O pasado sábado o director de Xesgalicia, Juan Cividanes, participou
en Vigo na xornada
de presentación dos 20 proxectos emprendedores seleccionados na actual convocatoria
de ViaGalicia, onde destacou os diferentes servizos e instrumentos de apoio
que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar o
desenvolvemento de novos proxectos empresariais.
Cividanes lembrou o compromiso do Fondo Galicia Iniciativas
Emprendedoras, co que se apoiarán os proxectos seleccionados en ViaGalicia, cos
proxectos innovadores impulsados por novos emprendedores, e engadiu que nestes
momentos está activada polo IGAPE a convocatoria para 2016 do programa Galicia
Emprende, dotada con 3,7 millóns de euros en axudas para apoiar proxectos de
creación de novas empresas ou investimentos en empresas de recente creación.
Máis de 300 proxectos emprendedores concorreron á vixente
convocatoria de ViaGalicia. Foron seleccionados 40, 20 para a sede de Vigo e 20
para a sede de Lugo, que acaban de rematar a fase de academia, na que puideron
dispoñer de formación e asesoramento experto para completar e mellorar o seu
modelo de negocio.
A maioría dos proxectos presentados do Demoday do sábado están
centrados nas TIC ou parten destas novas tecnoloxías para impulsar o
desenvolvemento de produtos ou servizos en ámbitos como a saúde, medio
ambiente, alimentación ou téxtil.
O comité técnico de ViaGalicia, do que forman parte
Xesgalicia e a Axencia Galega de Innovación, deberá seleccionar agora os 15
finalistas que poderán participar no proceso de aceleración, que terá lugar nas
instalacións de Porto do Molle. Este ano terán prioridade os proxectos que
destaquen no eido do emprendemento innovador, centrado nos grandes retos da
Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).
Cada un dos 15 proxectos finalistas poderá acceder a
financiamento por importe de 125.000 euros, dos que 75.000 serán achegados por
Xesgalicia e GAIN, e os 50.000 restantes polo Consorcio Zona Franca a través da
sociedade de capital risco Vigo Activo. Por outra banda, os proxectos
seleccionados contarán con servizos personalizados de mentoring e un espazo gratuíto de coworking en Porto do Molle.
Ademais do Fondo de capital risco Galicia Iniciativas
Emprendedoras e do programa Galicia Emprende e, a Consellería de Economía,
Emprego e Industria mantén igualmente activados servizos de formación e
asesoramento, así como outros instrumentos para financiar proxectos
emprendedores, especialmente os de carácter innovador, como os fondos XesInnova
e i2C; a Rede galega de investidores particulares, preparada para facilitar a
confluencia de recursos públicos e privados; ou a liña de préstamos directos
Jeremie.
Ningún comentario:
Publicar un comentario