mércores, 28 de setembro de 2016

As pensións en Galiza, 750.000 persoas a cobrar as prestacións máis cativas do Estado

As persoas beneficiarias en Galiza perceben prestacións por xubilación, viuvez, incapacidade permanente ou orfandade moi inferiores á media do Estado.

O Ministerio de Empleo y Seguridade Social vén de actualizar os datos sobre pensións, unha prestación que perceben por volta de 750.000 galegos, correspondentes ao mes de setembro. As estatísticas apenas varían e unha vez máisas pensións galegas figuran entre as máis baixas de todo o Estado español embora aumentar a pensión media do sistema, a que abrangue as diferentes clases de pensións, un 1.9% nos últimos doce meses.
No Estado a pensión media sitúase en setembro en 906 euros mensuais mentres que en Galiza é de 765 euros. Tendo en conta que son 14 pagas ao ano, a diferenza entre unha pensión media galega e unha española é de 2.226 euros anuais. Unha fenda considerábel, máxime tendo en conta que pensións e prestacións son a única vía de ingresos nun de cada tres fogares galegos.
Pensións e prestacións son a principal vía de ingresos nun de cada tres fogares galegos
Xubilación
Esta situación, pensións medias por baixo da española, atinxe a todas as prestacións deste grupo. Na de xubilación, que cobran 470.000 persoas en Galiza, é de menos de 870 euros mensuais cando a media española está en 1.050. O que significa case 2.500 euros menos cada ano para un xubilado galego en comparación cun español. Unha diferenza do 17%.
A fenda atinxe tamén as pensións por viuvez, que reciben 187.165 galegos. Son 541 euros mensuais no noso país por 639 de media no Estado. Un 15% menos para viúvas e viúvos galegos, 1.372 euros anuais. Nas pensións por orfandade, que con 368 euros en Galiza, está a fenda máis pequena. No estado son 379 euros, oq ue representa 140 euros máis ao ano.
Incapacidade permanente
E nas prestacións por incapacidade permanente, que perceben 69.200 persoas no noso país, a diferenza é de máis de 100 euros ao mes, 1.400 euros anuais. En Galiza é de 827 euros e a media española anda nos 930.

Ningún comentario:

Publicar un comentario