A organización Ceapa considéranos un serio problema para alumnos e familias e xa tomaron medidas para erradicalos.
A organización de pais Ceapa emprendeu unha campaña contra os deberes, que inclúe a negativa a que os fillos teñan que facer tarefas escolares na casa polo menos durante as fins de semana de novembro para comezar a concienciar sobre o que consideran un problema para alumnos e familias.E iso, entre outros motivos, porque o 48,5 % dos pais consideran que os deberes dos fillos afectan de forma negativa á súa vida familiar, segundo un estudo sobre os dereitos da infancia realizado por Ceapa, maioritaria na escola pública.
OBXECTIVOS. O obxectivo é que os deberes desaparezan na súa "totalidade", salientou en rolda de prensa o presidente desta organización, José Luis Pazos.
Como sinal de ir avanzando por este camiño, estes pais propuxéronse que os profesores non encarguen tarefas para as fins de semana do mes citado.
Se non fose así, as familias negaríanse, expuxo Pazos, e entregarían os luns no centro escolar un documento explicando os motivos polos que os fillos non realizaron as tarefas.
Ceapa presentou este xoves o "resumo executivo" do estudo citado, elaborado coas respostas de 1.748 pais e 472 menores durante o primeiro semestre do ano, máis do 90 % deles pertencentes á escola pública.
O 20,24 % dos pais indican que os alumnos dedican máis de dúas horas diarias aos deberes (superior a 10 horas semanais).
O 39,44 % denuncian que os deberes entran en conflito a miúdo coas necesidades dos nenos.
O 29,41 % dos menores sitúan o tempo dos deberes por encima das dúas horas.
Catro de cada dez nenos pensan que non respectan sempre o seu tempo de xogar e descansar, e o 65,67 % aseguran que non facer os deberes prexudícalles.
A campaña chámase Na escola falta unha materia: o meu tempo libre.
GASTOS ESCOLARES. Na rolda de prensa do comezo do curso escolar, Pazos denunciou tamén unha tendencia "á alza" en varias comunidades de "copagos" das familias aos centros públicos (incluso se dispararon") en diñeiro ou en especie, o que considerou "ilegal" e "irregular" se non se estende un recibo.
Pazos, que non ofreceu datos concretos de comunidades, centros ou alumnado afectado, relacionouno coa caída do gasto educativo público dos últimos anos.
En canto aos libros de texto, o mesmo estudo indica que unha de cada cinco familias pasa apuros económicos pola compra. Tan só o 21 % ten asegurada a gratuidade total, mentres que o resto ten que efectuar algún desembolso.
Pazos reprochou que haxa que "tirar ao lixo" libros anteriores á Lomce cando Ceapa considera que eran perfectamente aproveitables.
Segundo Ceapa, existe a gratuidade para todo o alumnado do ensino obrigatorio polo sistema de préstamo e reutilización en Andalucía, Estremadura, Navarra e Comunidade Valenciana.
Pola contra, Madrid e Cataluña son as únicas comunidades sen axudas directas de libros, tan só bolsas para os casos de extrema necesidade.
Hai axudas para as familias, pero "insuficientes", en Aragón, Baleares, Castela-A Mancha, Murcia e A Rioxa.
No resto, o modelo é de préstamo e reutilización polos centros, aínda que non de todos os libros nin para todo o alumnado.
Se se trata do comedor escolar, o 84,19 % das familias aseguran que non ten ningunha axuda para pagalo. Destas, unha de cada catro recoñece que ten dificultades para abonalo.
O 82 % das familias usuarias contestan viron reducidas ou suprimidas as axudas públicas durante a crise, aínda que un 12 % admiten que agora se recuperaron.
Un terzo din que o menú escolar non ten a calidade desexable e o 29 % non están satisfeitos co servizo.
En todas as comunidades mantéñense os prezos do comedor practicamente este curso, pero cun custo para as familias que se pode duplicar segundo onde residan: tres euros en Asturias e entre 5,5 e 6,8 euros en Navarra.
Segundo Pazos, as administracións non están a facer un esforzo suficiente nos comedores escolares, que son a única alternativa dunha alimentación adecuada para os alumnos das familias menos favorecidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario