mércores, 29 de abril de 2015

A Academia leva ao Tribunal Constitucional o decreto do plurilingüismo

O Plenario da Real Academia Galega decidiu presentar recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional contra a sentenza do Supremo polo decreto do plurilingüismo no ensino non universitario. Afirma que se ve na “obriga” de facelo, en defensa das “persoas galegofalantes”.

A Academia decidiu continuar adiante nos tribunais coa súa oposición ao decreto do plurilingüismo no ensino non universitario e chega agora ao Tribunal Constitucional cun recurso de amparo contra a recente sentenza do Tribunal Supremo que ditaminaba sobre o recurso de casación á sentenza do Superior de Xustiza de Galicia.
A RAG asina, ao facer pública o recurso perante o Constitucional, un comunicado máis que cuestiona a política lingüística do goberno de Feijóo. A entidade presidida por Alonso Montero confesa verse “na obriga” de presentar o recurso na “defensa dos dereitos das persoas galegofalantes, que considera vulnerados polo devandito decreto”. Continúa, pois, o proceso xurídico que se iniciaba coa demanda presentada pola RAG perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Vulneración do dereito de igualdade
O cerne do recurso móvese arredor da vulneración do dereito á igualdade que non está amparado, segundo din, na sentenza á que se refire. Os argumentos nos que se fundamenta o recurso de amparo da RAG son, entre outros, o dereito á igualdade e no mandato a prol da normalización lingüística recollido na propia Constitución e o Estatuto de Autonomías. Remítese tamén á Lei de Normalización Lingüística e á Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, co máximo nivel de compromisos por parte do Reino de España que obriga entre outros “a ofrecer unha educación preescolar, primaria, secundaria, técnica e profesional garantida en lingua galega”.
"Perpetúa a situación de inferioridade"
“O máis grave é que o dito decreto perpetúa a situación de inferioridade da lingua galega, afondando nos prexuízos contra a mesma, ao excluír taxativamente o seu uso nas materias de contido científico”, di no seu texto unha Academia que entende que o  Decreto 79/2010 no canto de desenvolver a LNLG “en realidade está en aberta contradición con esta, obviando o concepto de normalización e anunciando no preámbulo un cambio do marco legal, pese a que se trata unicamente dunha norma para o desenvolver”.  A Real Academia Galega entende que as devanditas consideracións fundamentan o recurso ante o Tribunal Constitucional, sendo que poñen de manifesto a vulneración do dereito fundamental á igualdade non amparado na sentenza recorrida.
“A propia xurisprudencia do Tribunal Constitucional ten establecido que ambas as linguas oficiais (galego e castelán) deben ter unha presenza no ensino suficiente para garantir a consecución do obxectivo de igualdade”, explícase no recurso, remitindo ás propias sentenzas emitidas polo TC.

Ningún comentario:

Publicar un comentario