venres, 23 de setembro de 2016

Comeza GaliciaTIC abordando diferentes xeitos de avanzar na nosa transformación tecnolóxica

Hoxe a primeira hora comezou finalmente GaliciaTIC 2016, edición número 14 dun evento que se vai desenvolver ao longo de todo o día, primeiro con relatorios propiamente ditos e logo (máis ben contra a tardiña) con debates “cara a cara” (as chamadas Start-Up Battles) de diferentes parellas de expertos TIC (emprendedores, empresarios, representantes en definitiva do noso tecido produtivo tecnolóxico dixital). A inauguración de GaliciaTIC celebrouse contra as 9.30 da mañá. O fío temático da apertura (e todo o programa restante do evento) foi a transformación dixital: como acelerala nas nosas empresas e administracións, como converternos en abandeirados dela e como facerllo saber ao mundo.
Na sesión de apertura participaron a directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira, e os organizadores Giovanni Giardina, da asociación Ineo, e Miguel Merino, director de GaliciaTIC. Na sesión, Miguel Merino fixo fincapé no éxito desta convocatoria: con case 250 inscricións, duplicouse a cifra do ano pasado.
Giardina falou, entre outras cousas, de como debe ser a devandita transformación dixital: ao seu xuízo, o axeitado non é levala a cabo puntualmente nun intre concreto dentro dunha corporación, senón que a fórmula máis acaída é a de convertela nun procedemento natural e continuo. En certa maneira, dixo, “debemos transformarnos durante todo o tempo” e non só as empresas TIC senón tamén as dos restantes sectores, onde o ideal sería que houbera expertos TIC que fosen quen de coñecer á perfección as necesidades tecnolóxicas destas empresas, e facerllas saber ás firmas especializadas en atender esas demandas.
Giardina tamén dixo que “temos en Galicia un sector forte do que gabarnos”, non só no que se refire ás empresas consolidadas senón tamén as que están chegando, as dos novos emprendedores. Incidiu tamén nos obxectivos de Ineo, entre os que atopan os seguintes: dar visibilidade ás nosas empresas en todos os mercados, fomentar a colaboración, defender o sector, etc. “Dende Ineo e GaliciaTIC”, engadiu, “debemos facer todo o posíbel para que se escoite falar das nosas empresas fóra de Galicia e España”.
Mar Pereira destacou igualmente o músculo innovador galego: “Podemos dicir que temos proxectos moi importantes e dos que se falta, e moito, fóra de Galicia”. O reto, sinalou, é conseguir que todos os sectores tradicionais e todas as administracións públicas estean en situación de aproveitar ao máximo todo o que pode brindar o noso sector TIC. Respecto dos retos da transformación dixital, dixo que cómpre involucrar ao máximo o meirande número de firmas, sexan do ámbito e do tamaño que sexan, pero facendo fincapé nas de tamaño medio ou pequeno. “As grandes a fin de contas apenas precisan axuda”, explicou, “pero temos que ter en conta que o noso sector produtivo ten moitas empresas de tamaño medio e pequeno e o desafío é facerlles os procesos de transformación tecnolóxica e dixital máis doados e sinxelos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario