martes, 20 de setembro de 2016

Tek Fest: tecnoloxías para mellorar a vida das cidades

Tecnoloxías coma o big data, a realidade virtual, a arte dixital ou as cartografías urbanas serán as protagonistas da I edición do TEK-FEST, Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes. Baixo o lema #ACidadeDoFuturo, o encontro pretende "situar a Pontevedra no mapa das novas tecnoloxías e fomentar o emprego destas tecnoloxías para mellorar o mundo", tal como sinalou esta mañá en rolda de prensa a Concelleira de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, Anabel Gulías, que estivo acompañada polo director creativo do TEK-FEST, Toño Cabanelas, con quen falamos en Praza hai unhas semanas.
Cabanelas destacou a presenza de expertos, tecnólogos e artistas "de importacia internacional" como Miguel Espada de EspadaySantaCruz, un dos mellores estudos creativos de arte dixital, que realizará no Pazo da Cultura o 30 de setembro unha instalación interactiva feita con bombillas incandescentes, baseada no proxecto Light Kinetics que presentou recentemente no MOMA de Nova York. A instalación, unha obra de arte efémera que só se poderá ver ese día no TEK-FEST, e que está inspirada na Ponte do Burgo de Pontevedra, será aberta a todos os veciños da cidade, visitantes e participantes nas actividades do TEK-FEST, xunto cunha performance sonora a cargo do crítico de arte José Manuel Costa, do programa Retromanía (Radio 3), que fará un percorrido pola historia dos distintos soportes sonoros ao longo do século XX.
Anabel Gulías salientou especialmente esta unión entre tecnoloxía e música, como exemplo da visión que o TEK-FEST quere mostrar, que vai máis alá de mostrar meras ferramentas, senón que pretende mellorar a vida da cidadanía a través da información, a educación, o turismo ou a industria.
Así o detallou Toño Cabanelas presentando a programación do Symposium, que terá lugar o 30 de setembro, no que expertos procedentes da filosofía, o deseño, a moda, a programación e a música reflexionarán sobre “a cidade do futuro” no entorno dixital. Como mestre de cerimonias actuará o xornalista Manuel González, director do programa de TVE Zoom Net, dedicado á información tecnolóxica. A conferencia inaugural do Symposium correrá a cargo do filósofo Pedro Medina e o deseñador Javier Maseda, do estudio Sopalmo, que reflexionarán sobre a evolución histórica da noción de cidade e como a tecnoloxía dixital proxecta o seu futuro.
Tras eles intervirá a deseñadora Isabel Berz, unha das maiores innovadoras do mundo na fusión de moda, tecnoloxía e proxectos sociais, que falará sobre “A nova educación: cara a un novo modelo baseado na innovación e na investigación”. Javier Noguerol, de CARTO, achegaralles ás persoas asistentes unha introdución ao big data relacionado coas cidades, e Jimena Merino, unha das primeiras directoras artísticas de VR (realidade virtual) que hai en España, falará da democratización da realidade virtual e da imaxe inmersiva a través do seu uso nas redes sociais, con exemplos prácticos.

Tempo para fedellar

Para as persoas con máis ganas de fedellar, o TEK-FEST ofrecerá a posibilidade de probar de primeira man moitas das tecnoloxías de realidade virtual máis avanzadas, mesmo algunhas que aínda non están no mercado, como a próxima consola en realidade virtual de Sony, a PlayStation VR, que revolucionará o mundo dos videoxogos con entornos inmersivos en 360º. Para poder probar esta consola e outros gadgets, como as gafas de VR interactiva HTC Vive ou os últimos modelos desenvolvidos por marcas como Samsung, todas as persoas que queiran poderán achegarse o 30 de setembro pola tarde ao Pazo da Cultura ou o 1 de outubro durante todo o día na Casa da luz de Pontevedra.
Nese demo day o público non só poderá probar estes trebellos senón que a través deles poderán gozar de diversos contidos en realidade virtual creados en Galicia por Bermudas Land, como o filme Fragments, e outras pezas realizadas nos últimos meses na contorna de Pontevedra, pensadas para a promoción económica e turística da cidade e para a súa difusión no circuito da VR internacional. Un paquete de contidos co que moi poucas cidades europeas contan e que posicionará a capital pontevedresa á cabeza das cidades innovadoras na difusión do seu urbanismo e patrimonio en realidade virtual. Obradoiros para crear mapas de datos e realidade virtual

Os obradoiros

Trátase de dous workshops de 12 horas que se celebrarán simultaneamente durante 3 días, do 27 ao 29 de setembro . O primeiro deles titúlase VR 360: Audio, Video & Programming e estará impartido por Antonio Víctor García-Serrano (Zakato), un dos mellores camarógrafos 360 a nivel mundial, e polo estudio Bermudas Land, pioneiros da VR en España con sede en Galicia e Madrid. Xuntos veñen de ser seleccionados pola prestixiosa mostra Kaleidoscope pola súa obra Fragments, realizada en 2015 na Illa de San Simón e considerado o primeiro fashion film en realidade virtual en todo o mundo. A peza poderá verse en San Francisco o 30 de setembro, data na que se conectará dende o TEK-FEST en directo para presenzar ese gran fito da VR en España.
O segundo obradoiro leva por título Carto: Location Intellingence e estará impartido por Javier Noguerol, responsable de intelixencia de produto de CARTO, unha empresa con sede en Madrid que é das máis destacadas internacionalmente na análise e visualización de datos xeolocalizados. Neste obradoiro os participantes crearán os seus propios mapas interactivos da cidade de Pontevedr a a partir de datos abertos relacionados co medio ambiente e o gasto enerxético, e aprenderán a usar esta tecnoloxía a través da ferramenta CARTO Builder, pensada para deseñadores, xornalistas e perfís profesionais que traballan con datos pero sen precisar saber programación. Os dous workshops de 3 días teñen un número reducido de prazas, polo que as persoas interesadas deberán facer a súa inscrición antes do 20 de setembro na web do TEK-FEST.

Ningún comentario:

Publicar un comentario