A USC acaba de adherirse á iniciativa HRS4R (Human Resources for Research),
unha proposta da Comisión Europea para impulsar nas institucións de
investigación a aplicación da Carta Europea do Investigador e do Código de Conduta
para a Contratación de Investigadores. Estes documentos fixan
criterios e recomendacións de carácter voluntario para a xestión dos recursos humanos no eido científico fixando os papeis, responsabilidades e dereitos dos investigadores e provedores de fondos.
Logo desta ahdesión, a Universidade de Santiago está a traballar
agora na obtención do selo de calidade HR Excellence in Research
(Excelencia en Recursos Humanos de Investigación) co que a Comisión Europea
identifica as institucións que contan con plans de actuación
específicos neste eido. O obxectivo destes plans son desenvolver
estratexias dirixidas á xeración dunha contorna estimulante e favorable
na actividade cotiá dos investigadores, con especial
atención a cuestións como os procesos de contratación, os dereitos
laborais ou as posibilidade de conciliación da vida profesional e
persoal, entre outros.
Nas institucións dotadas do selo HR, o persoal investigador
traballará nunha organización que recoñeza e fortaleza os seus dereitos
como profesional, que valore a súa experiencia noutras institucións
nacionais e internacionais e que facilita a conciliación
da súa vida persoal e laboral, entre outras consideracións. En España
unha vintena de Universidades e un cento de institucións de
investigacións xa teñen formalizado esta adhesión á iniciativa HRS4R,
aínda que unicamente catro universidades e 44 organizacións
investigadoras teñen acadado o logo HR. Para logralo, a USC está a
realizar unha análise interna na que a implicación de toda a comunidade
investigadora resulta fundamental.
Ningún comentario:
Publicar un comentario