A Mesa continuará a acción nacional e internacional para que o 2016 sexa o último dun decreto infame
Marcos Maceira: “Exiximos que mentres non se elabore un novo
decreto de consenso, se eliminen todas as restricións ao uso do galego”
“Esta chamada de atención é resultado de 6 anos de mobilizacións a favor do galego”
Por segunda vez desde a chegada de Núñez Feixó á presidencia da Xunta, o
Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou
Minorizadas, instou con toda a forza ao Goberno da Xunta e do Estado a
disporen os medios para garantir o cumprimento da Carta en todos os
aspectos e, dun xeito especial no ámbito do ensino, sinalando que os
obxectivos do mal chamado Decreto de Plurilingüísmo entran en
contradición e incumpren o contemplado na Carta.
Segundo Marcos Maceira, “a vergoña que sentimos na Mesa por un
informe tan rotundo como este, só se pode combater ampliando a acción
nacional e internacional, que a Mesa realizou no 2015, para que o 2016
sexa o último ano dun decreto infame”.
“Só agardamos que o presidente da Xunta sexa capaz de sentir a
vergoña que sentimos nós e que atenda os chamados da sociedade galega e a
comunidade internacional”, indicou.
Para a Mesa, que durante a avaliación presentou ao Comité de Expertos
un detallado relatorio de incumprimentos da Carta, hai, ademais, un
paso importante por parte do Consello de Europa xa que por primeira vez é
o propio Consello de Ministros quen sinala nas súas recomendacións que a
introdución dunha terceira lingua non pode ir en detrimento da propia.
O informe dos expertos sinala ademais a dificuldade para obter datos
fiábeis sobre o galego no ensino e a falta de avaliación por parte da
Xunta das consecuencias do decreto, un aspecto que contempla o propio
decreto e que xa foi sinalado pola Mesa no recente informe sobre o
galego na Educación Infantil nas cidades, ao que os expertos fan
referencia.
“Desta vez non son só os avaliadores quen relatan a situación de
extranxeirización que padece o galego no ensino, senón que tamén son os
Ministros quen fan a mesma recomendación que leva facendo a sociedade
galega desde hai 6 anos a través das mobilizacións”, sinalou o
presidente da Mesa. “Sen estas mobilizacións e sen toda a presión que se
fixo dentro e fóra de Galiza non habería unha chamada de atención tan
forte”.
Deste xeito o Consello de Ministros do Consello de Europa súmase ao
indicado desde que entrou en vigor o Decreto contra o galego ao sinalado
pola Mesa pola Normalización Lingüística e plataformas cidadás amplas
como Queremos Galego que agrupa máis de 600 organizacións sindicais,
políticas, culturais, deportivas ou veciñais.
Desprestixiando o idioma, Feixó estase desprestixiando a nível
internacional a si propio e á Xunta como institución, mais tamén ao
conxunto de Galiza. A comunidade internacional non entende como se pode
asinar un tratado e despois incumprilo impunemente e gabarse de o facer,
mais tamén, lembrou Maceira, “da lectura do informe do Comité de
expertos despréndese que se están a incumprir de xeito flagrante acordos
nacionais como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou a
Declaración de Unidade a Prol da Normalización” , impulsada pola Mesa e
asinada por todos os partidos con representación parlamentar.
Para Maceira, “se tal como indicaron onte hai vontade da Xunta por
atender as recomendacións do Consello de Europa, o goberno galego ten
que eliminar as disposicións que limitan o uso do galego no ensino antes
de comezar a elaborar o novo”, que considerou inevitábel despois da
segunda reprimenda europea.
Xustiza
O informe do Comité de expertos chama a atención sobre os problemas
para utilizar o galego nos procedementos xudiciais, motivado pola súa
falta no programa informático fornecido pola Xunta e porque no acceso á
carreira xudicial en Galiza non se contempla o coñecemento de galego.
Neste sentido tanto os expertos como o Consello de Ministros instan
ao goberno español e á Xunta, dentro das súas competencias, a facer
todas as modificación legais precisas para garantir o cumprimento da
Carta.
Administración e Servizos públicos
Na avaliación do nivel de cumprimento da Carta en relación á
administración, o informe sinala a inexistencia de impresos e
documentación en galego e que “en xeral os servizos públicos da
administración española non garanten servizos en galego”, e piden
explicacións ao Estado ao respecto.
Critican tamén á Xunta polos recortes que motivaron o peche de un terzo dos Servizos de Normalización Lingüística nos Concellos.
No ámbito municipal sinálase a privatización de servizos como outro
problema para o galego ao non garantir a súa oferta na atención ao
público.
Medios de comunicación
En relación aos medios de comunicación os expertos animan ao goberno
galego a impulsar canles de TV, radio, e xornal impreso integramente en
galego.
A Mesa aproveitou para sumarse aos parabéns ás canles de TV, Radio e
dixitais que utilizan o galego e que son mencionados polo Consello no
seu informe.
Así mesmo solicitan información e animan a impulsar acordos que
permiten o intercambio das transmisión de Radio e Televisión entre
Galiza e Portugal
Vida económica e social
O retroceso na oferta de galego en documentación, atención e
formularios de Abanca en relación aos pasos que xa estaban a dar as
antigas caixas, é outro dos aspectos que preocupa ao Comité de expertos,
que tamén alerta sobre problemas de pacientes no SERGAS para seren
atendidos en galego, instando ás autoridades a asegurar a atención en
galego.
O texto completo do informe pódese consultar aquí: https://wcd.coe.int/ViewDoc.jsp?Ref=CM%282015%29147&Language=lanEnglish&Ver=original&BackColorInternet=C3C3C3&BackColorIntranet=EDB021&BackColorLogged=F5D383
Ningún comentario:
Publicar un comentario