mércores, 1 de abril de 2015

A wikimaratón da Galipedia fai parada na UDC

Os vindeiros 16 e 17 de abril celebraranse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña as primeiras xornadas Coñece a Galipedia na UDC, unha mestura entre unha xornada de portas abertas e unha wikimaratón da Galipedia. Estas xornadas, promovidas pola Facultade de Informática da UDC, GPUL e a Galipedia, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, pretenden achegar a enciclopedia libre en galego a todas as persoas interesadas.
Os actos contarán cunha charla de introdución á edición da Galipedia e con actividades máis avanzadas como a introdución ao manexo de bots, a través dunha charla ofrecida por Roi Ardao López, Banjo. Tamén se fará unha pequena wikimaratón de artigos relacionados coa Universidade da Coruña e outros temas, como a informática. Entre as entradas que se busca mellorar ou actualizar están as dos ex reitores José Antonio Portero Molina ou José María Barja e a do actual reitror Xosé Luís Armesto; ou as de termos coma Linguaxe Java, Hipertexto, Módem ou Joomla!. Tamén se queren crear novas entradas para Antonio García-Bellido, Dana Scott, Valentín Fuster de Carulla, Gerald M. Edelman ou Fernando Lázaro Carreter. 
Así mesmo, terá lugar a entrega de premios e a presentación dos traballos gañadores do concurso Wikinformática, enfocado á visibilización do papel da muller nas TIC entre os estudantes de secundaria. Para poder participar é necesario ter un usuario da Galipedia e rexistrarse na páxina do evento, xa que as prazas son limitadas, aínda que tamén existe a posibilidade de participar en liña. Pódese consultar toda a información sobre o evento nesta páxina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario