luns, 27 de abril de 2015

Condenados a penas de prisión 3 dos 7 estudantes xulgados pola greve do ensino de 2012 en Ourense

O Xulgado do Penal da cidade das Burgas ditaminou 2 anos de cárcere para dous deles por ‘atentado á autoridade’, e un ano para un terceiro. Exculpa os 7 do delito de 'desordes públicas'

Tres dos sete estudantes xulgados en febreiro deste ano pola greve do ensino do 2012 en Ourense foron condenados a penas de prisión. O Xulgado do Penal ourensá ditou unha sentenza pola que condena a 2 anos de cárcere a dous estudantes (A.G e J.S) por, sinala, atentado á autoridade. Tamén lles impón un mes de multa, a razón de seis euros diarios.
O xuíz impón, ademais, un ano de prisión para un terceiro estudante, que recoñeceu durante a vista do xuízo agredir un axente, sinalan desde as axencias. Ningún deles entrará en prisión por non ter antecedentes. O Xuíz absolve os 7 estudantes do delito de desorde pública. Os outros catro estudantes ficaron libre de responsabilidade penal. A resolución non é firme e cabe recurso contra a mesma.
Os feitos tiveron lugar o 11 de outubro de 2012 no marco da folga e das mobilizacións convocadas no ensino contra os recortes do goberno do PP e na defensa do ensino público. Diversas organizacións fixeron un chamamento a un Día Internacional de Loita estudantil. Na Galiza a xornada de protesta estaba convocada por Liga estudantil, Comités e Agir. No transcurso da xornada tiveron lugar diversos incidentes en cidades e vilas galegas, entre elas Ourense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario