mércores, 21 de setembro de 2016

O goberno local asegura que 91 nenos do Xesús Golmar quedaron sen comedor

Cuestiona á consellería por non atallar un problema que aumenta nunha ducia de prazas sen atender -Cita un acordo plenario para incrementar a dotación do servizo.

O goberno lalinense asegura que 91 alumnos do colexio público Xesús Golmar quedaron no presente curso sen praza de comedor. Ante esta situación comina á Consellería de Educación a que tome cartas no asunto para liquidar un problema que xa se produciu o ano pasado, aínda que entón cifrouse en 79 os nenos que non puideron acceder a este servizo.
O executivo local entende que o departamento do goberno autonómico ten que "atender as necesidades da comunidade educativa " e pór solución "dunha vez"ás demandas que desde hai anos expoñen os pais, co apoio da administración municipal. Ademais, afirma que a Xunta, a pesar das súas "boas palabras segue botando balóns fose" e que o problema coas prazas de comedor, lonxe de solucionarse, é cada vez máis serio. Para o goberno lalinense, estes datos demostran que o conselleiro Román Rodríguez "segue sen atender as demandas dos veciños de Lalín, segue sen facer os deberes, e por tanto segue suspendendo como conselleiro de Educación na convocatoria de setembro", recalca.
Para o goberno local esta situación é aínda máis grave se cabe pois lembra que no pasado mes de febreiro sacouse adiante un acordo plenario a través dunha moción do propio executivo na que se instaba á Xunta a ampliar a capacidade do comedor do Xesús Golmar. Para o Concello, esta reclamación é unha medida de xustiza posto que a actual situación limita a capacidade de moitas familias para cumprir cun dos grandes obxectivos deste servizo: poder desenvolver unha adecuada conciliación da vida familiar e laboral.
Cando o pasado curso a ANPA do centro denunciou este problema, en varias ocasións, a consellería replicou que a propia normativa autonómica establece que os alumnos que acoden a clases en transporte público teñen dereito ao servizo de comedor e que aí se estaba cubrindo a totalidade da demanda. Mentres, os que entrarían dentro do apartado de conciliación familiar si, admitiu Educación, que podería haber máis solicitudes das que foron atendidas. En todo caso o comedor do centro, coas súas instalacións actuais, realiza máis dunha quenda de comidas cada día. Así que, en principio, a solución pasaría por acometer obras para gañar máis espazo ao comedor, actuación cualificada de complexa pola distribución espacial destas dependencias.
Antonte desde a Xunta asegurouse que non había constancia de máis peticións a maiores de prazas de comedor. En todo caso, se existisen, garantiu que serían analizadas para buscar unha solución.

Ningún comentario:

Publicar un comentario