martes, 20 de setembro de 2016

CCOO valora negativamente a xestión da Consellaría de Educación na última lexislatura

  • Malia que dous conselleiros diferentes estiveron á fronte do departamento educativo estes catro anos, o sindicato repróchalles que renunciasen a utilizar as competencias autonómicas na materia
A Federación do Ensino de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Ensino) valora negativamente a xestión da Consellaría de Educación na última lexislatura. Malia que dous conselleiros diferentes —Jesús Vázquez e Román Rodríguez— estiveron á fronte do departamento educativo estes catro anos, o sindicato repróchalles que renunciasen a utilizar as competencias autonómicas na materia. Segundo CCOO, a comunidade autónoma, no ámbito das súas atribucións, podería ter contribuído a «paliar» os efectos derivados da aplicación da Lei orgánica de mellora da calidade educativa (LOMCE).

A implantación das probas de avaliación LOMCE en terceiro e sexto de primaria son un exemplo do «entreguismo» da Xunta en relación con esta norma. CCOO-Ensino tamén rexeita a política de recortes que tiveron lugar nos últimos catro anos: perda de máis de 200 unidades educativas desde o 2012, perda de 1.200 empregos desde o 2009, conversión de emprego estrutural en emprego precario ou a «nefasta xestión» das prazas de comedores escolares, entre outras.

Canto á relaciónda Consellaría cos axentes sociais, CCOO-Ensino coida que se caracterizou polo «autoritarismo» e o «desprezo absoluto» cara a representación legal dos traballadores e das traballadoras do ámbito, cun «bloqueo total» do diálogo social.

Finalmente, CCOO-Ensino fai un chamamento a todos os partidos políticos que concorrerán ás eleccións autonómicas do próximo domingo a que asuman as reivindicacións que a organización sindical lles fixo chegar nos últimos días en varias reunións monográficas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario