O rascuño do Decreto deseñado por Madrid prevé mudar a proba de acceso á universidade por un exame tipo test.
De acordo coa reforma da lei educativa aprobada polo Partido Popular nas Cortes españolas, a LOMCE, a proba de acceso á universidade coñecida como selectividade desaparecerá no curso 2017-2018.Na terza feira (21 de abril) o goberno de Mariano Rajoy presentará na Conferencia sectorial de Educación a súa proposta na que prevé substituír os exames actuais por un test de 350 preguntas. A iniciativa deberá ser debatida tamén coas organizacións sindicais no Consello escolar.
Así o recolle a axencia de noticias Europa Press que tivo acceso ao documento. No rascuño do decreto inclúense ademais os trazos xerais das reválidas ás que se someterá o alumnado de Primaria, ESO e Bacharelato e que serán comúns para o conxunto dos territorios do Estado español.
De acordo coa información difundida estas probas académicas non condicionarían a avaliación do estudantado de Primaria. Porén, para o alumnado da ESO suporán o 30% da nota (70% a actividade durante o curso) e no Bacharelato o 60%, igual que acontecía até o momento coa selectividade. Aliás, para se presentar a este test será necesario contar con todas as materias aprobadas. No caso do ensino secundario poderán acceder @s estudantes que conten con até 2 suspensos sempre que estes non sexan unha lingua e matemáticas.
A entrada en vigor destas probas produciríase após as eleccións ao Parlamento españolTanto na Primaria como en secundaria só haberá unha convocatoria. En troca, no bacharelato disponibilizaranse dúas. A primeira data será en 2016 para as idades máis temperás. A ESO e BAC comezarán en 2017.
En relación cos contidos avaliaranse as materias comúns e específicas ficando fóra a relixión. Os exames comporanse de tres bloques en ESO e Bacharelato. Até un máximo de 200 preguntas tipo test (multiopción) correspondentes a catro materias troncais (comúns) elixidas pol@ alumn@; 100 sobre materias troncais elixidas e 50 referidas a materias específicas.
Tamén se incluirán preguntas de resposta aberta para avaliar a expresión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario