luns, 20 de abril de 2015

O futuro do galego nas XXIV Xornadas de Lingua e Literatura

Será unha intensa xornada que terá lugar o sábado 18 en Compostela. As Xornadas de Lingua e Literatura organizadas pola AS-PG e CIG-Ensino chegan a súa XXIV edición con mesas redondas sobre Castelao, “A Esmorga” e un amplo debate sobre o futuro da lingua. 

O profesor Cibrán Arxibai, a escritora Marta Dacosta, a presidenta de Galiza Cultura, Pilar García Negro, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o Presidente da Mesa pola Normalización Marcos Maceira máis o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín Carrera compoñen a mesa redonda sobre o futuro da lingua galega coa actual política lingüística que terá lugar ás 16.30 horas nas XXIV Xornadas de Lingua e Literatura organizadas pola AS-PG e a CIG-Ensino.
O amplo debate, con representación da administración e das principais entidades de defensa da lingua, forma parte do intenso programa das xornadas que, cada ano, se desenvolven en Compostela e á que asisten centos de participantes, en especial, profesorado de Lingua e Literatura Galega. As xornadas terán lugar nesta edición no IES As Fontiñas e iniciaranse ás 10.30 horas cunha mesa redonda arredor do pensamento a obra gráfica e literaria de Castelao na que participarán o profesor e investigador, Xoán Carlos Garrido Couceiro, a profesora e ensaísta Goretti Sanmartín Rei e o humorista gráfico, Xosé Lois, o Carrabouxo.
Arredor d´A Esmorga
A vinculación da literatura e o cine con “A Esmorga” como pano de fondo é o tema da seguinte cita do programa coa intervención do ensaísta e investigador Francisco Rodríguez Sánchez, a actriz Sabela Arán e Ignacio Vilar, director de cine que levou a novela de Blanco Amor á pantalla grande.
Ademais da mesa redonda, á tarde completarase con tres seminarios, un sobre as familias léxicas plurilingües a cargo de Xosé Luís Janeiro Espiñeira, outro arredor da experiencia de normalización lingüística nos centros impartido pola profesora Pilar Ponte e a terceira será a sección habitual do programa “A autora fala da súa obra” que trae ao foro de lingua e literatura á escritora Verónica Martínez Delgado. 
As Xornadas rematarán cunha actuación musical de Guillerme Ignacio (Quempallou) e Rubén Fernández (Albariza).

Ningún comentario:

Publicar un comentario