Hoxe celebrouse en
Santiago, na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA),
o Día
Internacional das Rapazas e as TIC, unha data dirixida a emendar,
na medida do posíbel, unha eiva que lonxe de solucionarse, por
desgraza semella ir a máis: a fenda de xénero na formación
tecnolóxico-dixital e, por conseguinte, no ámbito laboral. Segundo
se lembrou, a devandita fenda tradúcese nunha importante
masculinización do sector, “relegando ás mulleres en certos
ámbitos tecnolóxicos a minorías tan reducidas que case conviría
falar de excepcións”, explicou Fernando Suárez, presidente do
CPEIG, un dos participantes nos actos de hoxe. Na xornada, para
demostrar que o tecido TIC e a sociedade por enteiro precisa con
urxencia máis mulleres informáticas, expuxéronse diversos casos de
éxito empresarial impulsados por mozas da nosa terra: Pekecha.com,
Appentra e os estudos de
videoxogos Ameiga.
O acto de celebración
foi presidido pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López
Abella, e máis polo director do CESGA, Javier García Tobío. As
sesións desenvolvidas no salón de actividades do centro
compostelán, que literalmente rebordaron de asistentes
(principalmente as rapazas do IES Carlos Casares de Vigo), foron
retransmitidas vía multiconferencia ao IES da Estrada, ao CPR
Montespiño (A Coruña) ao IES Monte das Moas (A Coruña), ao IES
Carlos Casares de Viana do Bolo, ao IES Campo de San Alberto (Noia),
ao IES Francisco Daviña Rey (Monforte), ao CEIP O Cruce (Cerceda) e
ao IES Saturnino Montojo (Ferrol).
Como dixemos, o acto foi
inaugurado por Javíer García Tobío, quen sinalou que o obxectivo
do Día Internacional das Rapazas e as TIC é lograr que as nosas
mozas valoren entre as súas opcións de futuro, tanto para xogar
como para informarse como para traballar, as opcións que achegan as
novas tecnoloxías. “Botamos en falta a presenza de mulleres”,
dixo o director do CESGA, quen lembrou que no caso particular do
centro de supercomputación, só o 22% do persoal que alí traballa
son mulleres. Entre as razóns do problema salientou sobre todo o
coñecemento incompleto que se ten na sociedade sobre a profesión
informática. “Nós facemos algo máis que estar diante dun
computador, moito máis ca iso”, sinalou.
No acto tamén participou
Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG), que
falou do estudo presentado polo CCII os días pasados no que se
poñen de relevo dous datos de gran importancia: por unha banda o
alto nivel de empregabilidade dos estudos TIC e, pola outra, “a
importante masculinización dos ámbitos educativos e por conseguinte
dos ámbitos profesionais”. Suárez tamén fixo un repaso por
figuras femininas referenciais do eido tecnolóxico e dixital,
algunhas do pasado (como Ada Byron, a filla de Lord Byron, que dá
nome aos galardóns que convoca o CPEIG para visualizar o labor das
nosas mozas informáticas) e outras do presente, como a ourensá Eva
Dafonte, enxeñeira superior en Informática, na actualidade
administradora de bases de datos Oracle na Organización Europea de
Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, Suíza (segundo lembrou
Suárez, Dafonte foi merecedora este ano do Premio Ada Byron que
concede o colexio profesional).
Para rematar, o
presidente do CPEIG dirixiuse ás mozas convocadas no CESGA (e nos
colexios a través de multiconferencia) para convidalas a apostar
polos estudos informáticos: “Non podemos prescindir de vós, do
voso talento”. Asemade, lembroulles que a informática é un eido
transversal, que atinxe a todos os escenarios sociais da nosa vida e
do que, ademais, depende en parte todo o que se faga hoxe en día
para dar forma a un mundo mellor.
Pola súa banda, a
secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella destacou a
importancia de aproveitar o talento e a capacidade innovadora das
mulleres novas mediante a súa incorporación aos estudos e
profesións relacionados coas TIC. Tamén incidiu na necesidade de
visualizar cada día que do talento tecnolóxico que puideramos
atesourar, preservar, impulsar e amosar, só contamos coa metade del.
Asemade, convidou a achegar entre todas e todos “unha visión
realista do sector”, co fin de romper cos estereotipos e as ideas
preconcibidas, que son en boa medida os grandes culpábeis desta
situación de desigualdade.
As actividades da mañá
remataron coas presentacións dos devanditos casos de éxito de
emprendemento innovador feminino. Interviñeron (falando das súas
experiencias primeiro e logo respondendo polo miúdo ás preguntas
lanzadas polas estudantes na propia sala do CESGA e a través de
multiconferencia dende os centros de ensino participantes na xornada)
Verónica Ramallal, socia fundadora de Pekecha.com, María Rosa
Vázquez Rogel, cofundadora de Appentra (empresa de software de
computación de altas prestacións) e Mariel Martínez Estévez,
cofundadora de Ameiga (compañía para o desenvolvemento de xogos
para dispositivos móbiles).
A xornada: obxectivos
e orixes
O
Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha celebración dirixida
a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das
TIC, así como ofrecer un espazo de intercambio e comunicación
entre elas e as rapazas e rapaces dos institutos de secundaria de
Galicia. A conmemoración (Girls in ITC), promovida e
coordinada pola ITU (International Telecommunications Union), da que
España é membro, ten como obxectivo máis amplo crear unha contorna
global que promova e apoie ás rapazas no eido das Tecnoloxías da
Información e a Comunicación (TIC).
O CESGA, como coordinador
deste proxecto e, en colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade,
vén traballando dende o ano 2012 (de xeito conxunto con institucións
europeas), na elaboración dunha proposta de traballo nas aulas dos
primeiros anos de educación secundaria para mellorar a percepción
das aplicacións das TIC e as súas posibilidades futuras no mundo
laboral e de estudos, así como a actitude emprendedora entre as
rapazas máis novas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario