Sen medios en galego non hai liberdade de imprensa. Así se sostén no A Fondo desta semana, a quinta feira nos pontos de venda habituais, no que participan xornalistas de Praza Pública, TVG, Irmandade TV e Luzes.
Neste domingo, 3 de maio, celébrase o Día da Liberdade de Imprensa. Os medios en galego son piares imprescindíbeis para a súa existencia e refortalecemento no país. Ao redor deste binomio xira o A Fondo desta semana, no que participan profesionais de diversos medios de comunicación galegos e en galego. O caderno de análise de Sermos Galiza contará nesta ocasión coas colaboracións de David Lombao, director do xornal dixital Praza Pública; Montse Dopico, integrante do consello de redacción da revista mensual Luzes; Susana S. Recouso, xornalista da Televisión de Galicia; Aurélio Lopes, de Irmandade TV e Xosé Mexuto, director de Sermos Galiza.O A Fondo estará na rúa esta quinta feira 30 de abril, conxuntamente co número 143 de Sermos Galiza.
“Ver o mundo desde Galiza como nación é tamén exercer a liberdade de imprensa e facelo desde un país que ten un perfil absolutamente diferenciado e problemas específicos non asimilábeis polo canon español” ─expón no seu artigo, ao redor da liberdade de imprensa nunha nación negada, o director de Sermos─ “Esa é a liberdade de imprensa que verdadeiramente é emancipadora”.
As voces da nación
“Un bo xornal, supoño, é unha nación falándose a si mesma”. Destas verbas de Arthur Miller parte David Lombao para falar da liberdade de expresión na Galiza, “condicional”, tal e como a cualifica o director de Praza Pública e condicionada aos intereses políticos das administracións subvencionadoras. Destaca Lombao as iniciativas xurdidas para refortalecer o espazo de comunicación do país con varios medios galegos xurdidos xusto cando a crise se levara por diante cabeceiras de referencia en Galiza e en galego.
"Neste domingo, 3 de maio, celébrase o Día da Liberdade de Imprensa. Os medios en galego son piares imprescindíbeis para a súa existencia e refortalecemento no país. Ao redor deste binomio xira o A Fondo desta semana"“Siléncianse novas que non interesan, nésganse aquelas que politicamente deben dar unha determinada visión da realidade e convértense en noticia ou sobrevalóranse as que partidistamente poden ter un rendemento electoral”. Así describe a xornalista Susana S. Recouso o funcionamento dos medios públicos galegos. Perden, argumenta, a súa razón de ser a instancias do afán de control do goberno que estea no poder, e dos intereses económicos aos que lles interesa o seu descrédito para xustificar a súa desaparición a favor dos medios privados.
Dende os etiquetados como medios alternativos fala Aurélio Lópes. “A liberdade de prensa está así condicionada previamente á capacidade económica de dotarse dos medios materiais e humanos precisos para a creación dunha cabeceira ou soporte comunicativo”, explica para denunciar a ligazón dos medios de masas a holdings empresariais e a intereses de familias das elites burguesas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario