A subida salarial media pactada en Galicia pechou o ano no 0,76%, por encima da media de España pero máis moderada que a rexistrada en 2014. A baixada dos prezos permite gañar poder adquisitivo aos traballadores.
O 38% dos 2.268 convenios colectivos asinados ou revisados durante o ano pasado en case un millón de empresas en toda España contemplaba unha revisión ou conxelación das remuneracións para máis de 6,4 millóns de traballadores. Unha proporción que apenas se reduciu con respecto a 2014 –cando alcanzou o 39,6%–, constatando que a contención salarial continúa asentada en moitas sociedades pese ao comezo da recuperación. Na gran maioría desas firmas acordouse manter sen cambios os soldos e só en 18 pactouse unha rebaixa, aínda que foi considerable e alcanzou de media o 4,4%, segundo as cifras provisionais publicadas polo Ministerio de Empleo.Os outros dous terzos dos convenios rexistrados a peche de 2015 si establecían melloras nas retribucións do persoal, o que explica que en conxunto se pactase unha alza salarial media do 0,72% nun ano no que patronal e axentes sociais acordaron limitar a mellora ao 1% como máximo tras unha longa negociación. O crecemento medio de apenas sete décimas en 2015 profunda na moderación dos últimos anos, aínda que é o maior desde 2012, cando a alza foi do un punto porcentual. Ademais, permite aos traballadores que se benefician do incremento gañar poder adquisitivo nun escenario de caída dos prezos. A taxa interanual do Índice de Prezos de Consumo (IPC) situouse en decembro no 0% segundo o dato avanzado polo Ine –o definitivo coñecerase este venres– e estivo nove meses en terreo negativo o pasado ano, en gran medida polo abaratamento do petróleo e os seus efectos sobre o prezo dos carburantes e a luz.
Esa situación contribuíu a que os traballadores galegos que viron mellorado o seu salario gañasen capacidade de compra nunha comunidade na que a alza pactada nos 144 convenios rexistrados a peche de 2015 superou a medida estatal e situouse no 0,76%. No entanto, a estatística deixa unha lectura negativa porque, ao contrario do que ocorreu no conxunto de España, ese crecemento das remuneracións foi máis moderado que o pactado en 2014, cando a media alcanzou o 0,99%.
CLÁUSULAS DE GARANTÍA. O feito de que a baixada dos prezos contribúa á mellora do poder adquisitivo dos traballadores aínda que os seus salarios pouco se incrementen reduce a preocupación por que estes evolucionen de acordo co custo da vida. Respecto diso, os últimos datos de negociación colectiva do Consello Galego de Relacións Laborais revelan que só o 17% dos acordos selados ou renovados ata novembro do ano pasado en Galicia incluían cláusulas de revisión dos salarios para garantir a súa subida se o fai tamén o IPC ou se melloran outras variables como a produtividade. En 2007 ese cociente supera o 50%. Oito anos despois, esas cláusulas protexen a apenas o 10% dos traballadores nos novos convenios que se asinan.
EMPREGADOS AFECTADOS. As inaplicacións de convenio afectaron a 43.173 traballadores o ano pasado, un 34,8% menos que en 2014. Ese mecanismo permite deixar en papel mollado condicións salariais e laborais pactadas como unha suposta alternativa á redución de plantillas en empresas con dificultades económicas polo impacto da crise sobre a súa actividade.
49. É o tope de empregados que tiña o 82% das empresas con inaplicación de convenios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario