martes, 27 de setembro de 2016

Desmantelar o rural, comezando pola escola

Retrato do noso labrego: aquel que ama a súa terra e volve, se tivo que marchar, cada fin de semana a coidar as viñas ou os soutos para que non se ermen. Ou que vive ou malvive da facenda ou do viño e ve como cada día algún despacho inventa novos regulamentos para o control da súa vida cotiá. Que marchou novo, se tivo sorte e a casa podía, a estudar ao seminario, que era onde se podía estudar. O masculino non é un despiste. Elas marchaban menos, elas non marchaban, elas nin estudaban.
Parecían conxurados os tempos en que os mozos e ás veces os nenos tiñan que marchar da aldea para facer o bacharelato en Ourense ou en Lugo
Parecían conxurados os tempos en que os mozos e ás veces os nenos tiñan que marchar da aldea para facer o bacharelato en Ourense ou en Lugo. Parecían tamén pasados os tempos en que os mozos e mozas do rural tiñan que facer as maletas e ir buscar a vida en Alemaña, en Suíza, en Francia.
A pretendida flexibilidade da LOMCE nos diferentes itinerarios formativos na Educación Secundaria Obrigatoria estase convertendo nunha trampa para as escasas alumnas no rural
Volvemos ter aos nosos mozos e mozas saíndo a buscar alternativas fóra para fuxir da miseria, e pola porta de atrás, unha lei educativa (a LOMCE) da que comezamos a sufrir as consecuencias nos centros rurais. A pretendida flexibilidade da LOMCE nos diferentes itinerarios formativos na Educación Secundaria Obrigatoria estase convertendo nunha trampa para as escasas alumnas no rural. Para eses centros, e, polo tanto, para esas familias que vivimos nas zonas máis avellentadas e deprimidas das provincias do interior. E faino mediante as restricións á hora de escoller materias optativas. O caso dunha materia troncal como son as matemáticas é especialmente grave. A LOMCE establece dúas opcións excluíntes nesta materia. O alumnado que opta polas matemáticas académicas deberá obrigatoriamente cursar, despois da ESO, o Bacharelato. Quen escolla Matemáticas Aplicadas deberá continuar na Formación Profesional. Esta elección faise en 3º da ESO, cando teñen 14-15 anos. O problema nos centros do rural é que a consellería non permite desdobrar os grupos porque non hai alumnado suficiente. É dicir, que os institutos do rural vense na obriga de impartir unha soa destas opcións excluíntes, impoñendo así, ou ben o bacharelato, ou ben a formación profesional, a todo o seu alumnado. Non se dá ningunha opción ás alumnas que non fixeran a elección maioritaria do centro, nin existe ningunha planificación conforme á cal centros próximos podan cubrir as diferentes opcións. Ademais, os eventuais custes de desprazamento para unha familia que, aínda así, decidise cambiar de centro, correrían a cargo da economía da casa.
Isto, con respecto ás materias troncais. Con respecto ás optativas, a antroidada chega ao punto de que nos centros rurais, independentemente de que conten con persoal formado, non se permiten grupos para estas materias se non se acadan ratios establecidas de antemán, polo que as opcións redúcense a letras/ciencias. (No centro da miña comarca, por exemplo, este ano só se podía cursar economía se ademais se escollía latín). Non olet.
A LOMCE funciona así como un mecanismo perfecto de cribado e reprodución das elites, un sistema limpo e aséptico que despraza as oportunidades de formación das nenas e nenos rurais
A LOMCE funciona así como un mecanismo perfecto de cribado e reprodución das elites, un sistema limpo e aséptico que despraza as oportunidades de formación das nenas e nenos rurais. No individual, dependerá da capacidade de gasto das familias a educación da nosa mocidade.
No colectivo, supón unha nova marca de inferioridade para a vida cotiá no rural (unha máis), un novo motivo para incrementar o éxodo rural das familias con fillas e fillos menores cara ás cidades. Pero suporá tamén o desmantelamento dos centros rurais, nos que grandes profesionais están defendendo unha educación pública e de calidade coas mans atadas. O que ven despois adivíñase: subsidios ás familias, pobriñas, para que enviemos ás nosas fillas a estudar á escola privada. Volver ao seminario, vaia. Volver ao modelo da mocidade emigrada que volve cada fin de semana.
Non cremos no desprestixio forzado que a consellería impón aos nosos centros. Imos quedar onde estamos e imos defender unha educación pública e de calidade
O peche de centros públicos rurais, especialmente en Primaria, foi unha constante do goberno de Feijoo, mentres que noutras comunidades autónomas estanse reabrindo escolas rurais unitarias, estratexia primeira para reverter o avellentamento e a despoboación. Parece que nesta nova lexislatura vai acometer o desmantelamento da educación secundaria. Fariámoslle un inmenso favor se as familias decidiramos volver mandar aos pequenos de doce anos que comezan a Secundaria a estudar a Ourense ou a Lugo. Pero non cremos no desprestixio forzado que a consellería impón aos nosos centros. Imos quedar onde estamos e imos defender unha educación pública e de calidade.

Mercedes Martínez Modroño

Ningún comentario:

Publicar un comentario