Despois da proxección dun vídeo feito por galegas de todo o mundo lendo un manifesto, Do Val lembrou que en tres de cada catro fogares galegos hai alguén emigrado, e que ademais 200.000 persoas abandonaron Galicia dende o 2007. Pola súa banda, Natalia Cabana, que marcha emigrada a Inglaterra o vindeiro martes, explicou que Voltar á Terra nace coa vontade de xerar conciencia entre as persoas que viven en Galicia e as que que tiveron que emigrar, esixindo entre todas "cambios políticos que nos permitan vivir dignamente no noso país e emigrar cando queiramos, e non cando nos vexamos obrigadas a facelo".
Do Val lembrou que en tres de cada catro fogares galegos hai alguén emigrado, e que ademais 200.000 persoas abandonaron Galicia dende o 2007Esta mesma situación vivírona varias décadas atrás Xosé Lois Leirós e Manuel Domínguez, voceiros dos emigrantes retornados, que chamaron a fornecer ferramentas propias coma a plataforma "para rachar o círculo de dependencia que nos forza a emigrar". Tamén quixo dar o seu apoio Guillerme Ignacio, membro de Quempallou, que explicou o que supón a emigración desde a perspectiva do familiar e amigo, e interpretou unha cantiga de Cotobade dirixida ás que tiñan que marchar a buscar a vida fóra.
"A emigración non só supón rachar familias e separarse da xente que queremos, senón desvertebrar o noso territorio, introducir fendas xeracionais irrecuperábeis"No manifesto de Voltar á Terra, que tamén se presentou este venres, destácase que "a emigración non só supón rachar familias e separarse da xente que queremos, senón desvertebrar o noso territorio, introducir fendas xeracionais irrecuperábeis". O texto demanda unha serie de medidas para contrarrestar a actual tendencia, coma "un plano de emprego xuvenil que promova novos espazos de actividade para a xeración de emprego e que potencie o emprendemento", "un plano de apoio ao retornado que permita volver en condicións dignas e con acceso a un posto de traballo digno", o "reforzo dos servizos públicos e contratación de traballadoras no ensino, sanidade e servizos sociais", a "promoción da explotación sustentábel dos nosos sectores produtivos" ou a "derrogación do atraso na idade de xubilación".
O primeiro paso da iniciativa é a recollida de apoios individuais e de distintas entidades por medio da súa páxina web, para que "xunto as galegas na terra e na emigración que queiran colaborar e unirse a iniciativa", facer valer "os nosos dereitos diante de institucións que terían que representarnos e non forzarnos a marchar".
Ningún comentario:
Publicar un comentario