mércores, 14 de setembro de 2016

GaliciaTIC suma novos apoios e ultima o seu programa

GaliciaTIC, o evento galego sobre novas tecnoloxías da información, está a piques de chegar á súa 14 edición. A cita será o 22 de setembro na Cidade da Cultura de Santiago, baixo o lema Transformación dixital para unha competencia global. O gran obxectivo desta edición 2016 é indagar o potencial das revolucións tecnolóxicas para impulsar o noso tecido empresarial e industrial cara a modelos de meirande eficiencia, sustentabilidade e rendemento. Por certo que estes días puidemos saber de novos apoios (por exemplo o de Hewlett Packard Enterprise, o do Centro Tecnolóxico Gradiant ou do Centro de Investigacións TIC da Coruña, o CITIC) e, tamén, de todos os detalles relativos ao programa.
Entre os patrocinadores confirmados do evento atópanse Banco Sabadell, Deloitte, Edisa, Emetel, Fujitsu, Imatia, Itelsis, Ayco, Qindel, Oracle, Televés, Hewlett Packard Enterprise, CouncilBox e UNProject. Haberá relatorios, mesas temáticas e actividades de achegamento ás últimas tendencias TIC mundiais, amais dunhas innovadoras xeiras de debate tecnolóxico con formato de ring de boxeo. Amais dos devanditos apoios, contarase co respaldo do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a asociación Ineo (asociación galega de empresas tecnolóxico-dixitais), o Centro Tecnolóxico Gradiant, o Centro de Investigación TIC da Coruña (CITIC), a Universidade de Vigo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. Por certo que a maiores das ditas entidades colaboradoras nas xornadas pasadas sumáronse os de GoEmprende (Rede Business Angels de Castela A Mancha) e MyAngelTIC (rede de investidores de proxectos innovadores e tecnolóxicos).
Respecto do programa, a inauguración correrá a cargo de Mar Pereira, directora de AMTEGA. Contarase para a sesión oficial de apertura de actividades (prevista para as 9.30 horas) coa presenza de Giovanni Giardina (Ineo) e Miguel Merino (Universidade de Vigo). A continuación Futijsu falará de Os retos do Big Data e a Transformación Dixital Auditorio, e, un pouco máis tarde Deloitte debullará a seguinte cuestión: Os retos da transformación dixital dende o punto de vista da ciberseguridade. Podemos ver o programa por enteiro, en todos os seus detalles, accedendo a www.galiciatic.com/programa2016.
Start-Up Battles
Entre as actividades previstas (amais de conferencias e mesas redondas participativas) hai unha iniciativa que é unha innovación en si mesma. Trátase das Start-Up Battles, presentacións de novos proxectos tecnolóxico-dixitais a desenvolver sobre un escenario a todas luces orixinal: un ring de boxeo.
Segundo informan os organizadores de GaliciaTIC, as Start-Up Battles son desafíos cara a cara mediante "combates dialécticos divertidos e informais”, sobre diversas temáticas e cuestións clave no ámbito do emprendemento TIC e levados a cabo entre dous duelistas con posicións enfrontadas. A idea é permitir que os asistentes se aproximen ao máximo ás diferentes temáticas tratadas, facilitando que tiren as súas propias conclusións ao serlles achegados dous puntos de vista diferentes e poñendo en xogo, desta maneira, un duplo ingrediente enriquecedor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario