venres, 16 de setembro de 2016

A Mesa anima a que o 25S o voto conte a favor do galego

Difunde nas redes sociais un vídeo-presentación onde repasa a situación do galego. 

A Mesa pola Normalización Lingüística anima a votar o 25 de setembro por aquelas candidaturas comprometidas para co galego. “Todos os datos amosan como o uso do galego está a diminuír a un ritmo alarmante”. En moitas ocasións, sinalan desde A Mesa, “coa participación dos poderes públicos, a través da difusión de prexuízos contra o galego ou con accións lexislativas, como se ve no caso do ensino onde o decretazo prohibe o galego nas matemáticas, nas ciencias ou na tecnoloxía; ou na administración pública onde está practicamente ausente de organismos como a Axencia Tributaria ou a Seguridade Social”. Por iso a entidade anima a que o 25 de setembro o vote conte a favor do galego. Para elo, difunde nas redes sociais un vídeo presentación onde repasa as modificacións lexislativas en ámbitos como o ensino, e as críticas reiteradas por parte de organismos como o Consello de Europa ao mal chamado decreto de plurilingüísmo.
A Mesa xa remitiu aos principais partidos que concorren a este proceso electoral, unha batería de 6 medidas extraídas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado en 2004 por unanimidade parlamentar, mais cuxa aplicación, 12 anos despois, aínda é unha tarefa pendente. Estas medidas reclaman, a recuperación do papel normalizador da CRTVG, un plan de choque para recuperar o galego no ensino, accións claras e concretas no ámbito das administracións públicas incluíndo xustiza e saúde, os transportes públicos, acordos para a recepción mutua  do sinal da Radio Televisión Portuguesa e a TVG, e o condicionamento das axudas públicas á utilización da lingua galega.
https://youtu.be/abpGspkvx2o

Ningún comentario:

Publicar un comentario