martes, 27 de setembro de 2016

WhatsApp comeza a impedir o seu uso a usuarios que non acepten as súas condicións

Este verán foi moito o balbordo xerado ao redor do feito de que WhatsApp mudase as súas condicións de servizo para detallar as condicións nas que compartirían a súa información con Facebook, e aínda que inicialmente ao disparar a alerta do cambio das condicións do servizo aparecía unha opción na que permitía adiar a toma da decisión, dende a pasada fin de semana a aplicación deixa de permitir saltar as condicións de uso de WhatsApp, de xeito que é obrigado aceptalas de querer seguir a usar esta ferramenta de comunicación.
Cómpre lembrar que, tras aceptar as normas, segue a haber unha opción na configuración de privacidade que permite limitar o xeito no que WhatsApp comparte datos con Facebook, pero só en certos casos, pois non podemos esquecer que Facebook é a compañía matriz de WhatsApp, e non parece ver con bos ollos ter que establecer barreiras artificiais entre os seus distintos produtos de cara á súa explotación comercial.
O paso adoptado por WhatsApp é o máis razoable, pois non tería sentido que a compañía permitise que un usuario empregase a súa plataforma sen aceptar as súas condicións de uso, e non parece que os cambios nas condicións estean a ter ningún tipo de repercusión no volume de usuarios, xa que a migración a outras plataformas non é unha opción razoable para a meirande parte dos usuarios, xa que non se trata dunha decisión individual (xa que a ferramenta emprégase en combinación con outros usuarios, e unha fuxida masiva é case imposible).

Ningún comentario:

Publicar un comentario