venres, 23 de setembro de 2016

Errentería pon o ramo a Tosta 2016, o proxecto de irmandade lingüísticas entre nacións atlánticas

O proxecto recala na vila vasca procedente de Galiza, onde armou festa de convivio e diversidade en Rianxo.

Errentería acolle a derradeira singladura de Tosta 2016, o proxecto de diversidade lingüística e cultura entre nacións atlánticas que ao longo destes meses percorreu Galiza, Irlanda, Frisia, Cornualles, Escocia e Gales para chegar agora á Euskal Herria no marco do Festival Atlantikaldia. O proxecto Tosta, promovido por Donosti 2016 Capital Europea da Cultura, contou coa participación galega da Mesa pola Normalización Lingüística co apoio da Área de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo. Rianxo foi a vila galega que acolleu o proxecto do 9 ao 11 de setembro.
En Errentería estará do 22 ao 26 de setembro e nel mostraranse os traballos das diferentes artistas que participaron en intercambios culturais. No caso galego, a música Belén Tajes recolleu e mesturou cancioneiro galego e irlandés, e a artista plástica galesa Luned Rhys, elaborou diferentes pezas baseadas na súa experiencia en Galiza. A Banda Tosta con participación de artistas en linguas minorizadas, mostrará a través da música a diversidade lingüística. A música galega estará representada no Tosta 2016 por Mónica de Nut e Luís Martíns que oferecerán un concerto o sábado.
Unha mesa redonda analizará na sexta feira (venres), 23 de setembro, a situación das linguas minorizadas en Europa e contará coa presenza do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, que tamén participará nun encontro coas sete entidades de Euskalherría, Gales, Irlanda, Frisia, Cornualles, e Escocia que participaron no proxecto e onde explorarán novas experiencias conxuntas para espallar e compartir a reivindicación das respectivas linguas unidas polo Atlántico. Este acto coincide coa celebración do Día Europeo das Linguas o 26 de setembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario