O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reclama que se recoñeza a profesión nesta convocatoria do Ministerio de Educación para o apoio educativo.
O Consejo General de la Psicología, que agrupa a todos os colexios do Estado, presentou un recurso ante a devandita convocatoria. O obxectivo destas axudas é, de acordo coas propias bases, financiar unha "intervención psicoeducativa específica e profesional orientada a alumnos que amosen dificultades concretas de aprendizaxe vinculadas á presenza dalgún trastorno específico". “Precisamente, o tratamento deste tipo de dificultades corresponde en concreto a psicólogos e psicólogas, que son quen teñen a competencia para abordar os trastornos e non simplemente implementar unha serie de pautas ou reeducar en casos que non están asociados a algún trastorno”, apunta esta entidade nun comunicado.
Ademais, lembra que as competencias como profesionais da psicoloxía “ciméntanse sobre coñecementos teórico-científicos e na práctica que abranguen a discapacidade, o trastorno de déficit de atención con hiperactividade e trastornos graves de conduta, todos eles perfís aos que se lle concede esta axuda estatal”.
Por iso, esixe ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte que se modifique esta convocatoria e se recoñeza a intervención dos titulados e tituladas en Psicoloxía, “xa que se trata dos e das profesionais máis idóneos competencial e cualificativamente para o obxectivo que perseguen estas bolsas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario