mércores, 21 de setembro de 2016

Entra en vigor a Ordenanza do uso da lingua galega na Deputación de Lugo

Entra en vigor a Ordenanza de uso da lingua galega na Deputación de Lugo, a primeira das institucións provinciais galegas en contar con esta regulamentación. A normativa, que fixa a lingua galega como a oficial para as comunicacións cotiás da entidade, foi  aprobada o pasado xuño co voto a prol de todos os deputados agás o non adscrito Manuel Martínez.
Velaquí, a xeito de mostra, os artigos 3 e 4 da dita ordenanza:
Artigo 3
1. Todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan relación co público fomentarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación de entrada, tanto oral como escrita, practicando a oferta positiva en lingua galega.
2. A atención ao público mediante mecanismos automáticos, tales como contestadores de teléfonos ou outros medios telefónicos ou informáticos, usarán por defecto e de entrada o galego, e así se especificará cando sexan comprados, contratados e/ou programados.
3. O disposto no presenta artigo tamén é de aplicación para as empresas ou entidades que presten servizos á Deputación por concesión, arrendamento concerto ou contrato.
Artigo 4
1. Como criterio xeral, todas as actuacións da Deputación faranse en idioma galego. Isto sen prexuízo de que, cando legalmente sexa requisito, ademais de en galego tamén se fagan noutra(s) lingua(s).
2. Será redactada en lingua galega, cando menos, a seguinte documentación administrativa:
a. As convocatorias de sesións de todos os órganos da Deputación Provincial de Lugo, así como as ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, rogos, preguntas e as actas dos citados órganos provinciais.
b. As resolucións de todos os órganos provinciais.
c. Toda a documentación xerada pola Deputación que forme parte dos expedientes administrativos que teñan que someterse á decisión ou coñecemento dos devanditos órganos.
d. As actas e acordos de todos os órganos dos consellos e entidades con personalidade xurídica dependentes desta Deputación.
e. As notificacións, recursos, escrituras públicas e, en xeral, todos os actos de carácter público ou administrativos que se realicen por escrito en nome da Deputación Provincial de Lugo ou dos organismos que dela dependen.
3. Todos os modelos de documentación da Deputación Provincial de Lugo serán elaborados e difundidos de entrada e prioritariamente en galego e, verbo disto, nos plans e procesos de informatización e racionalización administrativa deberase ter presente o establecido neste artigo, sen que isto signifique que en casos específicos non se poida incorporar tamén a outra lingua oficial para cando unha persoa o poida requirir expresamente.
4. Nos procedementos iniciados a solicitude dos interesados/as, os cidadáns/ás teñen dereito a elixir a lingua na que se dirixen á Deputación provincial e a solicitar desta que as comunicacións, notificacións e demais documentos que se lles dirixan se redacten, ademais de en galego, tamén en castelán.
Información tirada de Praza Pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario