mércores, 14 de setembro de 2016

Google busca estudantes en Vigo para impulsar a dixitalización de pemes

A través do concurso "Activa tu ciudad", a compañía formará e asesorará ao alumnado que se inscriba na actividade

Trasladar o talento das e dos universitarios á contorna e poñer en valor os seus coñecementos para axudar ao tecido empresarial a optimizar a súa presenza no mundo dixital. Con este obxectivo Google puxo en marcha o proxecto Activa tu ciudad, unha iniciativa na que agora se implica a Universidade de Vigo na procura de estudantes dispostos a colaborar na dixitalización das pemes galegas. 
O mércores 14 e o xoves 15 haberá un posto informativo no Cuvi
O alumnado que se inscriba neste programa recibirá formación presencial e en liña entre outubro e decembro, o que lles permitirá mellorar as súas competencias dixitais mentres acompañan ás pemes nos seus primeiros pasos no mundo dixital. Así, en función dos seus avances, os participantes sumarán puntos e accederán a premios e recompensas, como insignias para compartir en redes sociais ou sesións en liña para mellorar o seu perfil profesional e coñecer novas oportunidades laborais. Ademais, os que axuden a un maior número de pemes poderán viaxar ás sedes de Google en Mountain View (California) e Dublín.
Para dar a coñecer esta iniciativa e buscar estudantes interesados, esta semana instalarase no Centro Comercial de Cidade Universitaria un posto informativo que se poderá visitar os días 14 e 15. Nel, os alumnos e alumnas que queiran participar poderán rexistrarse e coñecer as condicións, ademais de probar o xogo de realidade virtual de Activa tu Ciudad. A inscrición tamén se poderá formalizar a través da web activatuciudad.withgoogle.com ata o 2 de outubro.
Os mellores equipos viaxarán ás sedes de Google en Mountain View ou Dublín
Dous días despois, o 4 de outubro, terá lugar no campus de Vigo unha xornada gratuíta sobre marketing local para pemes e habilidades de liderado e comunicación que será ofrecida por Google. Xa a partir do 2 de novembro e ata o 31 de decembro, os participantes poderán ofrecer mentorías personalizadas e de balde ás empresas da contorna, así como apoialas na creación do seu primeiro perfil en Google My Business, un produto gratuíto para aparecer nas buscas e os mapas de Google. Para isto crearanse equipos de tres persoas, dos que poden formar parte tanto estudantes actuais como titulados que rematasen os seus estudos nos últimos tres anos, así como un docente por grupo.
Ata agora, esta iniciativa xa se puxo en marcha en seis cidades españolas, contando coa participación de máis de 300 estudantes que conseguiron impulsar a presenza de máis de 4000 pemes en internet.

Ningún comentario:

Publicar un comentario