martes, 14 de abril de 2015

Un investigador descobre unha obra de teatro inédita de Cunqueiro

A letra inconfundible de Álvaro Cunqueiro é o indicador máis claro da autoría da obra de teatro titulada Alalá das Curuxeiras que o investigador Isidro Fernández ten no seu poder despois de adquirir a un particular o arquivo procedente da Falanxe de Mondoñedo. Trátase dun documento manuscrito en seis páxinas nas que se recolle unha obra teatral de carácter popular que puido ser escrita para a conmemoración dos Maios, que nos anos trinta se estaban a recuperar na localidade.
"Está escrita polo puño e letra de Cunqueiro, e iso é indubidable. Aparece antecedida por unha páxina na que constan os personaxes e a música como anotación da propia obra, que ía ser, segundo se sinala alí mesmo, interpretada no atrio da Igrexa dos Remedios", sinala Isidro Fernández do documento que obra no seu poder.
Unha infantiña que está bebendo auga na fonte, un romeiro que vai ofrecido, a moza que perdeu a cita do pelo, o vello que sabe historias, o mozo que atopou a cinta e a vella moi vella son os personaxes cos que o autor constrúe unha historia que posiblemente o autor creara para actores infantís.
O escritor, sospeitoso
"Calculo que a obra puido ser escrita entre 1930 e 1935, e o feito de estar no arquivo da Falange pode indicar que o escritor estaba baixo sospeita, que a súa casa fora revisada e moitos documentos requisados, aínda que logo se adaptara ás circunstancias", explica Isidro Fernández dun feito que, de se probar, evidenciaría que no inicio do réxime o escritor, militante do PG, non era persoa de fiar para o franquismo.
"Trátase dunha obra de carácter popular na que a música que indica para a súa representación eran os romances ‘A Francia partió la niña', ‘O Conde Olinos', un alalá e unha muiñeira, e está escrita toda a man e en galego, lingua que Cunqueiro utilizaba xa nos anos trinta", relata o investigador, para quen a obra de Cunqueiro aínda non está pechada. "En Mondoñedo escribía en moitos lugares e continuamente aparecen novos documentos da súa autoría nos máis diversos arquivos persoais e oficiais", valora este investigador, que conta cun importante arquivo persoal con materiais autógrafos que van desde Iglesias Alvariño a López Ferreiro, pasando por Álvarez Villamil ou Pardo Bazán, con especial dedicación á historia do século XIX e ao movemento carlista, de singular relevancia no seu Mondoñedo. onde quere que no futuro continúe o importante arquivo que vén atesourando nos últimos anos.
Información tirada de Sermos Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario