mércores, 29 de abril de 2015

CreAPPcuentos xa está presente en máis de medio cento de centros educativos estatais

A aplicación galega CreAPPcuentos segue adiante coa súa colleita de éxitos e ampliacións (de mercados, fronteiras, funcionalidades, integracións e usuarios). Segundo puidemos saber esta semana, a app impulsada por Avelino Correa e Antonio Escudero para incentivar a creatividade dos nosos rapaces a través da creación de contos sobre a base dos dispositivos con Android ou iOS, xa superou amplamente a cifra de 20.000 descargas en máis de 70 países e está presente en máis de medio cento de centros educativos estatais. Esta vertente, a da súa actividade en centros educativos, confirma o potencial de CreAPPcuentos no ámbito educativo. O obxectivo agora: chegar a máis de 200 colexios e acadar a liña das 100.000 descargas.
Ao fío do devandito, xa o ano pasado Correa e Escudero insistían por unha banda na posibilidade certa de chegar ao dito número de descargas e, por outra banda, na capacidade da súa criatura tecnolóxica para fomentar a imaxinación e a aprendizaxe dos pequenos a través de personaxes dos contos de sempre coa creación de novas historias inventadas.
Segundo recorda o xornal en liña GCiencia nunha completa reportaxe sobre CreAPPcuentos, estamos ante unha aplicación interactiva para tabletas deseñada para crear “contos únicos e inéditos”, con personaxes universais e en calquera idioma. Na orixe mesma do desenvolvemento desta ferramenta atópase a seguinte pregunta: Como contar contos doutra maneira ao mesmo tempo que turramos do carro das TIC e lles tiramos o máximo proveito? “O que ofrecemos”, contan Correa e Escudero na dita reportaxe, “é a posibilidade de crear historias propias usando fondos e personaxes deseñados por prestixiosos ilustradores, fomentando a creatividade e a imaxinación; ademais, facilitamos a aprendizaxe de idiomas, xa que permitimos crear o conto cos textos e audios que decida o usuario, que poderá compartir as súas creacións e gozar das incribles historias creadas por outros accedendo a unha biblioteca virtual de contos”.
Respecto das novidades introducidas recentemente no seu seo, GCiencia salienta os plans de CreAPPcuentos para espallarse e afianzarse no mercado asiático. Para ir preparando terreo, os creadores da ferramenta teñen a firme decisión de integrar nas súas fileiras a algún artista procedente de países como Xapón, Corea do Sur ou China, “onde o mercado de aplicacións dixitais configurouse como o máis importante do mundo, xunto ao de Estados Unidos”. Este obxectivo concreto responde a unha estratexia xenérica dentro de CreAPPcuentos: a de dar forma a paquetes temáticos en múltiples países coa axuda e colaboración de desenvolvedores locais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario