venres, 30 de setembro de 2016

O Apego pola lingua chega ao medio millón de habitantes

O programa cooperativo Apego conta con máis eco. Once novos concellos adheríronse á iniciativa, que xa chega a 23 municipios e a máis de medio millón de persoas.

Socializar en galego a infancia é posíbel co programa Apego, unha iniciativa que atinxe o medio millón de habitantes. Despois de que en 2015 A Baña, Carballo, Carnota, Narón, Negreira, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo se sumaran ao programa, en primavera de 2016 fixérono, grazas ao impulso inicial da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), os concellos de A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo.
Deste xeito, ábrense as posibilidades de que as familias poidan incorporar o galego á crianza dos seus fillos e fillas. O programa incorporou máis recursos ás accións que vén realizando desde o pasado ano. Con dous novos vídeos, os servizos de normalización transmiten os obxectivos do proxecto, o seu funcionamento e divulgan ferramentas útiles para incorporar o galego na crianza dos rapaces e das rapazas.
Aliás, as persoas usuarias de Apego teñen á súa disposición unha caixa con información e recursos en galego; propostas de achegamento dos nenos e das nenas á lingua e á cultura galega con naturalidade desde as primeiras idades e convocatorias de actividades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario