martes, 12 de xaneiro de 2016

O Concello apoia a creación dunha escola de pais en Lalín para a conciliación familiar

O gabinete da psicóloga Ana García organiza o sábado na casa consistorial unha conferencia titulada "A misión de educar".

O Concello de Lalín ofrece a súa colaboración para a posta en marcha dunha escola de pais co obxectivo de conseguir a conciliación familiar e axudar a "tomar decisións moitas veces complicadas, sobre todo, nas idades máis complexas do desenvolvemento infantil e xuvenil", tal e como explicou onte o tenente de alcalde de Lalín, Nicolás González Casares, durante o acto de presentación da conferencia gratuíta que este sábado terá lugar na Sala de Prensa do Concello. O representante do goberno local estivo acompañado pola promotora da iniciativa, a psicóloga Ana García, xunto á logopeda Sandra Vales e a psicopedagoga Yolanda Llorente. González Casares fixo votos para que a iniciativa "teña continuidade para despois poidan saír máis actividades deste tipo". O político lalinense sinalou que desde o Concello seguirase apostando pola conciliación familiar como "un dos obxectivos de calquera política social nun concello como o noso de baixa natalidade". González Casares tamén lembrou os 363.000 euros que ten previsto investir o goberno de Rafael Cuiña nun futuro plan de conciliación.
Ana García foi a encargada de explicar as liñas básicas polas que se rexerá a conferencia titulada "A misión de educar" prevista para as 17.30 horas do próximo sábado na casa consistorial lalinense. García subliñou o carácter de "charla de guía para os pais porque xa sabemos que os nenos non nacen cun manual debaixo do brazo". A psicóloga lalinense destacou o feito de que na conferencia daranse "algunhas pautas, pero tamén se falará de límites e de normas, que ultimamente se está vendo que escasean nas casas". As estratexias de aprendizaxe no colexio e os problemas da linguaxe tamén formarán parte do programa da charla do día 16. "Pretendemos que educar non sexa unha tarefa imposible", manifestou Ana García, que espera que ese traballo leve a cabo "cun pouco de humor e non tan tensos como están os pais actuais".

Todos os públicos
A psicóloga Ana García tamén recalcou o carácter universal dunha actividade dirixida a "pais, futuros avós, titores, profesores, familiares e coidadores". A propia García será a encargada de iniciar a conferencia deste sábado centrándose en "límites, normas, premios, castigos e un pouco como educar aos nenos". A psicopedagoga Yolanda Llorente será a relatora encargada de falar dos problemas de aprendizaxe, e a logopeda Sandra Vales será a encargada de pechar a quenda de intervencións. Ana García insistiu na creación dunha futura escola de pais sinalando que "nós traballamos no ámbito privado, pero a idea é colaborar co Concello e con outras asociacións de Lalín para realizar actividades como as que fixemos no pasado nadal, no Lalín Area con nenos con distintas discapacidades".
Por último, Yolanda Llorente abriu a porta a que "se o sábado hai algún tema suscita moito interese por parte da xente pódese expor nunha futura escola de pais". As promotoras da idea consideran "moi interesante" a creación da escola de pais sempre en función da demanda existente no municipio.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario