xoves, 15 de setembro de 2016

A nova versión de Gnome estará dispoñíbel ao 100% en galego

O equipo de tradución ao galego para o proxecto Gnome (o popular ambiente de escritorio multiplataforma para equipos con sistemas libres Unix baixo tecnoloxía X Window) vén de anunciar que xa está en preparación a seguinte entrega da ferramenta, a versión 3.22, e que está manterá o nivel do 100% de tradución ao galego. Con esta impecábel taxa de adaptación á nosa lingua garantirase o nivel acadado para o anterior lanzamento da contorna de escritorio. Por certo que o desenvolvemento da tradución pódese consultar na páxina do equipo de internacionalización para o proxecto Gnome.
A adaptación ao galego, polo tanto, abranguerá todas as novidades propias da nova optimización do programa. Por certo que a versión 3.22, tal e como puidemos saber o pasado mes de marzo, está previsto que se achegue á comunidade de usuarios este mesmo mes de setembro. Incluíra melloras importantes na execución de aplicacións web (a través de Epiphany) ou, tamén, na compatibilidade coa Web e co paquete ofimático LibreOffice.
Segundo nos lembra Mancomún, o equipo de tradución ao galego está coordinado por Fran Dieguez e integrado por un total de nove membros con diferentes niveis de dedicación. O grupo, ademais, é un grupo cen por cen open source no seu xeito de traballar, xa que está permanentemente aberto á colaboración de usuarios e desenvolvedores para botaren unha man na revisión e na actualización da documentación base das aplicacións. Para isto, dispón dunha serie de manuais de introdución aos procedementos de tradución de Gnome para orientar aos novos colaboradores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario