xoves, 23 de abril de 2015

Para que o 2016 sexa o Ano das Irmandades da Fala

Que o 2016 sexa en Galicia o Ano das Irmandades da Fala. Ese é o propósito de Ora Galega, un colectivo que vén de lanzar unha campaña de recollida de sinaturas en Internet para que o vindeiro ano se conmemore oficialmente e desde as institucións autonómicas o centenario do nacemento desta histórica organización que, como destacan os promotores, "supuxo unha nova forma de concibir o país" e cuxa fundación foi "un dos fitos fundamentais da historia contemporánea do país".
A campaña pretende a conmemoración oficial do centenario das Irmandades da Fala en 2016
Á campaña a través do portal Avaaz únese tamén unha proposición non de lei rexistrada no Parlamento de Galicia polo BNG e polo Grupo Mixto, co obxectivo de comezar a dar os primeiros pasos para a conmemoración desta data histórica. Tal e como se di no texto que anima a apoiar a petición, foi "nos primeiros dias do mes de xaneiro de 1916", cando Antón Vilar Ponte comezaba unha campaña "dirixida á creación dunha organización que puxese en primeiro termo a importancia do idioma galego, a que deu o nome de Liga de Amigos do Idioma Galego".
As Irmandades deron os seus primeiros pasos en xaneiro de 1916 e naceron oficialmente o 18 de maio do mesmo ano na Coruña
O 18 de maio dese mesmo ano nacia na Coruña a Irmandade dos Amigos da Fala, organización que pasaría a ser recoñecida no futuro como as Irmandades da Fala, e que supuxeron "unha nova forma de concibir o país, xa que, por primeira vez na historia, unha organización nacida na Galiza decidia adoptar como eixo da súa definición a idea de 'nacionalista', situando a nación como centro de decisión e como suxeito fundamental do seu devir social, cultural e político".
Xa que logo, será dentro duns nove meses cando se cumpran cen anos desde que Vilar Ponte "iniciaba o proxecto de creación da Liga". E será dentro de trece, o 18 maio de 2016, cando se celebre o centenario daquela reunión da primeira Irmandade nos salóns da Academia Galega. "Dous momentos decisivos no desenvolvemento do que chegaria a ser un dos fitos fundamentais da nosa historia contemporánea", recordan desde Ora Galega, que convoca "a sociedade galega a unirse na celebración deste centenario" e a apoiar esta petición pública "para que o vindeiro 2016 sexa declarado oficialmente Ano das Irmandades da Fala".
BNG e Grupo Mixto reclaman á Xunta a institucionalización do Ano das Irmandades e un  programa de actividades para divulgalas
Na proposión non de lei, BNG e Grupo Mixto destacan o "carácter abranxedor e democrático que caracterizou as Irmandades" e o feito de que "figuras chave da cultura galega ás que se dedicou en diferentes anos o Día das Letras Galegas foron impulsoras deste movemento". Por iso, instan á xunta a que se declare o vindeiro ano como o Ano das Irmandades e que se estableza un programa de actividades e se aproben os fondos necesarios para divulgar no país “o encomiable labor desta organización, animada polo propósito de traballar por unha Galiza máis culta, libre, xusta e comprometida consigo mesma”.
A Marea Atlántica inclúe no programa a conmemoración do centenario das Irmandades "destacando a súa condición visionaria na perspectiva de xénero"
Non é a única proposta que hai neste sentido. A plataforma cidadá Marea Atlántica da Coruña propón nas súas "99 medidas para o 99%", o seu programa electoral, a celebración en 2016 na cidade do Ano das Irmadandades da Fala, conmemorando o centenario do seu nacemento na urbe e "destacando a súa condición visionaria na perspectiva de xénero".

Ningún comentario:

Publicar un comentario