martes, 27 de setembro de 2016

Chegan o Tek-Fest e as tecnoloxías emerxentes a Pontevedra

Na terza feira comeza en Pontevedra a primeira edición do Tek-Fest, o Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes que baixo o lema #ACidadeDoFuturo reunirá persoas expertas en deseño, programación, imax, arquitectura, filosofía, moda, educación, social media e arte dixital.

A idea é  compartiren o seu coñecemento sobre as tendencias tecnolóxicas que mellorarán a vida nas cidades no futuro máis próximo. Dous workshops, un Symposium e un Demo Day compoñen as actividades do Tek-Fest, que organiza o Concello de Pontevedra e que terá lugar do 28 de setembro ao 1 de outubro.
O Symposium celebrarase a vindeira sexta 30 de setembro e estará conducido polo xornalista Manuel González , director do programa Zoom Net de TVE. Na xornada participarán referentes do mundo do deseño como Isabel Berz, experta en moda e innovación social, Javier Maseda & Pedro Medina do estudio Sopalmo, Javier Noguerol de Carto ou Jimena Merino de Bermudas.land, unha das primeiras directoras de arte que traballan no Estado coa realidade virtual. A eles uniranse o crítico e comisario de arte José Manuel Costa, codirector do programa Retromanía en Radio 3, canda o VJ Toño Cabanelas, director creativo do Tek-Fest, e mais o ‘artesán dixital’ Miguel Espada, do estudo Espadaysantacruz, que fará unha instalación en vivo titulada “Light Kinetics”.
O Tek-Fest arrinca na terza con dous workshops de realidade virtual e de cartografía de datos, respectivamente. O obradoiro de VR está orientado á captura de vídeo en 360o e de son binaural, e á integración da interacción nas imaxes inmersivas. Impartirao o camarógrafo Antonio Víctor García-Serrano (Zakato) xunto ao equipo de Bermudas.Land.
O segundo taller estará dedicado á cartografía dixital urbana, impartido por Javier Noguerol, de CARTO, a empresa española líder en visualización e análise de datos xeolocalizados a nivel mundial. Os participantes aprenderán a usar a ferramenta CARTO Builder para crear mapas interactivos con datos abertos das cidades, analizando e procesando información en tempo real.
Na tarde da sexta e do sábado os visitantes do Tek-Fest poderán achegarse a coñecer de primeira man as últimas tecnoloxías de realidade virtual, como o dispositivo HTC Vive ou a agardada Play Station VR de Sony, que non chegará ao mercado ata finais de outubro. Os veciños de Pontevedra poderán acceder deste xeito a contidos que só se poden difrutar en VR, incluídas obras en Galicia como a mencionada “Fragments” ou distintas pezas relacionadas coa cidade, o turismo, o patrimonio, a natureza ou a cultura marítima, rodadas no contorno das Rías Baixas polo equipo do Tek-Fest.

Ningún comentario:

Publicar un comentario