salienta a existencia de
“extraordinarias oportunidades de desenvolvemento de políticas
públicas e iniciativas sectoriais” nos ámbitos educativo e
empresarial “para aproveitar este escenario”. E engádese: “As
profesións TIC teñen un enorme potencial para España en todos os
seus niveis” e constitúen “unha grande oportunidade para o
emprego e unha dobre posibilidade de creación de riqueza pola súa
contribución ao incremento da produtividade e da innovación”.
Polo
que atinxe as cousas que fican por facer, o CCII sinala tamén a
demanda de profesionais TIC altamente cualificados como “excelente
motor de igualdade e fomento da incorporación das mulleres” a un
“colectivo aínda moi masculinizado”. No informe apúntase pois á
necesidade de pór en marcha máis e mellores accións orientadas
especificamente ás mulleres para incidir nos devanditos obxectivos.
O
estudo realizouse en outubro de 2014 a través dunha enquisa en liña
entre máis de 3.000 titulados e profesionais TIC de todo o
territorio estatal, agás as cidades de Ceuta e Melilla.
Como
dixemos, os resultados do Estudo
nacional sobre a situación laboral dos profesionais do sector das
tecnoloxías da información
veñen corroborar os datos obtidos polo Informe
sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática
realizado con anterioridade en Galicia, da man do Colexio Profesional
de Enxeñaría en Informática de Galicia e o Colexio Profesional de
Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia. O informe xa
reflectía a alta empregabilidade dos enxeñeiros galegos, cun 91,77%
traballando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario