venres, 24 de abril de 2015

Ler ten canteira na comarca

Bibliotecas e centros educativos envórcanse coa celebración do Día do Libro.

Dicía San Agustín que "cando rezamos falamos con Deus, pero cando lemos, é Divos quen fala connosco". Onte, Día do Libro, esta e outras frases en prol dos beneficios da lectura circularon polas redes sociais e tamén polos numerosos actos que se organizaron nos centros educativos para conmemorar, tamén, a data na que a literatura universal perdeu a 3 dos seus xenios: un 23 de abril enterrouse a Miguel de Cervantes e faleceron tanto William Shakespeare como Garcilaso de la Vega, segundo as crónicas.
Na capital dezana, Lalín, o Salón Teatro acolleu a entrega dos premios do undécimo Concurso de Marcapáxinas, nun acto no que houbo ademais a representación dunha obra de teatro musical a cargo de Fantoches Baj. Mentres tanto, no instituto Laxeiro o grupo Sector verbal organizou un recital poético da man de Lucía Aldao e María Lado. Baixo o epígrafe de Moita poesía, pouca diversión, estas dúas creadoras convenceron aos mozos de cuarto de ESO de que a lírica non só favorece a comunicación, senón que tamén serve para reflexionar e gozar de momentos lúdicos.
E de Lalín a Silleda. En terras trasdezanas houbo onte unha intensa actividade de promoción da lectura. Os alumnos de Secundaria do colexio María Inmaculada encargáronse de escenificar para os seus compañeiros máis novos diversos contos tradicionais, que fixeron as delicias do auditorio e que seguro que espertaron o interese por descubrir estas belas historias que nunca pasan de moda nin de xeración. Por iso, no IES Pintor Colmeiro organizouse unha conferencia da profesora Encarna Otero ao redor de Castelao e o mundo da muller. Sen saír de Silleda, a biblioteca municipal ofreceu a todos os veciños a posibilidade de participar nun taller de improvisación oral en verso, con Regueifeiros de Galicia. Ademais, a edil Pilar Peón entregou no CEIP da Bandeira os premios do concurso de relato, que recaeron en Sabela Arincón, pola porca violeta; Arola Lamela, polo can superheroe; e Mariña López, por Manuela Especial!.
Rodeiro tamén se sumou ao Día do Libro cun taller coordinado por Anxo Fariña.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario