Para a CIG-Ensino, o informe do Consello de Europa é un novo argumento a prol da derrogación do Decreto 79/2010
A CIG-Ensino esixe da Consellaría que
deixe de mentir e de atacar o noso idioma. O cuarto informe do Comité de
Expertos da Carta Europea das linguas pon en evidencia a actitude da
Consellaría de Educación pois constata a neglixencia e os incumprimentos
da Administración, o descenso no uso do noso idioma e a falta de
obxectividade da Consellaría na análise da situación, pois, como
comprobou o Comité de expertos, achegou datos que están en contradición
cos fornecidos por entidades non gobernamentais a prol do idioma e non
ten en conta estudos independentes. En conclusión, para a CIG-Ensino
este informe sinala claramente a Consellaría de Educación como culpábel
da situación do idioma e fai unha valoración absolutamente negativa da
política lingüística da Xunta.
No relativo ao ensino, o informe comeza por sinalar cales foran
as recomendacións do informe anterior (“No terceiro informe de
avaliación o comité de expertos … reclamaba urxentemente ás autoridades …
facilitar o ensino en galego”). Pois ben, despois de analizar a
situación, este cuarto informe conclúe “os compromisos relativos á
educación preescolar, primaria e secundaria non foron respectados”.
Tamén no caso da FP o Comité de expertos conclúe que “este compromiso
non foi respectado”. O informe constata os cambios lexislativos
realizados no período analizado, mencionando o Decreto 79/2010 e a
sentenza que contra el ditou o TSXG, xustamente un decreto que reduce a
presenza do noso idioma, en clara contradición coas recomendacións do
Comité de expertos no terceiro informe. De feito, neste cuarto informe
podemos ler: “o Decreto 79/2010 limita o ensino en galego a un máximo do
50%, co obxectivo final de situalo nun terzo. Esta política está
claramente en contradición cos compromisos adquiridos polas autoridades
no ámbito da Carta, que esixe que a educación sexa proporcionada
principalmente en galego.”
A parcialidade da Consellaría de
Educación compróbase perfectamente na nota de prensa emitida onte, na
que oculta intencionadamente a negativísima avaliación realizada por
este Comité de Expertos. Esta parcialidade foi advertida polo propio
Comité que pon en cuestión a información achegada pola Consellaría. O
Comité de expertos avalía, entre outros, o compromiso adquirido pola
Administración de crear órganos de control encargados de facer
seguimento das medidas adoptadas para a potenciación do noso idioma, e
afirma: “segundo a información comunicada polos interlocutores durante a
visita no lugar e que contradín a información comunicada polas
autoridades para o cuarto informe periódico, o sistema de inspección non
cumpre este cometido porque os datos recollidos por medio do programa
XADE non son considerados unha avaliación real e fiábel da presenza do
galego no ensino. O goberno rexeita proporcionar estudos independentes”.
Xustamente unha das denuncias que reiteradamente veu facendo a
CIG-Ensino, que cumpría realizar un seguimento real e obxectivo do
cumprimento da lexislación co obxecto de adoptar as medidas correctoras
necesarias.A CIG-Ensino considera que este informe cuestiona definitivamente a política lingüística da Consellaría de Educación que non pode ocultar perante o Comité de Expertos que a súa é unha actuación demoledora contra a nosa lingua. A CIG-Ensino considera tamén que o propio informe é un argumento máis para reclamar a derrogación do Decreto 79/2010, pois a súa aplicación pon en dúbida a supervivencia do noso idioma porque, alén de impedir o ensino maioritariamente en galego, redúceo á proporción dun terzo, claramente insuficiente para o avance da lingua, como o propio informe constata ao recoller os datos de perda de falantes.
As políticas educativas do PP á fronte da Consellaría de Educación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística baseáronse sempre na falacia do bilingüismo, un fundamento que o Comité de Expertos bota por terra: “a introdución do bilingüismo supuxo unha diminución das horas de aulas en galego.” Mais hoxe a aposta do PP é o trilingüismo sobre o que o informe afirma: “No ámbito da educación, o comité de expertos está preocupado pola redución progresiva do ensino en galego. Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción do galego foi reducida no ensino primario e secundario.”
A CIG-Ensino pregúntase como é posíbel que a Consellaría teña a desvergoña de emitir un comunicado como se nada pasase e o informe non puxese en cuestión toda a súa política lingüística.
A CIG-Ensino considera que este informe demostra as denuncias que viñemos realizando por mor da Consellaría lexislar contra o noso idioma e atacar a súa supervivencia. Por este motivo e, tendo en conta este cuarto informe, esixe da Consellaría que abandone as políticas de demolición do galego e tome en serio as recomendacións do comité de expertos, comezando por asumir responsabilidades e derrogar o Decreto 79/2010.
Ningún comentario:
Publicar un comentario