martes, 14 de abril de 2015

As familias numerosas galegas celebrarán en Lugo o 'Encontro Familiar'

Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafan) celebrará este sábado, 18 de abril, en Lugo o seu III Encontro Familiar, que será unha xornada de "información, reivindicación e solidariedade".

Segundo informa Agafan, a convocatoria dá continuidade ao proxecto iniciado o pasado mes de outubro pola asociación, onde se mostra "a preocupación deste colectivo", ante o informe elaborado pola Xunta en xullo do pasado ano, "onde se informaba que máis de 18.000 fogares galegos con menores están en risco de exclusión social".
A cita terá lugar este 18 de abril na cidade de Lugo. Trátase de "xornadas informativas, reivindicativas e con fins solidarios", en diferentes cidades galegas, abertas para todas as familias sexan numerosas ou, non xa que é nos ámbitos urbanos onde se detecta "o maior risco de exclusión social", destaca.
Nas cidades de Vigo e Ourense desenvolvéronse os Encontros anteriores. Segundo explica Agafan, os lugares de celebración vanse elixindo en función dos "niveis problemáticos" que presentan, "xa non só en canto ao alto número de familias en risco de pobreza, senón tamén polo desazonador descenso da natalidade".
A xornada celebrarase o sábado 18 de abril na Praza Anxo Fernández Gómez e o horario será de 11,00 a 18,00 horas. Haberá mesas informativas para que os pais e nais poidan saber máis das axudas ás familias numerosas e tamén talleres e actividades lúdicas para os pequenos.

PROXECTO

Os beneficios da xornada irán destinados ao 'Proxecto Referentes de Igaxes3', unha iniciativa que busca persoas que "queiran converterse en mentores de rapaces sen apoio familiar, para acompañalos no seu camiño cara á vida independente," explican os organizadores.
Este proxecto, que leva máis de dous anos funcionando en Lugo, quere, segundo resalta a asociación, "seguir crecendo para lograr que cada vez máis mozos poidan contar co seu propio referente".

Ningún comentario:

Publicar un comentario