mércores, 15 de abril de 2015

Casares propón un banco de libros de texto e bolsas para comedores escolares

O candidato do PSOE á Alcaldía de Lalín, Nicolás González Casares, presentou dúas novas medidas coas que concorrerá ás municipais do 24 de maio en materia educativa. Propón o impulso dun banco municipal de libros de texto para que as familias con máis problemas económicos non teñan que desembolsar cada ano tanto diñeiro en material cada comezo de curso. Esta medida foi demandada a Casares pola Anpa do IES Laxeiro. Nesta proposta entrarían alumnos doutros municipios que, matriculados en Lalín poderían ter acceso ao programa, aínda que mediante acordos con concellos limítrofes que acheguen alumnos. Outro compromiso ten que ver coa creación de bolsas municipais para comedores escolares, tendo en conta os altos pagos que teñen que afrontar algunhas familias por estes servizos. O PSOE desexa contrarrestar, con este plan, os efectos da crise en moitos núcleos familiares do municipio.
Noutra orde de cousas, Casares cuestiona as obras que cometerá o Concello no Paseo do Pontiñas, orzadas en 113.000 euros, e mediante procedemento negociado. Ademais di que o proxecto é un parche pois non ten unha planificación rigorosa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario