mércores, 28 de setembro de 2016

A Mesa pide a intervención de Política Lingüística ante a deturpación de topónimos en medios de comunicación

Nomes como “Pollo”, “Ginzo”, “Carballino, “Jove”ou “Otero del Rey”, foron utilizados para indicar os resultados das eleccións galegas dos 25 de setembro.

O servizo A Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística recibiu estes días queixas e protestas pola deturpación da toponimia galega en publicacións diarias como o xornal español El Mundo a raíz da publicación dos resultados electorais. “Pollo”, “Ginzo”, “Carballino, “Jove”ou “Otero del Rey”, foron algúns dos nomes.
“Até en 36 ocasións, El Mundo utiliza a barbarización como mostra de desprezo polos nomes que identifican os concellos galegos ademais dun descoñecemento absoluto da realidade galega que sorprende nun medio de comunicación”, indican desde A Mesa. A entidade reclama a intervención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza para que “exerza as súas funcións e actúa para que o xornal rectifique a utilización destes barbarismos e repor a legalidade nesta cuestión, tal como indica o artigo 10.1 da Lei de Normalización Lingüística”.
A Mesa lamenta que a deturpación dos topónimos galegos se repita habitualmente por canles públicas e privadas, “nomeadamente nos último tempos, por Televisión Española, Telecinco e Antena 3”.
“É inaceptábel que 33 anos despois da aprobación unánime desta norma, aínda haxa que lembrar que os lugares de Galiza só teñen unha forma legal e lexítima”, sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario