martes, 28 de abril de 2015

O IES de Curtis conmemora o 17 de maio co seu segundo Certame Escolar de Blogs

Co gallo do Día das Letras Galegas e o Día Internacional da Internet (ámbalas festividades felizmente coincidindo o vindeiro 17 de maio), o IES de Curtis vén de convocar un concurso que se dirixe a distinguir a mellor bitácora en galego dos nosos estudantes. O Certame Escolar de Blogs, que vai pola súa segunda edición, está aberto a toda a comunidade educativa e, segundo nos conta o equipo organizador, valorará positivamente aqueles cadernos persoais que dean a coñecer aspectos novos da nosa cultura, ou que acheguen puntos de vista innovadores, facendo especial fincapé en contidos ligados ao lecer e “ás preocupacións da xente nova”.
Por exemplo contidos de música, arte, literatura, ciencia, patrimonio, audiovisual, medio ambiente, voluntariado, asociacionismo cultural, Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), graffiti, banda deseñada, deportes, motor ou videoxogos.
A iniciativa, que vén da man do Equipo de Normalización de Lingüística do IES de Curtis, parte dos seguintes obxectivos fundamentais: por unha banda valorar a importancia dos blogs como ferramentas didácticas para o desenvolvemento de contidos curriculares e máis a súa utilidade para a motivación do alumnado, e por outra banda fomentar o emprego activo das novas tecnoloxías e a creación de espazos que favoreza asociacións positivas para a lingua. Ademais, o certame encamíñase a contribuír ao uso da noso idioma na Rede, a promover o coñecemento de diferentes aspectos da nosa cultura (sobre todo os vencellados ao lecer), a complementar a formación académica do alumnado con elementos que axuden á súa inserción no eido laboral e a procurar formación continua e colaboración educativa entre nais, pais, profesorado e persoal non docente do IES de Curtis.
A temática das bitácoras candidatas poderá ser libre, pero valoraranse positivamente aqueles blogs que amosen aspectos sobre algunha das linguaxes artísticas e culturais devanditas e as súas diversas expresións e manifestacións na nosa terra. O prazo de inscrición de achegas xa está aberto a través do blog Son de Noso. O autor ou autora deberá cubrir un formulario no que indique o seu nome e apelidos, o curso ou estamento ao que pertence no seo da comunidade educativa e a URL (ligazón) do seu blog. Os traballos faranse públicos o 17 de maio, Día das Letras Galegas e da Internet, en Son de Noso. Até ese intre as autoras e autores deberán alimentar o seu blog, que terá que conter un mínimo de oito entradas.
Concederase un único premio consistente nunha tableta para o mellor caderno presentado polo alumnado. Teranse en conta os seguintes criterios: calidade lingüística, interese dos contidos, deseño e orixinalidade, inclusión de información propia, actualización e número de entradas, recursos e ligazóns de interese relacionados co tema elixido, aproveitamento das posibilidades que ofrece o blog (inserción de textos orixinais, vídeos, imaxes, audio), participación e comunicación coa comunidade virtual (seareiros, difusión nas redes sociais, comentarios, visitas...).

Ningún comentario:

Publicar un comentario